There are no translations available
Con este video, o Proxecto Ronsel inagura unha nova sección neste portal: Como construír instrumentos musicais galegos. Cada pouco tempo, iremos pendurado un novo video para que poidades aprender a contruír os vosos propios instrumentos, nesta primeira entrega faremos un Mirlitón.
Podedes ver o video premendo a continuacion: O Mirlitón
Os instrumentos musicais clasifícanse segundo o sistema que produce o son. Nos idiófonos é o corpo do propio instrumento o que emite o son ao seren axitado, batido, rañado etc; nos membranófonos é unha membrana tensa a que soa ao seren golpeada ou refregada, nos cordófonos é unha corda tensa a que emite o son cando é pulsada ou refregada e nos aerófonos e o aire contido nun tubo o que é posto en vibración mediante lingüetas ou polos beizos do propio tocador. O mirlitón é un instrumento musical membranófono, concretamente unha membrana cantadora, é dicir unha membrana tensa que é quen de producir unha melodía.
Material: cana, serra de pelo, navalla, cordel ou goma pequena, papel de fumar ou folla seca de cebola, escufina e papel de lixa.
Tempo de fabricación: uns 5 minutos.
Os nenos preparaban este xoguete sonoro cun anaco de cana das escobas seguindo os seguintes pasos:
1. Serraremos coa serra de pelo un anaco de cana duns 15 cm de longo de xeito que fique aberto polos dous extremos.
2. Axudándonos coa escufina practicaremos un furado pequeno nun dos laterais do tubo, o que tamén se pode facer coa navalla. Este furado vai situado un pouco máis preto dun extremo que do outro.
3. Co papel de lixa puliremos un dos seus extremos e alí acolaremos un papel de fumar.
4. Para colocar o papel de fumar empregaremos a goma ou un cordeliño. O papel sitúase de xeito que tape perfectamente o furado. Unha vez amarrado, tensaremos ben o papel.
Se agora cantamos polo furado o papel resoará emitindo un característico son. Antigamente en troques do papel de fumar empregábanse esas follas marróns que recobren as cebolas, de aí que estes instrumentos fosen denominados “frautas de cebola”.
Os mirlitóns son instrumentos musicais moi antigos e aparecen baixo formas semellantes a esta en toda Europa e África, incluso un dos tipos de frauta tradicional china máis representativos, o dizi, o combina a presenza dunha membraniña con furados para os dedos que valen para emitir diferentes notas. O mesmo sucede con algúns tipos de aerófonos sudamericanos precolombinos como o tlapitzalli |