Cabezudos de Santiago

 
<< Start < Prev 1 2 3 Next > End >>

Description

 

Festas do Apóstolo Santiago. Santiago de Compostela.
            Dentro das celebracións das festas ao patrón de Galicia na súa Capital achamos dúas manifestacións populares dignas de mención. Por unha banda os Cabezudos do Concello de Santiago de Compostela, un conxunto de oito cabezudos que representan diferentes personaxes e razas do mundo. Este grupo de cabezudos son dos poucos da península que bailan. Saen dende hai moitos anos acompañados por unha murga que interpreta diferentes pezas de moda que os cabezudos foron incorporando ao seu repertorio. Así, este grupo baila a muiñeira, “Os fuelles” (o seu pasarrúas máis característico), a xota, o valse e o Ballón de Ana (popularizado nos anos 50 a través dunha película de cine). Cada 24 de xullo, esta agrupación sae do Teatro Principal ás 12 da mañá e percorre as rúas da zona vella santiaguesa deténdose nas prazas e lugares amplos para interpretar estes vistosos bailes.
            O día 25 de xullo, os cabezudos reúnense, ás 12 da mañá, na Praza da Quintana de Mortos cos Xigantes da Catedral. Van estes acompañados polo gaiteiro e tamborileiro da Catedral, cos seus vestidos dourados do século XVII, percorrendo xuntos as diferentes rúas da parte antiga da cidade. 
Os cabezudos de Santiago de Compostela foron por tradición os nenos do antigo hospicio, sen embargo, dende hai anos están dirixidos por Anxo Martínez quen procura os bailadores entre aqueles máis destacados dos grupos santiagueses.
Antigamente os cabezudos bailaban no día do apóstolo (25 de xullo) no altar maior da Catedral de Santiago, acompañando ós xigantes da Catedral, sen embargo o pouco decoro desta actividade do pobo levou a curia a prohibir semellante falta de respecto.

Fotografía de Gustavo Couto