Antroido da Ulla

 
<< Start < Prev Next > End >>

Descripción

 

 

 

OS XENERAIS DA ULLA
De entre tódalas festas populares que se celebran na Ulla, quizais a máis características da zona é o Antroido denominado os “Xenerais da Ulla”.
Segundo apunta Mariño Ferro na súa obra O entroido ou os praceres da carne[1], como no resto de Galiza o Antroido “aprovéitase para facer a representación dun mundo contrario á Coresma: un mundo ao revés, un mundo carnal e libertino no que as persoas quedan reducidas ao seu corpo, á súa carnalidade, a animais.”
Parece ser estes encontros teñen a súa orixe na Guerra de Independencia que, como veremos deixou unha fortísima pegada na Ulla. Os Xenerais da Ulla remedan as loitas pola defensa de cada aldea, trátase de disputas verbais entre dous exércitos, un invasor e outro defensor. Cada exército está composto polos seguintes militares: un abandeirado, un sentinela, dous correos e tres xenerais. Os correos marchan á cabeza da mascarada e visten unha chaqueta moi adornada. A diferenza fundamental cos xenerais está no sombreiro que no caso dos correos é baixo, circular e sen plumas, sendo nos xenerais un bicornio de estilo napoleónico profusamente ornamentado. Os cabalos dos correos portan campaíñas e axóuxeres pois así a súa misión de comunicar a nova da chegada do exército é mellor cumprida.
Os xenerais son as personaxes máis importantes do exército pois son os que finalmente pelexarán e resolverán o enfrontamento. Seu número varía entre tres e seis dependendo dos anos e as parroquias. Visten unha vistosa chaqueta chea de galóns, medallas e outros ornamentos militares, anque o que máis destaca é o seu bi ou tricornio con longuísimas plumas de pavo real. Compleméntase este vestiario cun pantalón con galóns laterais e unha espada. Os cabalos dos xenerais son tamén ricamente ataviados para a ocasión. Chapeus e chaquetas son elaborados ao longo de semanas de traballo vindo a custar entre 300 e 1.000€.
Fora de correos, abandeirados e xenerais, cada exército ullán integra, ademais, persoal civil en dúas formacións ben diferentes: un coro de mozos e mozas, normalmente vestidos con traxes tradicionais galegos do XVIII que cantan coplas exaltando as virtudes da súa parroquia, anque tamén recitan críticas; e un coro de vellos, formado por homes adultos que entoan coplas picantes e obscenas. Neste coro de vellos é onde a tradición do Antroido Ullán, como noutros moitos lugares de Galicia, está intimamente ligada a manifestacións musicais. Os coros incluían entre os seus números varios músicos, normalmente un gaiteiro, acompañado por caixa e bombo, e un ou dous requinteiros que acompañaban ao exército da parroquia para animar o encontro entre os exércitos e para demostrar qué parroquia era a mellor, pois a máis e mellores músicos mellor exército. Coma no caso das Cantarelas de Nadal, formando parte do séquito musical tamén ían os charrascos, enormes idiófonos da familia dos sistros que son, por outra banda, absolutamente característicos da Ulla.
Xa dixemos que canto mellor era o acompañamento musical do exército máis era a súa calidade e oportunidades de vencer ós contrarios, non debemos esquecer que nestes enfrontamentos ficticios afloraban de cote as rivalidades entre parroquias veciñas, de xeito que non poucas veces a ficción convertíase en realidade e os atranques en verdadeiras batallas campais.
A confrontación entre os exércitos parroquiais comeza cando o correo do exército atacante solicita a entrada nos dominios da parroquia comunicándolle a súa intención ao sentinela defensor, a esto responde o correo do exército defensor que acude inmediatamente a comunicarlle o seu xeneral a situación de atranque (¿ataque?) É entón cando os xenerais entran en liza a través dunha disputa verbal cargada de sátira e ironía que constitúe unha crítica política, social e cultural de acontecementos destacados da actualidade nacional ou local.
Esta crítica faise baixo a forma de coplas recitadas polos correos e xenerais a cabalo e constitúen o verdadeiro centro de atención desta celebración. Trátase normalmente de cuartetas octosilábicas de rima asonante que con moita frecuencia son artelladas nunha burlona mestura de castelán e galego (o denominado castrapo). Vexamos un exemplo:
General, general,
non vengha con valentías,
generales coma este,
los como todos los días.
Avanza caballo mío
por riba de esa muralla
y atropalla al enemigo
que siempre nos asoballa.
Antigamente existía un tipo de atranco denominado “a cara de can” na que os contendentes improvisan as súas desafiantes coplas intentando vencer ao outro, o que ocorría cando un deles xa non era quen de improvisar máis coplas.
O encontro entre os exércitos acaba con unha serie de Vivas a determinadas personalidades de entre o público ou como agradecemento ao público pola colaboración económica para esta festa.
Veciños de Boqueixón relatáronnos un caso sucedido durante a posguerra. Os veciños de Lestedo, sabedores da proximidade dun belicoso exército inimigo da parroquia veciña, dispuxeron un xeneral enriba dun burro fabricado cun enorme tronco de árbore espetado no chan e cuberto con telas e pallas. A parroquia rival enviou ao seu xeneral montado no capó dun fermoso coche da época pertencente ao farmacéutico. Unha vez cara a cara, o combate verbal foi de tal virulencia que o exército da parroquia veciña decidiu cargar co coche, a toda velocidade, contra o xeneral de Lestedo, esnaquizando este contra o tronco agachado debaixo dos farrapos e producíndose a continuación unha forte pelexa entre ambos bandos...
Segundo Mariño Ferro[2] o Antroido Ullán serve á función de simbolizar, e polo tanto fortalecer, toda a estructura social, deixando ao descuberto a rivalidade entre parroquias e subliñando a importancia da casa como elemento estructural da sociedade Ullán. Certamente moitas das coplas vertidas polos coros destacan os méritos da propia parroquia en detrimento das súas veciñas. Opina o autor que nestas mascaradas áchase un reflexo de toda a estructura social da Ulla:
A comparsa dos Xenerais da Ulla é expresión da casa porque vai casa por casa. Nalgunhas parroquias a personalidade e individualidade da casa medra coa obriga que teñen os correos de solicitar permiso para que entre a mascarada. Ademais, en cada casa os Xenerais dan os “vivas” ao cabeza de familia e ós seus achegados. AO chegar a unha casa, un dos Xenerais, que sempre falan en castelán, ordénalles ós demais compoñentes da comparsa: “¡cinco minutos de término para que cada uno trabaje en su oficio!”. Esa orde significa que cada grupo de personaxes debe desempeña-lo papel que lle corresponde: os coros cantan e os Xenerais dan os vivas...
Os vivas expresan un desexo de vida, sorte e prosperidade para a casa e os seus moradores. Ás veces un Xeneral introduce o viva cunha chamada de atención ós presentes, que soe ser: ¡atención señores! ¡digan todos a mi voz! E logo solta o viva:
-¡Viva don fulano de tal en compañía de su esposa y de toda su familia como natural y vecino de esta parroquia!
-¡Viva! Contestan tódolos presentes
-¡Viva la gente de su mayor aprecio! –segue o Xeneral
-¡Viva!
Unha vez rematada a actuación de cada grupo de personaxes, un dos Xenerais berra: “¡Toque la música y siga!”, entón os músicos tocan unha marcha e a comparsa segue o seu camiño cara a outra das casas da parroquia
A aldea mostra neste Antroido a súa condición de unidade social con personalidade propia no dereito que lle asiste de evitar a entrada da columna militar no seu territorio. Pode darlle un “alto” ou poñerlle un “atranque”. Chámase así a un enfrontamento verbal, habitualmente en verso, entre alguén da aldea e un compoñente da mascarada. Tras unha discusión máis ou menos longa terminan facendo as paces e deixando o paso franco. Deste xeito -opina Mariño Ferro[3]- recoñécese a personalidade da aldea e ao mesmo tempo exprésase que esa individualidade non debe de supoñer total ruptura de relacións coas outras aldeas da mesma parroquia.
Os altos ou atranques tamén se dan nos límites entre parroquias, cada parroquia ten o dereito de prohibir a entrada no seu territorio ás comparsas das parroquias veciñas. Sentinelas da parroquia invadida agardan a mascarada da parroquia veciña e inician un diálogo cos correos, para logo deixar paso ós xenerais de ambas partes. Estes enfróntanse nunha loita de versos, normalmente a cara de can, improvisados no momento, pero seguindo sempre esquemas moi ben traballados. Salvo incidentes os xenerais de ambos bandos acaban chegando a un acordo, tocando as súas espadas e bandeiras respectivas e dándose “vivas” mutuos. Logo, xunguidas ambas mascaradas visitan ambas parroquias.
Segundo comenta un informante de Santeles a Mariño Ferro “os atranques entre parroquias son como se fosen entre dúas nazóns”. Cada parroquia considérase unha entidade, unha unidade independente, unha nazón soberana que tenta invadir a outra e non deixarse invadir. De aí que teña seu exército. Para reforzar a sensación de enfrontamento, e posto que as parroquias veciñas se consideran nazóns independentes, o tema dos atranques inspírase en enfrontamentos reais entre países: rusos americanos, arxentinos-ingleses, franceses-españois, etc.
Deste xeito casa-aldea e parroquia fican representados perfectamente no Antroido Ullán ao mesmo tempo que se amosan as relacións que deben existir entre as aldeas da mesma parroquia e entre parroquias distintas: deben ser unidades independentes que reforzan a súa cohesión mediante o enfrontamento coas demáis aldeas ou parroquias, pero evitando sempre que ese enfrontamento dexenere en loita aberta, de ahí que, normalmente os atranques rematen coa firma da paz entre os xenerais:
 
Hoy se firmará la paz
Por todos los generales
Porque Teo te ha ofrecido
Sus típicos carnavales
La paz llegará a Lestedo
En un tiempo no lejano
Porque la veo venir
Al alcance de la mano
Trabajemos por la paz
Y vivamos siempre unidos
Porque en Lestedo no hubo
Vencedores ni vencidos
Os encontros de Xenerais pódense ollar nos concellos da Estrada, Boqueixón, Teo, Vedra, Padrón, Silleda, Touro e Vila de Cruces, por canto é unha das manifestacións que da personalidade propia e diferencial á denominada comarca natural da Ulla. Dentro do Antroido atopamos tres manifestacións culturais que son únicas: os xenerais, as requintas e os charrascos.
 
Fotografia de Fernando Garcia

[1] Mariño Ferro, Xosé Ramón. O entroido ou os praceres da carne. Cadernos do seminario de Sargadelos. Ediciós do Castro. A Coruña, 2000. pp. 193-202.
[2] Mariño Ferro, Xosé Ramón. Op cit., pp. 193-202.
 
[3] Mariño Ferro, Xosé Ramón. Op cit., pp. 193-202.