Construcción dun cantagalos |
|
|
Friday, 30 de October de 2009 |
Para aprender a construílos, preme a continuación: Cantagalos
Os instrumentos musicais clasifícanse segundo o sistema que produce o son. Nos idiófonos é o corpo do propio instrumento o que emite o son ao seren axitado, batido, rañado etc; nos membranófonos é unha membrana tensa a que soa ao seren golpeada ou refregada, nos cordófonos é unha corda tensa a que emite o son cando é pulsada ou refregada e nos aerófonos e o aire contido nun tubo o que é posto en vibración mediante lingüetas ou polos beizos do propio tocador. O cantagalos é un aerófono no que unha laminiña vibra ao pasar o aire por ela.
Material: unha poliña de loureiro (Laurus nobilis) e unha navalla.
Para fabricar un cantagalos seguiremos os seguintes pasos:
- O corpo do cantagalos fabrícase normalmente dunha póla de loureiro duns 12-20 cm de longo e 0.8-1.5 cm de groso. Axudándose dunha navalla, nesta poliña ábrese unha fenda diametral ata aproximadamente a metade da súa lonxitude que aloxará a laminiña que vibra.
- Para facer a laminiña que vibre usaremos unha folla de loureiro. Primeiro córtanselle os extremos agudos e despois introdúcese na fenda, de xeito que o nervo central fique fóra.
- Agora coa navalla recórtase a folla de arredor da poliña para que fique xusto co tamaño da fenda.
Para tocalo introduciremos o cantagalos entre os beizos de xeito que, ao soprar, o aire saia pola fenda e poña en movemento a folla alí aloxada. Emite un son moi característico, semellante ao canto dun galo, que tamén pode ser modulado premendo máis ou menos cos beizos e soprando máis ou menos forte. Tamén se pode cantar ao mesmo tempo que se toca.
A sinxeleza dos cantagalos fainos pensar inmediatamente nun instrumento musical moi antigo, de feito a presenza de instrumentos semellantes en diferentes culturas musicais por todo o planeta así o indica. Os máis semellantes aos galegos aparecen nalgunhas culturas musicais centroafricanas onde son tamén xogos de nenos.
|