|
Descrición
Festa da Barca Muxía
En Muxía (A Coruña) atopamos, ben preto do mar o Santuario de Nosa Señora da Barca, edificio de culto construído para cristianizar un lugar onde con toda seguridade se realizaron cultos pagáns polos antigos poboadores da zona. A primeira ermida foi construída no século XII e ten unha grande importancia pois é o final da etapa dos peregrinos que, despois de visitar a Catedral de Santiago (quizais antigamente o Pico Sacro en Boqueixón), diríxense a este Finis Terrae para rendirse ao pé da Virxe, na versión católica do camiño, ou máis probablemente, para visitar o que daquela era o fin do mundo, o fin de todos os camiños, unha clara alegoría á morte despois do longo camiño da vida. Alí, os visitantes poden contemplar as curiosas pedras no lugar no que, segundo a lenda, se apareceu o Apóstolo Santiago para darlle ánimo á virxe no seu intento por cristianizar estas terras do noroeste peninsular.
O templo actual de estilo barroco foi construído a principios do século XVIII gracias á doazón dos Condes de Maceda. As súas cinzas áchanse agora nuns sepulcros dentro de santuario. A súa planta é de cruz latina en o seu interior, destaca o retablo barroco obra do escultor Miguel de Romay. Nel aparecen representados os doce apóstolos rodeando ao camarín onde se atopa a Virxe da Barca, que goza dunha grande devoción por estas terras.
O cristianismo non foi quen de destruír o culto pagán, de xeito que o culto ás pedras está aínda moi presente na zona. Segundo a lenda cristiá, a Virxe chegou a Muxía nunha barca de pedra: a vela (a Pedra de Abalar), o barco (A Pedra dos Cadrís) e o timón (Pedra do Timón) son os restos daquela embarcación e gardan distintas propiedades curativas para os que a elas se aproximan.
A Pedra de Abalar é un megalito de 9 m de longo cun grosor medio de 30 cm que ten a curiosidade de abalar cando a xente se sube nela do xeito apropiado, emitindo entón un lixeiro son rouco. A tradición conta que este movemento só se produce cando las persoas que montan encima dela están libres de pecados. Outra lenda conta que a Pedra de Abalar móvese soa para avisar dos perigos dos temporais do inverno. Nun deles, no 1978, esta pedra desprazouse lixeiramente e rompeulle unha parte. Posteriormente, foi devolta ao seu antigo emprazamento e na actualidade segue a ser visitada por miles de romeiros dende todas as partes do mundo.
A Pedra dos Cadrís ten forma de ril. Segundo a tradición popular, os romeiros deben pasar nove veces baixo ela se queren curar as súas doenzas reumáticas e dos riles. Debaixo desta pedra foi atopada a imaxe da virxe que foi trasladada á igrexa parroquial, desaparecendo desta e volvendo ao seu lugar de orixe, de xeito que se tivo que construír alí o santuario.
Durante a segunda semana de setembro, nos arredores do santuario e na vila de Muxía ten lugar unha das romarías más antigas e concorridas de Galicia: a Romaría da Nosa Señora da Barca
Información obtida de: http://www.agalicia.com/muxia/index.htm
Fotografía de Fernando García VotarEXIF
|