Redeiras

 
<< Start < Prev 1 2 3 Next > End >>

Description

 Son as mulleres que fan e reparan as mallas das redes de pesca para o armador. O oficio veu sendo realizado por mulleres, sendo raros os homes que se dedicaban a el. Ser atadeira non é doado. A profesional ten que estar ben dotada de paciencia para desenvolve-las complexas técnicas de face-los "nós", a "malladiza", etcétera coas clases de agullas de pau que emprega.
As tesoiras para corta-lo fío, os tacos de madeira para sinala-lo ancho da malla e as agullas (ou lanzadeiras) son os aparellos fundamentais da redeira ou atadeira. Todo o dito é aplicable, tanto para as atadeiras do mar como para as do río, aínda que estas últimas sempre foron menos que as do mar.
Traballan no peirao ou nos alpendres da beiramar, na cuberta dos barcos e na praia, chovendo ou batendo o sol. Empregan agullas de varios tamaños que enlazan entrando e saíndo do aparello. Adoptan traballar varias xuntas vixiadas polo encargado ou amo para quen traballan a xornal.
Ocupan o día remendando redes, poñéndolles anacos doutras, armando o copo, facendo redes novas ou o que sexa preciso.
Fai décadas algunhas atadeiras percorrían as casas dos armadores tentando negocia-lo soldo coas de máis proveito. Fai moito tempo, cobraban quiñón como os mariñeiros pero hoxe cobran un xornal. Esta actividade artesán sigue viva aínda que o colectivo de atadeiras sexa cada vez máis pequeno.
As agullas que empregaban nun principio eran de metal pero máis tarde foron substituídas polas de madeira de buxo que non lixan o fío das mallas nin se oxidan. Precisan agullas de varios tamaños e o mesmo ocorre cos tacos pois a cada tipo de agulla ten que corresponder un de taco, que consiste nun anaco de madeira de forma rectangular cos lados máis longos redondeados. As agullas mércanse en series que correntemente conteñen once pezas, sendo a máis grande duns 31 cm. de longo, despois van baixando ata a de menor tamaño que ven medir uns 12 cm. O fío para as redes mércase nas tendas, sendo de algodón ou de cáñamo, segundo o tipo de rede que se queira facer ou recompoñer.
REFERENCIA:
Cfr. LORENZO, X. (1979): Os oficio, en R. OTERO PEDRAYO (Dir.): Historia de Galicia, T. II, Madrid: Akal, 572-579.
VAZQUEZ PINTOR, X. (1996): Os vellos oficios. Vigo: Xerais, 24-42.
Texto de X. Antonio Fidalgo Santamariña