|
DescriciónViana
Os boteiros son incansables que non paran de brincar, correr e moverse. Exercen ademais, a función de directores da comitiva, ordenando que deteña a marcha, que dea a volta, que pare o son ou que abra o paso, sempre sen falar, facendo unha serie de señas, como parar a brincar, facer soar as chocas ou amosar a monca en vertical ou en horizontal. O boteiro de Viana leva unha enorme máscara de varios quilos de peso formada por unha careta negra tallada en madeira, con aberto sorriso, e unha gran figura xeométrica de remate, formada por unha estructura de cartón e arame que se adorna artisticamente con papeis e fitas facendo debuxos multicolores. A vestimenta componse de camisa bordada con fitas de cores formando distintas figuras xeométricas e pantalón de seda, xeralmente encarnado, con flocos de cores nos laterais. O resto do atavío compleméntase cunha faixa con picos e borlas, un cinto con chocas ou campaíñas e unhas polainas negras. Na man levan unha monca, rematada nunha pequena bola.
Fotografia de Fernando Garcia
VotarEXIF
|