Inicio arrow Galería de Videos arrow As tarrañolas
As tarrañolas Imprimir Correo-e
Saturday, 17 de October de 2009


Seguimos con máis videos sobre a construcción de instrumentos musicais galegos, nesta ocasión as tarrañolas ou trécolas.
 
Se queredes aprender a contruílas premede a continuación: Construcción dunhas tarrañolas ou trécolas.
Os instrumentos musicais clasifícanse segundo o sistema que produce o son. Nos idiófonos é o corpo do propio instrumento o que emite o son ao seren axitado, batido, rañado etc; nos membranófonos é unha membrana tensa a que soa ao seren golpeada ou refregada, nos cordófonos é unha corda tensa a que emite o son cando é pulsada ou refregada e nos aerófonos e o aire contido nun tubo o que é posto en vibración mediante lingüetas ou polos beizos do propio tocador. As tarrañolas son un sinxelo idiófono de entrebater.
 
Material: dúas taboíñas de madeira duns 12-20 cm de longo, 3-5 cm de largo e 4-8 mm de groso, papel de lixa e navalla.
Tempo de fabricación: 15 minutos aproximadamente.
As tarrañolas, son tamén coñecidas en Galicia como tarreñas, trécolas, castañolas de lousa (cando se fabrican deste material) ou incluso pola denominación castelá tejoletas, e son un tipo de castañola que fundamentalmente empregaban os nenos, aínda que moitos adultos tamén as usaron. Consisten en dúas taboíñas rectangulares, alongadas e finas, fabricadas de madeira dura, normalmente buxo, aínda que se pode empregar outra madeira calquera que tamén pode ser endurecida queimándoa un pouco no lume. Tamén se fabrican con anacos de tella, lousas ou costelas de vaca ou cabalo convenientemente traballados.
 
Para fabricalas seguiremos os seguintes pasos:
  1. Colleremos as dúas taboíñas rectangulares e nun dos seus lados, axudándonos coa navalla, iremos labrando un pequeno encaixe para que se axusten aos dedos. Tamén de poden deixar coa forma rectangular.
  2. Despois pulirémolas co papel de lixa ata acadaren unha superficie lisa e suave e xa están listas para tocar.
 
Unha das tarrañolas suxéitase entre o índice e o corazón, apertándoa contra a palma da man para que fique fixa e non se mova, mentres que a outra, sostida entre o anular e o corazón, fica libre para abanear e bater contra a outra emitindo o seu son característico cando a man vai e vén, como dicindo “adeus”. As tarrañolas pódense tocar nunha soa man ou nas dúas mans asemade, é dicir, sostendo unha parella en cada man, tal e como se fixo desde a antigüidade. Trátase dun dos primeiros instrumentos musicais que aparece representado nas pinturas rupestres do paleolítico superior, achándose unha destas representacións na cova de Dos Aguas en Valencia.
 
 
 
< Ant.   Seg. >