Zambomba Imprimir E-Mail
Monday, 01 de March de 2010
No hay traducciones disponibles

Preme a continuación para aprender a construír unha Zambomba: Como facer unha Zambomba
Os instrumentos musicais clasifícanse segundo o sistema que produce o son. Nos idiófonos é o corpo do propio instrumento o que emite o son ao seren axitado, batido, rañado etc; nos membranófonos é unha membrana tensa a que soa ao seren golpeada ou refregada, nos cordófonos é unha corda tensa a que emite o son cando é pulsada ou refregada e nos aerófonos e o aire contido nun tubo o que é posto en vibración mediante lingüetas ou polos beizos do propio tocador.  
 
As zambombas son un tipo de membranófonos denominados tambores de fricción, pois refrégase un pau ou unha corda que ao vibrar transmite as súas vibracións a unha membrana que recobre unha cavidade. Son doadas de fabricar e foron empregados en varias zonas de Galicia polos nenos e rapaces no tempo do Nadal para acompañar os cantos. 
 
Material: un bote, unha membrana de plástico ou de pel, unha palla longa e seca ou un pauciño delgado, navalla e cordel.
Tempo de fabricación: 2 min aprox.
 
Para fabricar unha zambomba o primeiro que cómpre é ter unha palla longa ou un pauciño que ataremos no centro dun anaco grande de plástico, tamén se pode facer cunha pel curtida ou cunha vincha de porco, atándoas en mollado e deixándoas despois secar. Á palla debe deixárselle un nó nun dos extremos para atar ao seu arredor e que non se solte da membrana. Se se trata dun pauciño, deberemos facer un rebaixe para atalo por aí. Unha vez atada a palla no centro da membrana, ataremos esta sobre a boca dun frasco, de xeito que a palla quede cara arriba. Unha vez atada a membrana sobre o bote hai que tensala o máximo posible tirando dela e xa está feita a zambomba.
 
Para tocala hai que humedecer os dedos con cuspe, ou untalos con allo, e refregalos sobre a palla de arriba a abaixo, producindo así unha vibración na palla que se transmite á membrana tensa, que resoa cun característico son.
 
A maior parte dos tambores refregados que se achan no mundo son moi semellantes ao que acabamos de describir, outros posúen unha pequena corda colgando da membrana que tamén se refrega tirando dela. Este modelo existe tamén en Galicia. As zambombas existen en multitude de culturas e nalgunhas teñen unha clara filiación sexual, sendo empregados polas mulleres para ensinarlle aos nenos e nenas certos movementos relacionados co acto sexual.
 
< Anterior   Siguiente >
 

RSS externos