Monday, 01 de March de 2010 |
O reque-reque é un idiófono de rañar que consiste nunha
peza de madeira alongadae dentada na que se raña cun
pauciño producindo un son característico.
Para ver o video sobre a fabricación do reque-reque,
preme a continuación: Reque-reque
Os instrumentos musicais clasifícanse segundo o sistema que produce o son. Nos idiófonos é o corpo do propio instrumento o que emite o son ao seren axitado, batido, rañado etc; nos membranófonos é unha membrana tensa a que soa ao seren golpeada ou refregada, nos cordófonos é unha corda tensa a que emite o son cando é pulsada ou refregada e nos aerófonos e o aire contido nun tubo o que é posto en vibración mediante lingüetas ou polos beizos do propio tocador. O reque-reque é un idiófono de rañar que consiste nunha peza de madeira alongada e dentada na que se raña cun pauciño producindo un son característico.
Material: un tubo de cana longo, duns 30 cm, un pauciño de madeira, unha navalla ou unha escufina e papel de lixa.
Tempo de fabricación: 10 minutos.
Para fabricar un reque-reque seguiremos estes pasos:
- Colleremos un tubo de cana duns 30 cm de longo e, coa axuda da navalla, practicarémoslle moitas incisións aliñadas sobre unha das caras do tubo, cada unha conséguese dando dous cortes en direccións opostas coa navalla ou limando coa escufina. Estas incisións poden chegar ata a luz do tubo de cana ou ser superficiais, pero canto máis fondas sexan mellor soará o instrumento.
- Unha vez cheo de incisións o tubo, lixarémolo para deixalo suave e rañando nelas co pauciño de madeira, obteremos o son característico do instrumento.
Este tipo de instrumentos musicais son comúns a moitas das culturas do planeta e teñen unha moi notable antigüidade xa que aparecen con bastante frecuencia nas escavacións arqueolóxicas do paleolítico superior, hai uns 35.000, fabricados en ósos de diferentes animais.
|