Festas da Virxe de Guadalupe

 
<< Start < Prev Next > End >>

Descrición

 

A Virxe de Guadalupe. Rianxo
            Dende hai máis de 150 anos a festa máis importante de Rianxo é a Festa de Guadalupe, celebrada  entre os días 8 e 15 de setembro en honra a unha das poucas virxes negras Galegas: Nosa Señora de Guadalupe. O primeiro domingo despois do día 8, os veciños sacan a Virxe nunha impresionante procesión marítima de centros de barcos de pesca, cargados de músicos e público e engalanados para a ocasión. É tradición rianxeira que á media noite dese día todas as luces do pobo sexan apagadas e todos os rianxeiros e rianxeiras entoen ao unísono “A Rianxeira”, un tema moi popular en Galicia dedicado á Virxe de Guadalupe.
 
Esta sonadísima cantiga cumpriu 50 anos en 2001. Foi escrita polo músico rianxeiro Angel Romero Lojo cando se atopaba emigrado en Bos Aires e dirixía a “Rondalla Castelao”. Polo visto Angel Romero inspirouse na impresionante procesión mariñeira para compoñer esta cantiga. A letra orixinal era:
 
Moito me gustas rianxeira
que estás eiquí na Arxentina
verche cantar e beilar-e
coma alá na terra miña (bis)

RETROUSO:
Ondiñas veñen
ondiñas veñen e van
non te vaias rianxeira
que te vas a marear (bis)

Que guapa estabas rapaza
cando che vin na ribeira,
tiñal-a cara morena
coma a virxe rianxeira (bis)

RETROUSO
 
A virxe de Guadalupe
vái no yate de Baltar,
lévana os rianxeiros
a remolque polo mar (bis)
 
 Sen embargo a máis coñecida por todos os galegos é a seguinte:
 
A virxe de Guadalupe
cando vai pola riveira,
descalciña pola area
parece unha rianxeira (bis)

RETROUSO
 
A virxe de Guadalupe
cando veu para Rianxo,
a barquiña que atrouxo
era de pau de laranxo (bis)

RETROUSO
 
A virxe de Guadalupe
quen a fixo moreniña,
foi un raiño de sol
que entrou pola ventaniña (bis)
 
 
 
 Fotografía de Fernando García