ENCONTROS INTERXERACIONAIS DO CONCELLO DE VALGA.
Por segundo ano consecutivo o concello de Valga organiza o Festival Interxeracional.
Esta experiencia, desenvolta xa dous anos consecutivos, amosa como unha práctica tradicional caída en desuso, como é a elaboración a man dos cereais coa sementeira, a sega, a malla, a moenda e ulterior elaboración, contén, alén do seu uso produtivo, valores intrínsecos útiles para a sociedade actual: o traballo en común, a convivencia resultante, a diversión, o respecto ós maiores e ao medio natural, a tolerancia e o contacto coa natureza por citar algúns dos máis obvios.
Conseguir que os nosos nenos e nenas, mocidade e maiores traballen xuntos cun mesmo obxectivo, compartindo estas tarefas do campo, xerará un ambiente de convivencia e respecto mutuo do que a nosa sociedade actual, capitalista e globalizadora, carece. Velaí unha das calidades dos ENCONTROS INTERXERACIONAIS DO CONCELLO DE VALGA, que pretenden, alén disto, partillar entre todos uns días de contacto coa natureza, potenciando o respecto por ela e destacando a importancia que teñen as prácticas de produción baseadas no respecto ao medio ambiente e na sostenibilidade.
Esta actividade pretende tamén que os nosos maiores se sintan útiles comunicando e ensinando os seus coñecementos, aos nosos nenos e nenas, mozos e mozas que poden aprender o valor destas prácticas tradicionais, permitindo que nin o xeito de traballar galego nin a nosa identidade cultural caian no esquecemento.
Estes encontros entre xeracións queren contar con todo aquel interesado en participar na actividade. O Festival Interxeracional, que comezou este ano o día 30 de abril coa Sementeira do trigo na leira "O Pradiño" situada en Loncras (Ferreirós, Cordeiro) ás 17:00, é un espazo aberto a todos/as os que queiran ollar, arar, cavar, sachar, sementar, ademais de partillar un día de campo e de romaría.
Os obxectivos explícitos dos ENCONTROS INTERXERACIONAIS DO CONCELLO DE VALGA son:
· XERAIS:
o Recuperar e revitalizar o noso Patrimonio Cultural Inmaterial.
o Acadar respecto e tolerancia entre as distintas xeracións.
o Rememorar a través dos nosos maiores unha actividade caída en desuso e darlle un novo uso dentro da sociedade actual.
o Dar a coñecer aos máis novos os estilos e formas de vida dos seus pais e avós.
o Lembrar unha das tradicións con máis arraigo dentro do concello de Valga para que non se perda no esquecemento.
· ESPECÍFICOS:
o Aumentar o número de actividades de carácter lúdico-cultural para dar “vida” e “mobilidade” ó novo centro socio-cultural.
o Promover a participación dos distintos colectivos do noso concello: Asociación Axentiva, Mulleres Rurais, Mocival…
ACTIVIDADES
Levarase a cabo todo o proceso da elaboración do pan: SEMENTEIRA, COLLEITA, MALLA, VERUTO, MOENDA e AMASADO, celebrando así mesmo unha ROMARÍA NA CANDIEIRA e unha EXPOSICIÓN de ítems relacionados co proceso.
Tentaremos reflectir fielmente a realidade, para iso contamos con membros da asociación Axentiva (os nosos maiores) que son os que viviron toda a tradición poderán aportar o seu coñecemento para esta experiencia.
Todos os participantes irán ataviados con roupas da época e usaranse os apeiros de labranza antigos, de xeito que para a sementeira empregaremos o arado de pau tirado por unha xunta de vacas. As pandereteiras intervirán en cada actividade.
Dividiremos a leira en dúas partes. Nun lado sementarán os maiores e noutro os nenos e nenas cos seus mestres.
Para a colleita usaremos fouciños e un carro de vacas levará a palla ata o colexio “Xesús Ferro Couselo”. Alí deixarémola uns días para logo despois levar a cabo a malla que se fará con manles e en grupos de dez malladores. Terminando a malla irase facendo o palleiro e separando os grans do trigo que quedarán a secar uns días. Verutarase nas peneiras e levarémolo ao muíño de auga. Unha vez traída a fariña volverase verutar. Nos colexios maiores e pequenos amasarán e faranse bólas pequenas de pan que cada neno levará para a súa casa.
Como remate final faremos unha Romaría na Candieira (toxeira rodeada de piñeiros). Faranse empanadas, rapotes, biscoitos e roscas co trigo sementado. Cantarase e bailarase ó son das nosas pandereteiras.
Remataremos cunha exposición final no Auditorio de Cordeiro onde con medios audiovisuais e fotográficos faremos un percorrido por todo o proceso ó mesmo tempo que mostraremos os apeiros utilizados.
Período de execución. Localización territorial
A sementeira tivo lugar o mércores 30 de abril ás 11:00 na finca “O Pradiño” situada no lugar de Loncras, Ferreirós – Cordeiro (Valga).
O resto de actividades aínda se achan sen data, xa que dependen do tempo meteorolóxico e de como vaia evolucionando o cultivo, pero manteremos a información de xeito puntual.
Nesta actividade colaboran as diferentes asociacións do concello de Valga:
AXENTIVA, MMRR “ALBOR”, ANPAS (Ferro Couselo, Baño, IES, C.R.A.), MOCIVAL, ADEVAL e MUSIVAL.
Para ver fotografías da Semnteira de Valga 2008, vai á galeríaa de fotos ou prema a seguinte ligazón:
|