Danza de Darbo

 
<< Start < Prev 1 2 3 Next > End >>

Descrición

 

DANZA E CONTRADANZA DE DARBO

            As festas de Darbo están consideradas como unha das máis afamadas de tódalas Rías Baixas sendo un exemplo da mellor tradición romeira. Baixo os alpendres pódese degustar a típica gastronomía galega regada polos mellores viños da zona. Dende hai uns anos o programa de festas comeza a antevéspera cunha proxección de fotos antigas.
 
O día grande, 8 de Setembro, iníciase cunha mensaxe de paz e esperanza que durante os tres últimos anos vense realizando antes da misa maior coa solta de máis de trescentas pombas como desexo dun mundo mellor e máis xusto.
 
Despois disto e a continuación da celebración dos oficios relixiosos, chega o mellor momento: a procesión ao redor do templo da patroa de Darbo, Santa María, ao longo dun percorrido que se achega ao medio quilómetro. O seu remate bailase a tradicional Danza e Contradanza diante da imaxe da Virxe.
No Adro da Igrexa Parroquial de Santa María de Darbo, un dos mellores exemplos de barroco rural dos que se poidan contemplar en Galicia. Esta igrexa está adornada na súa parte posterior cunha preciosa fonte barroca e todo o conxunto está situado nun lugar rodeado de natureza. Xa pola tarde, ten lugar unha segunda misa, ao redor das sete, á cal lle segue, de novo, a Danza e Contradanza, que ten unha duración aproximada de tres cuartos de hora.
Este baile está considerado como unha das pezas máis antigas de Galicia, herdada e transmitida durante séculos polos antepasados. A danza data do século XVI e bailábase para dar gracias á Virxe por favores recibidos durante o ano. Participan dez galáns, cinco damas, un gaiteiro e un tamborileiro, todos eles dirixidos por un guía que marca o tempo da Danza e da Contradanza. Os danzantes distribúense en tres filas, seguindo ao guía principal, que leva as damas e as coloca formando arco en fronte da fila da esquerda; esta sae e marcha por fóra da outra formando outra parte do arco que se une ao primeiro; e, por último, a outra fila de galáns cerra a circunferencia.
            Para a Contradanza utilízase a mesma colocación, fórmase un círculo xeral levando o guía ás damas e despois ós contraguías coas súas filas. Desfacendo o círculo formando as tres filas, e cunha volta sobre si mesmo de cada individuo, remata a Contradanza e a Danza.
            Trátase dun baile moi vistoso, no que os homes tocan as castañolas. Un grupo de bailaríns baila ante a figura da Virxe, seguindo unha coreografía transmitida de pais a fillos procedente do seo dos gremios e confrarías que querían honrar á súa patroa.
Como xa temos dito, a Danza de Darbo coincide coas festas do mesmo nome que son as que maior repercusión e éxito acadan de todas as que se celebran nas distintas parroquias de Cangas. Dita celebración edita cada ano un libro onde se recollen artigos históricos da parroquia entre outros, con fotos antigas etc.
 
VESTIMENTA DA DANZA E CONTRADANZA DE DARBO
 
A vestimenta dos Galáns da Danza de Darbo sufriu variacións ao longo da súa historia. Antano os galáns vestían un traxe calquera intentando os compoñentes do baile ir coas mellores prendas que cada un posuía.  Ata hai poucos anos e coa finalidade de conseguir que todos fosen vestidos do mesmo xeito lucían a vestimenta usada nos bailes típicos galegos. Na actualidade e gracias o esforzo por recuperar a indumentaria orixinal da Danza, bailase cun traxe escuro e camisa branca, dita recuperación fíxose realidade gracias ás contribucións realizadas polos fregueses a través da Asociación Cultural
 
DANZA DE DARBO.
Os homes que bailan na Danza desta parroquia tamén levan sombreiro, de feltro, que no caso do guía e para diferencialo é adornado cunha gran pluma. Outro complemento que atopamos na vestimenta dos homes son os pendentes. Sobre o porqué deste tipo de xoias na súa vestimenta existen varias teorías, unha delas afirma que é un complemento levado dende antano para simbolizar riqueza, así pois, estas xoias imitan ao ouro como reminiscencia de tempos pasados. A outra teoría sobre a orixe dos pendentes basease en que os homes tiveron que substituír ás damas para cumprir cun dos vetos impostos pola igrexa que prohibía a participación das mulleres nestes bailes. 
As Damas visten enaguas e saias de cor branca con puntillas de ata dez centímetros de anchura tapadas ambas prendas cun mandil negro bordado. A camisa tamén é de cor branca de mangas anchas e con moita engurra. Cubrindo a camisa levan un pano de cachemir cruzado e atado atrás. 
Os sombreiros son de palla e seméllanse moito ós da Danza de Aldán aínda que neste caso as flores son naturais e a composición floral é cada ano diferente, pois son as propias Damas as que os confeccionan horas antes de que teña lugar a Danza para que as flores teñan o mellor aspecto posible. 
Estes sombreiros son elaborados a partir dunha base de espuma onde se insiren os talos dos ramalletes ata alcanzar os trinta centímetros de altura, sen dúbida dunha vistosidade que ben merece ser contemplada.
 

Fotografía de Fernando García