Inicio arrow O proxecto Ronsel
O proxecto Ronsel Print E-mail
Sunday, 06 January 2008
There are no translations available

 

O proxecto Ronsel xurde da colaboración entre as Consellarías de Cultura e Deporte, Innovación e Industria e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Xunta de Galicia e as Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. As tres guías fundamentais deste proxecto, a desenvolver en cinco anos, son a realización do inventario, a salvagarda e a posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) de Galicia.

O Proxecto RONSEL pretende a documentación e investigación exhaustiva de todo este patrimonio, ademais da súa promoción, protección, difusión e transmisión. Posto que se pretende abordar estas tarefas de xeito científico para maximizar a súa eficacia, unha primeira etapa do proxecto foi realizar unha valoración inicial do estado do noso Patrimonio Cultural Inmaterial. Esta análise realizouse coa participación de todas as partes implicadas, os/as observadores/as e os/as observados/as, os/as científicos/as e os/as portadores/as da nosa tradición, as institucións e as asociacións civís. Deste xeito, a fase inicial do proxecto Ronsel, pensado para desenvolverse nun período de cinco anos, foi executada entre xuño e novembro de 2007, e consistiu fundamentalmente na elaboración dun Plan Salvagarda e Posta en Valor, é dicir, no deseño dun plan de accións relativas ó patrimonio que permitan cumprir os obxectivos xa indicados. Convocáronse un total de cincuenta especialistas en diferentes ámbitos do PCI, persoas que desde todos os ámbitos da sociedade galega, achegaron as súas ideas e coñecementos para a elaboración dun documento que pode guiar ás institucións públicas no establecemento de medidas que permitan poñer en valor, salvagardar e revitalizar o noso patrimonio inmaterial; un documento que achega as necesidades técnicas e os planos para tender unha ponte entre as administracións, as universidades, as asociacións e as propias comunidades de portadores do coñecemento tradicional.

 

A primeira fase deste proxecto acadou tamén outras metas que camiñan xa na liña do cumprimento dos obxectivos principais do proxecto Ronsel. Creouse esta estrutura informática que pretende a difusión do PCI galego, sustentáronse diversas iniciativas para o seu estudo e apoiáronse tamén todas aquelas accións de difusión que solicitaron a axuda do proxecto, na medida dos recursos dispoñibles. Como colofón desta primeira fase do proxecto Ronsel, e atendendo aos obxectivos de poñer en valor e difundir o noso extenso patrimonio cultural, co-organizouse (xunto coa Consellaría de Cultura e Deportes, o Concello de Pontevedra, a Asociación Cultural e Pedagóxida "Ponte ... nas Ondas!" e a Asociación de Gaiteiros Galegos a Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués que tivo lugar en Pontevedra do 7 ao 11 de novembro de 2007 e que claramente puxo de manifesto unha das nosas guías fundamentais: a participación e posta en valor dos/as portadores/as do noso coñecemento tradicional. Preténdese que esta mostra teña continuidade en anos sucesivos.

 

Con data 22 de xaneiro de 2008 foi emitido o programa Alalá gravado sobre o proxecto Ronsel durante a Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués (Pontevedra, 7 ao 11 de novembro de 2007). Ademais, o 10 de febreiro de 2008 foi concedido o premio "Recuncho da Palleta 2007" desde o programa "Lume na Palleira" (Radio Galega) polo traballo realizado.