|
DescriptionDANZAS DE PAUS E FITAS DA FRANQUEIRA A Romaría da Franqueira celébrase o luns de Pentecostés. É tamén coñecida como romaría de pascuas menores ou romaría de primavera, non só por coincidir a súa celebración co inicio desta estación, senón porque as frores e os froitos son os principias adornos da festa. O domingo de Pentecostés comezan os actos relixiosos de preparación da romaría: a novena, as misas, as confesións etc. O luns desde moi cedo, os romeiros reúnense nas súas igrexas, collen os seus pendóns, estandartes e a cruz parroquial, e con eles, a imaxe da virxe de maior devoción da súa parroquia ou a do patrón, comezando entón o camiño de peregrinación cara A Franqueira.
No santuario de A Franqueira todo está preparado para recibir ós romeiros. Os xoves da parroquia sosteñen o pendón, o estandarte, a cruz da parroquia e a imaxe da virxe do Rosario e van dando la benvida a cada unha as procesións que entran no recinto do santuario. O rito de benvida consiste en cruzar e inclinar reverentemente por tres veces a cruz, o pendón e o estandarte cos respectivos que chegan de cada parroquia. O mesmo fan os portadores da imaxe da virxe do Rosario que saen ao encontro dos portadores de cada imaxe visitante facendo tres xenuflexións ante eles e apertándoos cando se encontran. Trátase seguramente dun acto medieval que ten chegado ata nós e que aínda enche de bágoas os ollos daqueles que veñen en peregrinación.
Cada ano unha das parroquias visitantes fai as ofrendas á virxe de A Franqueira, que adoitan consistir en produtos típicos da localidade que simbolizan valores como a paz, o amor, a fertilidade, a fraternidade e sobre do o respecto e o mantemento dunha tradición moi antiga.
Se ben a relixiosidade é unha parte importante da romaría, non o é menos o colorido e a algarabía que van parellos a esta festa. Os veciños de cada parroquia pasan días adornando os seus tractores para acudir con eles en procesión.
A maior festa prodúcese ao rematar a procesión. Os romeiros dispérsanse entre as árbores para comer e tras a comida cantan e bailan ao son de gaitas e pandeiretas, ata que, avanzada a tarde, despídense para emprender o camiño de volta ás súas parroquias.
A procesión da Franqueira comeza coa saída, desde o adro da igrexa, da imaxe da virxe montada nun carro de labranza tirado por unha parella de bois. Diante da virxe vai o pendón, o estandarte, a cruz parroquial e catro parellas de danzantes que executan unha danza de paos ao ritmo do gaiteiro e do bater dos seus paos. Interprétanse catro pezas diferentes. A procesión detense diante do palco da igrexa para contemplar as danzas e o drama da loita do mouro e o cristián.
Conta a lenda que o mouro é Birnarem, de quen fala o pergamiño galaico-portugués achado no 1605 no castelo de Gutierre de Altamira. O cristián representa a un militar veciño de A Franqueira que durante a loita contra a invasión musulmana foi feito prisioneiro. Na cadea o príncipe mouro ofreceulle toda clase de riquezas se deixaba de invocar á virxe da Franqueira como protectora dos crisitiáns na Reconquista, mais o crisitián non só non aceptou, senón que moi alporizado contesta que o importante é a Fe. Ante a falta de entendemento loitan e o mouro cae vencido, arrepentíndose dos seus pecados e abrazando a fe cristiá.
Esta representación é, segundo Manuel Rodríguez Alonso, unha supervivencia do teatro medieval galego.
Texto: Pablo Carpintero
Fotografía: Fernando García
VoteEXIF
|