Ferramentas das Tecelas

 
<< Start < Prev 1 2 Next > End >>

Descrición

AS TECEDORAS OU TECELÁNS 

Os fíos confeccionados polas fiandeiras eran confiados ás teceláns tradicionais. O oficio de tecelá ou tecedeira é desenvolvido por mulleres que poden dedicarse durante algunhas semanas, especialmente en inverno, ou consagrarse ó traballo dun modo permanente converténdoo na principal ocupación.
Houbo un tempo en que a tecedeira tradicional elaboraba colchas, tapetes, mantas farrapeiras con graciosos debuxos segundo as tradicións locais. Eu mesmo coñecín varias que confeccionaron obra digna do mellor eloxio. Recibían no seu obradoiro o liño e a lá en novelos facendo elas o urdido. Cobraban pola obra feita, aínda que variaba dependendo de que foran colchas, mantas de lá ou de trapo, lenzos, tapetes, etcétera. Algunhas eran teceláns consagradas ó oficio que desenvolveron permanentemente e outras o desenvolvían cando os traballo da terra llelo permitía.
Antigamente os gremios de tecelás e tecedores urbanas tiñan unha confraría baixo a advocación dun santo. En Santiago, entre os séculos XVI e XVII os tecedores da parroquia da Corticela constituían unha asociación baixo a advocación do Doce Nome de Xesús, gremio que controlaba o uso do oficio mediante ordenanza que impedían (trd.)"exercer o oficio de tecedor, de medidor de teas ou tomar aprendiz algún a non ser que estea ben instruída na facultade de tecer, e teña o título de mestre ou mestra, que debe obter precedido de correspondente exame". O título "oficial" dábao o concello e os posuidores podían desenvolve-las tarefas do oficio de tecelán e ensinar a outros de acordo coas ordenanzas da súa confraría. Estas confrarías extínguense perante o século XIX e hoxe soamente nos quedan mostras esporádicas deste oficio en algunhas asociacións e centros preocupados por non perde-las refinadas técnicas tradicionais que abrangue este oficio artesán. Por canto as tecedeiras que eu mesmo coñecín na miña parroquia natural quédanme delas hoxe aquela lembranza tan ben evocada por Victorino Taibo cando describe: "... Chorai canelas chorai/que morreu a tecedeira...".
Estes labores relacionados co fiado e tecido do liño e a lá (Fiandeiras, tecedeiras) son tidos en gran consideración no folclore popular por contraposición a outros oficios especializados no corte e cosido de teas (costureiras e xastres) que son obxecto dunha maior desconfianza e desprestixio no folclore popular.
 
Texto de X. Antonio Fidalgo Santamariña
Fotografía de Gustavo Couto e Pablo Carpintero, feita no museo Liste de Oseira