Inicio arrow Novas sobre o PCI arrow Florencio "O Cego dos Vilares"
Florencio "O Cego dos Vilares" Imprimir Correo-e
Tuesday, 29 de April de 2008

Florencio "O Cego dos Vilares

O violinista cego máis célebre na actualidade en Galicia é Florencio, tamén coñecido coma o Cego dos Vilares. A Florencio López Fernández, nacido no lugar de Pin, parroquia de Bruicedo, concello de A Fonsagrada (Lugo) en 1914, a fama veulle principalmente polas gravacións súas incluídas no disco Recolleita Vol. I (Ed. Edigal, 1.984), coa coordinación de Pablo Quintana. Neste disco, que aconsellamos acadar polo valor tan grande que agora ten, Florencio compartía protagonismo con Eva Castiñeira, pandereteira e cantadora de Agransón, Muxía (A Coruña) e interpreta unhas tocatas e cántigas maxistrais de fondo valor musicolóxico

 

Florencio tamén aparece no Cancioneiro Popular Galego (Ed. Barrié de la Maza, 7 volumes), de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, con varias interpretacións transcritas coa profesionalidade que caracteriza á musicóloga, algunhas das cales figuran nas fitas de audio que acompañan ós volumes.
Tamén hai que dicir que é mencionado nos concertos de Fuxan os Ventos e A Quenlla cando estes grupos interpretan cántigas a el recollidas. Xosé Luis Rivas Cruz "Mini" e Baldomero Iglesias Dobarrio "Mero", destacados integrantes de ambas formacións musicais, realizáronlle diversas entrevistas e gravacións, estes materiais e biografía atópanse en Cantos, Coplas e Romances de Cego I e idem II (Ed. Ophiusa) que eles realizaron incluíndo, igualmente, algunhas das interpretacións de Florencio nos CDs que acompañan a ambos volumes.
Fóra a fama que sempre da a edición dun disco ou a participación en famosos libros, Florencio contribuíu á súa celebridade cun radio de acción moi grande visitando as catro provincias galegas e Asturias. Na contraportada de Recolleita Vol. I, queda constancia de que na súa época máis activa seguía unhas rutas marcadas, con destino a determinadas feiras e pobos que xa coñecía. Curioso é saber que por estes lugares polos que andaba, vivía ambientes caracterizados pola presenza de xentes marxinais, as veces con vidas pouco recomendables. Pero onde era máis coñecido e estimado era en A Fonsagrada, Baleira e Ribeira de Piquín porque era a zona que máis frecuentaba. Nelacoñecía case todas as casas de case tódolos lugares, pois acudía moitas veces como visita ou como amigo cando non como invitado, con trato de familiaridade.
Coma sempre nas persoas invidentes, sorprendía a capacidade de orientación que tiña para seguir os camiños e ir só a moitos sitios. Cóntase que alguén lle preguntou unha vez se vía algo e el contestou que vía como “unha niebla” o que quere dicir que non era totalmente cego, pois apreciaba a luz aínda que non chegara ver formas. A causa da cegueira de Florencio cando era neno foi a viruela que sufriu, enfermidade que fixo estragos na poboación infantil en épocas pasadas e que, finalmente, foi erradicada en España nos anos 60.
Despois de ser atacado por esta enfermidade, o pai de Florencio enviouno a aprender a cantar e tocar con outro cego, pois daquela un eivado como Florencio tiña poucas oportunidades de acadar uns ingresos se non era cantando e vendendo coplas. Florencio non foi quen de aprender nada con aquel cego e este devolveullo a seu pai dicíndolle que o rapaz non valía. Non entanto, Florencio era teimudo e pouco a pouco, só na súa casa, foi aprendendo a tocar o violín e a cantar, acadando finalmente unha grande habilidade. Outra das capacidades de Florencio, como non podía ser doutro modo por ser invidente e músico, era o bo oído que tiña; era quen de aprender unha melodía cunha única audición e, mesmo, interpretala. Tal é a afirmación de Xosé Seivane, quen coincidiu con el en varias festas ás que acudía co seu conxunto Airiños da Ribeira. Xosé Seivane tamén ten recibido a visita de Florencio, como artesán habilidoso que sempre foi, para cousas como poñer unha ponte nova no violín.
O disco do que xa falamos amosa interpretacións de temática antiga e exclusivamente galega, escollida polos responsables da edición por razóns obvias. Entre estas están a muiñeira A Maruxiña ou as cántigas A miña burriña, Tres casoiros nunha noite e O testamento do gato, por poñer tres exemplos. En calquera caso, o repertorio destes cegos era todo o variado que se poida un imaxinar, pois tiñan unha necesidade de conectar coa audiencia e satisfacer peticións para bailar temas de moda de todas as épocas. Nas coplas que se conservan de varios cegos aparecen, por exemplo, temas de Los Brincos, Lola Flores e Julio Iglesias.
Florencio morreu en 1986, o feito de vivir deica finais do século XX fixo que moita xente chegara a interesarse por el, conscientes do seu valor como músico, e o gravara con aparatos caseiros, tanto en audio coma en vídeo, grazas ás facilidades que xa había nos anos 70 e 80. O conxunto das gravacións caseiras ás que tivemos acceso amosan, como apuntamos, un repertorio moi variado con melodías aprendidas da radio e a discografía; algunhas modernas como Su primera comunión ou La luna ya está en el bote, outras clásicas como Olas del Danubio e tamén, como non, pezas máis enxebres como A filla de Bartolo, O domingo pola tarde ou a que leva o nada desprezable título de Xacobe de Horreovello e Pepiña do Choqueiro.
Texto de Juanjo Fernández


 
< Ant.   Seg. >
 

RSS externos