Danza de Aldan

 
<< Start < Prev 1 2 3 Next > End >>

Description

 

DANZA DE ALDÁN
A "Danza de San Sebastián" ten lugar cada 20 de xaneiro en Aldán, coincidindo coa festividade deste santo, no Adro da Igrexa de San Cibrán de Aldán, aínda que as veces repítese no mesmo día noutro punto desta parroquia. Ata o ano 1995, o baile celebrábase polas tardes no patio do Pazo dos Condes de Aldán.
Actualmente báilase pola mañá ao remate da misa solemne das 12:00 h. e pola tarde vólvese a bailar aínda que sen conexión relixiosa en dúas ocasións: ás cinco no “Torreiro” e ás seis na alameda. No caso de chuvia celébrase sempre no colexio das monxas de Aldán.
Este baile ten a consideración de danza ancestral xa que existe documentación que proba que se bailaba xa en 1.678, (o que significa que no ano 2003 cumpriu 325 anos ininterrompidos de vida) data na que se constituíu a confraría do Santo e quedou constancia de que o mordomo foi Joseph Francisco de Gayoso e Aldao, antepasado dos condes de Canalejas.
A pesar de que non se coñece nin a orixe, nin o significado, sábese que durante séculos a danza estivo relacionada tanto cun carácter votivo (enfermidade) como coa nobreza local.
Os danzantes son veciños ofrecidos ao santo sexa pola súa conta ou pola dos seus familiares, en cumprimento dunha promesa, aínda que isto foi cambiando xa que empezaron a bailar simplemente porque lles gustaba.
A organización desta danza corre a cargo da Asociación Cultural San Sebastián e dun mordomo, que recada pola parroquia o diñeiro necesario para cubrir gastos, entre os que se inclúe a tradicional cena do 19 de xaneiro.
A danza componse de dez galáns, cinco damas e un guía. Ata hai 40 anos era interpretada unicamente por homes. O baile ten especial brillantez pola mañá, cando se baila ante o santo, durante a procesión que se celebra diante da igrexa parroquial cunha duración aproximada de corenta minutos. Comeza coas venias a San Sebastián e á Cruz. Os danzantes inclínanse seis veces ante cada imaxe: tres veces cando se achegan e outras tres ao volver á posición inicial. A Virxe do Carme acompaña ao Santo, arroupado por unha gran póla de limoeiro, e á Cruz.
O guía dirixe en todo momento os movementos do grupo, que baila seguindo ao son da gaita e o tamboril e acompañados do ritmo que fan soar as castañolas dos galáns no inicio de cada compás.
Esta clásica danza finaliza cunha muiñeira a modo de contradanza.
 
A VESTIMENTA DANZA DE ALDÁN
A actual vestimenta dos Galáns de Aldán, en cor e en estilo negro, presenta un traxe de vestir con camisa branca, gravata gris, zapatos de sola, sombreiro e unha banda que cruza polo peito. Os Galáns da Danza de Aldán levan como complemento unhas castañolas que tocan durante o baile.
Esta banda é de cor púrpura, unha tonalidade que coincide coa do manto do Santo, aínda que durante moitos anos foi substituída pola cor da bandeira española. Ademais, a do guía distínguese da do resto dos galáns por ser de cor malva. A vestimenta das Damas de Aldán é semellante á empregada na Danza e Contradanza de Darbo. O traxe das mulleres consta dunhas enaguas brancas con puntillas bastante anchas por riba das cales visten un mandil negro con pedrería de acibeche.
A camisa ten a mesma cor que as enaguas con moitos bordados e colo subido. Compleméntase cun vistoso mantón de Manila que se pon polos ombreiros prendido con broches de fantasía deixando ao descuberto a pecheira da camisa sobre a que caen numerosos colares de pedrería de varios tamaños.
Na cabeza, sombreiro de palla, adornado cunha rechamante composición floral artificial de diversas cores da que penden pola súa parte traseira numerosas e longas cintas de cores que chegan cos seus flocos case ata o chan. Pendentes e sortellas complementan este vistoso e pesado traxe que fai que os movementos das Damas sexan repousados e lentos.
 
Paula Veiga Iglesias en “La danza de Aldán: un estudio descriptivo y sociológico. Departamento de “Didácticas especiales” Universidade de Vigo (curso 2003-2004)” fai a seguinte referencia a esta danza:
 
ORIXE
A súa orixe ao igual que o seu posterior desenvolvemento musical e de execución está vencellado a dúas danzas de similares características do Morrazo –as de Darbo e O Hío na honra de Santa María (celebrada o 8 de setembro) e San Roque (16 de agosto)– ao Entroido de Cobres (Vilaboa) e a outras que se executaban nos barrios vigueses de Lavadores, San Roque, Castrelos e Candeán. Todas as danzas mencionadas teñen un nexo común, presentan elementos similares como a música (a de Aldán é a mesma ca de O Hío), vestimenta, coreografía e lugar de execución (pazos e igrexas). Nun principio deberon pertencer a un solo rito e despois diversificáronse no momento en que cada parroquia contou cunha identidade propia.
Non é posible precisar con exactitude a antigüidade da danza de Aldán como tal, debido á carencia de documentación explícita ao respecto. Nun documento de 8 de setembro de 1678 no que se constitúe a confraría “del glorioso señor San Sebastián”, aparece citado por primeira vez. Non obstante temos constancia de que se bailaba con anterioridade a esta data xa que así aparece reflectido no mesmo texto. A mesma fonte contén ademais información valiosa sobre o funcionamento da confraría- estatutos, dereitos e deberes dos confrades…
Non hai acordo sobre a orixe: uns sosteñen que é relixiosa na honra de San Sebastián; para outros sería pagá e como outras tradicións foi cristianizada pola igrexa. Tamén hai quen sitúa o inicio da mesma no precristianismo onde existía un forte sentido matriarcal da familia. Hai tamén quen asegura, finalmente, que naceu como imitación das danzas palatinas medievais…
Pódese intuír que nun principio foi bailada polo pobo en agradecemento ou expresión de ledicia e que era de carácter agrícola. Quizais os labregos a bailasen probablemente na época da semente do millo (maio) ou da recollida da colleita (finais de agosto-setembro). Esta última hipótese é a máis acertada e corroborada polas flores que as damas levan nos seus sombreiros, xa que se supón que nun principio eran naturais e nesa época aínda existían flores nos campos.
Elementos como as flores dos sombreiros, o galanteo (as figuras que representan os danzantes teñen un certo toque de sensualidade, os galáns representan unha especie de cortexo dirixido a namorar as damas) fannos supor que nun principio dita danza tivo unha orixe pagá, agora ben, outros como a propia coreografía e o lugar de execución lévannos a supoñer que non sempre debeu ser bailada así.
Nun principio as hipóteses mostran un baile sen preparación nin coreografía e que, cando se cristianizou, pasou a desenvolverse dunha maneira concreta. A advocación ao santo vincúlase a unha peste que asolou a Vila no 1517, pero crese que a cristianización podería ser xa anterior. Os que manteñen que a súa orixe sempre estivo ligada ao santo especulan con que dita danza se trasladou de agosto-setembro a xaneiro para facela coincidir coa data do santo.
Non cabe dúbida de que os pasos coreográficos que actualmente presenta a danza lembran os que se bailaban entón na Corte (danzas baixas e minué). Os nobres mantiñan relacións uns cos outros e tamén coa realeza e por iso ditos bailes puideron chegar facilmente a estas terras. Os movementos cerimoniosos e algo sofisticados das venias iniciais ao santo lembran en certo modo as reverencias destas danzas palatinas, tamén ao portar os galáns o comezo da danza o sombreiro na man, os pasos a ras do chan, a posición baixa dos brazos das damas, as voltas e os punteos, os desprazamentos laterais, as evolucións e traxectorias variadas e complexas, a música…
O alcume de farsas de damas e galáns aludiría á imitación dos bailes palatinos que facían ao seu xeito os labregos da zona, no que se pode percibir unha forma de obrigada colaboración co señor do pazo no seu rol de mordomo ou confrade principal.
 
A DANZA
Interprétase todos os anos o 20 de xaneiro na honra de San Sebastián.
Actualmente realízanse tres representacións. A primeira ao lado da igrexa, despois da misa principal durante a procesión do santo (bailada completa). A segunda ás catro e media no Torreiro, diante do Pazo, e a terceira as seis na Alameda.
A preparación da festa corre a cargo do mordomo, persoa que se ofrece voluntaria (ao igual cos danzantes) para tal fin, normalmente por unha promesa feita ao santo. Este encargarase de buscar os danzantes, os gaiteiros; arranxar a igrexa. Pola escaseza de mordomos e pola idea de conservar e celebrar ano tras ano dita danza, en 1993 nace a “Asociación cultural San Sebastián”.
Para executar dito baile necesítanse once homes (dez galáns e un guía, sen límite de idade) e cinco mulleres (as damas deben ser solteiras). Era obrigado un ensaio o do día anterior á danza, pero actualmente realízanse tres ou catro antes do día 20.
O traxe denota a evolución sufrida pola danza co paso do tempo. O máis salientable é o das damas pois crese que cambiou menos, xa que se gardaba simplemente dun ano para outro. Componse basicamente de sombreiro de copa e de ala ancha de palla, adornado con flores de tea e cintas de cores; blusa, faldón e enaguas brancas adornados con puntilla; mantón de Manila, mandil de veludo negro, panos de cores vivas colgando a cada lado do faldón,
zapatos negros pechados, medias marróns, numerosas xoias (colares, broches e pendentes vistosos); o peiteado ao cadrelo (postizo na maioría dos casos).
 
O vestiario dos galáns cambiou máis segundo as modas. Consta de traxe e sombreiro negro (de ala ancha e ríxida), camisa branca, garabata gris e a banda coas cores propias do santo, acompáñanse de castañolas.
Os danzantes sitúanse en tres filas, na central as cinco damas e por ambos lados as dúas filas de cinco galáns, o guía situarase no centro cara os danzantes. Antes de comezar a bailar (dando volta a igrexa) hai unha especie de preparación (venias) cando empeza a música o guía da o sinal para comezar. O movemento básico consistirá en ir danzando cara a esquerda e a dereita repetidamente e de forma irregular (o guía fará os pertinentes axustes). Os movementos dos brazos das damas serán ata a cintura mentres que os homes os levarán en alto tanxendo as castañolas durante todo o desenvolvemento da danza. Ao rematar cada figura, faise unha especie de punteo e danse dúas voltas, á primeira cara a dereita e a segunda á esquerda. Ao finalizar a danza e sen parar a música comeza a muiñeira (contradanza) na cal cambia o paso base, realizándose este sen moverse do sitio.
Despois de variadas figuras soará a música inicial para a continuación seguir coa procesión avanzando cara atrás ata o adro, onde se danzará ata que as imaxes se recollan.
A música que acompaña a danza consta de dúas pezas monódicas baseadas na típica repetición a modo de secuencia de seccións melódicas con semicadencias e cadencias conclusivas. A partitura aparece documentada en 1942. A melodía é de carácter tonal e sen demasiados adornos debido o carácter danzante rápido da mesma. A instrumentación é a de gaita e tamboril acompañada en todo momento polas castañolas tanxidas polos galáns (acompañamento non incluído en dita partitura).
A danza é o resultado da súa orixe, evolución e preservación. Expresión
inicialmente utilitaria que se foi enriquecendo a través das épocas. Elemento vivo que fusiona un pasado cun presente e que se converteu hoxe en día no sinal de identidade do pobo de Aldán.

Fotografía de Fernando García