Alberto Bouzon 1

 
<< Start < Prev 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Next > End >>

Description

A LITERATURA DE CORDEL
 
Os humanos precisan estar informados do que sucede na súa contorna, a necesidade de comunicación nas poboacións humanas é un mecanismo adaptativo que serve tanto á nosa curiosidade como á necesidade de relacionarse cos demais. Unha parte importante das relacións sociais mediadas pola linguaxe baseábanse, na nosa cultura tradicional, nos contos de tradición oral e no comentario de novas e feitos acontecidos aquí ou acolá. Os contos transmiten parte da cosmovisión, as crenzas e as regras sociais, servindo así tanto de entretemento como de mecanismo de aprendizaxe para os máis cativos; as novas sitúan ás persoas nun tempo e nun espazo e permiten tomar decisións adaptativas, ademais de entreter.
Os humanos desenvolvemos continuamente novos medios de comunicación de contos, historias e novas, medios cada vez máis veloces e eficaces respecto ao número de persoas ás que poden chegar. Uns sistemas superpóñense aos outros, agora as novas chegan a nós por medios de moi recente creación como a televisión, a radio ou a rede, non entanto, seguimos a valernos igualmente de métodos moito máis primitivos como o boca a boca ou os sistemas de palabras impresas como os xornais que, tal e como hoxe os coñecemos, naceron en Inglaterra, no século XVIII.
Repasemos rapidamente a historia dos medios de comunicación de novas impresas, pois isto permitiranos encadrar as coplas de cego que presentamos neste apartado.
Sabemos que na Roma antiga existían distintos medios de información pública: as Actas públicas ou Actas do pobo consistían nunha serie de táboas expostas nos muros do pazo imperial ou no foro, nos que se recollían os últimos acontecementos sucedidos no Imperio. Na Idade Media xurdiron os comerciantes de novas que redactaban os Avisos, tamén chamados folios a man. Consistían en catro páxinas escritas a man, que non levaban título nin firma, coa data e o nome da cidade en que se redactaban. Vendíanse nos portos e ofrecían informacións do mediterráneo oriental (lugar das cruzadas), recollían novas facilitadas polos mariñeiros e peregrinos. Estes avisos tiveron un gran éxito e de seguida foron censurados polas autoridades de toda Europa.
No século XV, coa invención da imprenta, os avisos deixaron de facerse manuscritos e imprimíronse. Aparecen entón outras publicacións periódicas novas: os Ocasionais tiñan formato de libriño cunha portada ilustrada, eran impresos que informaban dun feito excepcional de forma eventual, cando a ocasión o requiría. Uns dos máis famosos foron os de relataban o descubrimento de América. Os Ocasionais pronto comezaron a ser publicados por los gobernos, que os utilizaron como medio de propaganda política.
Desde o século XVI os impresores europeos comezaron a editar, en publicacións baratas, novelas medievais e vidas de santos que adaptaron e simplificaron para conseguir textos curtos e sinxelos. Co tempo estas coleccións ampliáronse: almanaques, libros de medicina, guías de viaxe, cantigas, gravados, libros relixiosos, de maxia, obras burlescas etc.
Esta literatura popular denominouse literatura de cordel porque se ofrecía ao público en pregos soltos que os vendedores expoñían nos seus postos atados a un cordel. Así, os pregos de cordel son follas de baixo prezo, sen encadernar, facilmente transportables, destinadas ao consumo rápido e posterior destrucción; adquiríanse nas esquinas das cidades e nas feiras dos pequenos pobos e moitas veces eran vendidos por cegos, non necesariamente invidentes, que facían de mediadores entre a obra e o público facendo de recitadores. Este son o tipo de coplas que aquí lles achegamos.
Non entanto, na literatura de cordel conflúe outra variable importante: a da música como soporte para a palabra escrita en forma de verso.
A comunicación de novas fíxose desde tempos inmemoriais empregando o soporte musical para relatos versados de historias. Mendicantes cantores, comunicadores de novas, moitas veces eivados, aparecen xa documentados en Sumeria e Exipto hai máis de 6000 anos. A tradición de cantar relatos históricos, mitos, contos, novas e feitos cotiáns aparece en practicamente todas as culturas do planeta, sen dúbida porque a música é o mellor sistema que coñecemos os humanos para dotar de emoción ás palabras. Deste xeito, a tradición do canto de historias pasa de bardos a xograres e destes ós nosos cegos cantores, vendedores de literatura de cordel, que aínda percorreron as aldeas galegas durante boa parte do século XX.
As coplas de cordel que podedes ollar nesta sección cedeunas ao proxecto Ronsel Alberto Bouzón (Cacheiras, Teo, A Coruña) e foron coleccionadas polo seu avó entre principios e mediados do século XX. Poderedes achar coplas que relatan feitos fantásticos e milagres e outras dedicadas aos crimes. Estas pequenas historias impresas foron tamén empregadas polos fascistas como propaganda, acharedes moitas deste estilo e moitas menos do goberno oficial pois os usurpadores do poder do pobo pronto tiveron máis forza que o goberno oficial en Galicia.
Outras das coplas cordel que vos presentamos conteñen parrafeos entre mozos e mozas, tratan asuntos amorosos ou simplemente corresponden a letras cantigas que se foron poñendo de moda (cuplés, tangos, pasodobres etc.).
Por último, acharedes tamén follas manuscritas que corresponden ás coplas que se compoñían para cantar no antroido de Cacheiras (que se encadra dentro do antroido dos Xenerais da Ulla) e que fan referencia á política do concello, a feitos acontecidos na parroquia e os seus arredores etc.
 
Se queres aprender máis sobre a literatura de cordel e os romances tradicionais, a súa historia etc.:
 
-Baldomero Iglesias (Mero) e Xosé Luís Rivas (Mini). Cantos, coplas e romances de cego (Vol. I e II). Ed. Ophiusa, Lugo, Vol. I 1999, Vol. II, 2001.
-Joaquín Díaz. Coplas de ciegos. Antología de pliegos de cordel.Ed. Ámbito, 1992.
-Ramón Menéndez Pidal. Flor nueva de romances viejos. Ed. Espasa Calpe, Madrid 1992.