|
DescriciónA PESCA DA ANGUÍA CON MOLLOS Na primeira lúa nova de outubro de 2008 puidemos ver aos dous últimos pescadores de anguía da ría de Pontevedra, dous homes que aínda empregan unha primitiva arte: o mollo. Son José Dacosta García, natural da Moureira, na marxe esquerda da Ría de Pontevedra, e o seu fillo Juan Carlos. Agora José e Juan Carlos viven na marxe dereita, ben pretiño de Poio. José é pescador desde os 12 anos, agora aos 85 anos xa está xubilado é só acompaña ao seu fillo Juan Carlos, de 44 anos, para non perder o contacto co mar.
A fabricación dos mollos é realmente sinxela, basta con facer un atado de vides, varas secas e finiñas de videira. Estas vides teñen unha lonxitude duns 70-80 cm e átanse con tres cordeis, de xeito que o atado resultante non se desfaga. Os mollos teñen unha lonxitude de algo máis dun metro e un diámetro duns 40 cm. Para que non aboien (floten) méteselles dentro unha pedra duns dous kg en cada un dos extremos. Despois pendúranse dunha corda duns catro metros de longo e bótanse á auga da ría, moi preto da beira, deixando o cabo atado e sinalado para poder levantar o mollo coas anguías. Percorrendo a escullera na súa chalana, van localizando as cordas que terman dos mollos, píllana cun gancho que chaman bichero (bicheiro) e levantan o mollo para dentro da chalana.
Segundo nos contan José e Juan Carlos, a partir de setembro e ata abril (todos os meses con r) as anguías, cando vai cambiar a lúa, refúxianse entre as vides de xeito que, ao sacar o mollo da auga, ven cheo delas, só hai que facelas saír espantándoas, para iso atravesan o mollo cun pincho longo de ferro. As anguías caen entón dentro da chalana e, despois da faena diaria, apáñanse cun caldeiriño, lávanse ben no salabardo (unha rede cun aro e cun mango) e métense finalmente dentro dunhas bolsas de rede, os copes, que se deixan dentro da auga ata que os compradores veñen por elas, malia que tamén as lontras e as ratas de mar que viven na ría veñen ás veces a polas anguías de José e Juan Carlos.
Conta José que cara ao Nadal non é difícil que un destes mollos traia entre 20 e 30 kg de anguías, de xeito que despois de apañar os doce ou trece mollos que botan, son quen de encher a chalana ata a borda de anguías. Despois de levantado un mollo, vólvese a botar á ría, pois duran dun ano para outro, momento no que as vides podrecen e hai que recambialos. Os mollos levántanse cada 14 días, xusto o día da lúa vella e da lúa nova de cada mes que cadran coas mareas vivas, entre as dúas lúas a que máis produce é a vella, seica ás anguías lles molesta moitísimo a luz da lúa chea e por iso é cando máis se agachan dentro dos mollos.
Pero non sempre houbo anguías nesta zona onde viven José e Juan Carlos; antigamente a ría non tiña barro e na area as anguías non viven. Foi cando dragaron o Lérez que viñeron máis anguías, pero diso xa foi hai moitos anos. Así e todo, o avó de José, tamén pescador, xa empregaba mollos para pescar algunhas anguías, malia que só podía facelo alí onde había lama: no pozo.
Na casa de José non teñen moita tradición de comer anguías, pero saben que en Ourense as aprecian moito; de feito todas as que pescan mércanllas os de Ourense. Ben preto desta cidade, en Untes, hai un restaurante, A Casa Lolo, onde as serven fritidas. Lolo é quen lle merca desde hai moitos anos as anguías a José. Hai uns 40 anos vendíanas a 3,5 pts o kg, agora a 9 €, seica agora están mellor pagadas, pero José segue a lamentar a diferenza entre o que a eles lles pagan e o que nós pagamos por elas, na praza de Pontevedra véndense a 15 euros. José comenta que as ganancias da anguía son boas para facer un peto, pero que delas non se vive, pois só se pescan durante medio ano, así que como moitos outros pescadores, José e Juan Carlos tiveron e teñen que dedicarse a moitos outros tipos de peixes da ría e tamén ao marisco, de xeito que andaron á “robalisa” (robaliza), ás sollas, ao “calamar” (lura), e, por suposto, ao marisco.
José lembra que os anos 1940 e 41 foron os peores da súa vida, había moita fame. Eles só se dedicaban a pescar e non tiñan horta, e como os falanxistas requisaban todo aos labradores, iles non podían trocar o seu peixe polas patacas o pan e outros alimentos que precisaban.
José e Juan Carlos son os últimos pescadores da ría de Pontevedra que empregan os mollos, outros traballan tamén na anguía, pero empregando nasas e usando como “enghado” (cebo) anacos de velador, un peixe que se cría na area.
Texto de Pablo Carpintero
VotarEXIF
|