|
Description
DANZA DE SAN ROQUE DO HÍO
A Danza de San Roque no Hío ten lugar nun entorno privilexiado que é o conxunto arquitectónico monumental que se encontra nesta parroquia, formado polo Cruceiro do mesmo nome, a Igrexa de San Andrés e a Casa Rectoral.
Coma todos os anos, O Cruceiro do Hío é o escenario no que se interpreta a tradicional Danza coñecida como “Danza de San Roque” ou “Dos Peregrinos”, que data do século XIV da que se conservan varias hipóteses sobre a súa orixe. A primeira é a de agradecer ao Santo a curación da peste que asolou a parroquia e a toda a comarca nesa época. A segunda apunta a que a orixe das Danzas foi debida a imitacións do pobo dos bailes da nobreza local, e unha última di que é de orixe grega.
Un requisito imprescindible para ser mordomo ou danzante desta celebración é ser natural do Hío, e como dato curioso hai que subliñar que o grupo non se pode ampliar ata que algúns dos actuais bailaríns desexe ser relevados, para que outro poida ocupar o seu lugar dentro da coreografía. A maioría dos danzantes foron prometidos polas súas familias para continuar unha tradición familiar.
A distribución coreográfica de todos os que compoñen o grupo é a seguinte: os Danzantes repártense en tres filas paralelas, as dos extremos son ocupadas polos galáns e no medio sitúanse os cinco nenos. O paso de todos estes danzantes márcao o guía, que sempre é o maior de todos os que bailan, e seguindo as súas indicacións, os bailaríns móvense ao ritmo da música, composta por gaita e tambor (antigamente tocábase cunha caixa), e acompañada polas castañolas dos galáns.
Danzantes e mordomo, este último ofrecido por promesa a organizar a festa cando lle corresponda por orde do cura, encárgase dos preparativos previos a festividade xunto con veciños do Hío, preparativos que van dende falar co guía da Danza para pedirlle o nome dos danzantes ós que ten que avisar, recoller donativos para a festa, preparar o templo para o día (misa, flores, procesión...), avisar ós gaiteiros, contratar os fogos, ao fogueteiro, e a comida dos danzantes, pois dende a década dos anos corenta instaurouse como costume ofrecerlles unha comida como “pago” polo baile. Ademais de todo o sinalado anteriormente, o mordomo invita ós danzantes a unha merenda a véspera do día da Danza despois do ensaio xeral.
O baile que dura tres cuartos de hora e remata coa Contradanza, comeza trala misa solemne e a procesión, coas peculiares xenuflexións cada tres pasos ante cada imaxe, a da cruz e a de San Roque. Os punteos e os xiros repítense mentres os bailaríns rompen as filas.
A continuación faise un percorrido ata a altura do restaurante “O Pereiro” realizando unha serie de puntos. Despois de que se recolle a procesión realízase un segundo baile pola mañá.
A Contradanza é a parte realizada de regreso á Igrexa cando San Roque volve ao templo, esta vez sen chaqueta. A diferencia entre as dúas pezas, Danza e Contradanza, está na velocidade dos movementos e nos instantes en que se interpreta, a Contradanza ten uns tempos de catro por catro, é dicir, unha muiñeira que é tamén como se coñece esta parte da peza. Mentres que a danza acompaña á procesión sen que os danzantes cesen no seu cometido, a Contradanza realízase a maior velocidade no adro á recollida da solemne procesión.
Xa pola tarde repítese o espectáculo, nesta ocasión con carácter profano, sen a presencia do Santo. Os últimos actos da festividade de San Roque son a celebración dunha misa solemne e as “Poxas”, na que os devotos ofrecen ao santo animais, froitos da colleita ou cartos que se obteñen de pedir para a festividade.
VESTIMENTA DA DANZA DE SAN ROQUE A Danza do Hío componse unicamente de bailaríns masculinos e suman un número total de dezaseis, distribuídos en dez Galáns, cinco Damas e o “Guía de Damas”. Os dez Galáns van uniformados con camisa e pantalón branco, chaqueta azul a xogo cun sombreiro de feltro coroado por unha pequena vieira de prata e gravata verde. Neste caso as castañolas tamén complementan a orixinalidade do baile.
As cinco Damas, así chamadas a pesar de ser nenos, van caracterizados coma San Roque pois pasaron a vestir por acordo do párroco con traxe de peregrino semellante á indumentaria do Santo. Estas indumentarias consisten nun vestido longo ata os pes de veludo verde e engurrado na cintura. Polos ombreiros levan unha capa de veludo vermella xunto co tradicional sombreiro de peregrino.
AO igual que nas outras dúas Danzas, a Danza do Hío tamén pasou por tempos de escaseza e nalgúns anos houbo que bailala co que cada un tiña. Aínda así a súa celebración sempre se fixo de maneira ininterrompida gozando dunha gran participación do pobo e entre as diversas anécdotas populares destaca o feito de utilizar os pantalóns empregados no servicio militar para interpretar a Danza.
Fotografía de Fernando García VotingEXIF
|