Ferramentas dos Pedreiros

 
<< Start < Prev Next > End >>

Descrición

OS PEDREIROS

A pedra non soamente é un material que nos permite comunicar coas máis antigas civilizacións, senón que serve para prolongar a existencia do oficio de pedreiro, picapedreiro e canteiro, alén dos tempos históricos.
O pedreiro é o profesional encargado de arrincar a pedra que traballan os picapedreiros e colocan os canteiros nas obras. O seu oficio desenvólveo na canteira onde, unha vez limpos os penedos por medio da aixada e o ligón, tenta buscar a mellor dirección en que han de rachar as pezas de pedra. Cando os pedreiros deciden o "andar", é dicir, a dirección na que deben rachalas, fanlle uns buratos ao penedo separados uns dez centímetros, que logo se afondan co cincel. Neses buratos porán unhas cuñas de ferro que se golpearán co martelo ata que o bloque de pedra parta polo sitio elixido. Cando este profesional xa ten feito un lote de pedras, como prismas longos e estreitos para postes, curtos e anchos para sillares, laxas para os teitos das casas e pendellos etc., o pedreiro tradicional carrexas desde o seu lugar de extracción e preparación, ata outro desde onde podan ser transportadas ás obras ás que van destinadas. O traslado das pedras facíase sobre roletes e despois en carros de bois.
O pedreiro tradicional tamén empregaba a dinamita en forma de barrenos para obter outras pedras de tipo irregular. Neste caso, nos buratos metía os cartuchos de dinamita coa mecha que sobresae para fora da pedra, poñéndolle lume á mecha e agardando a que estourase. Despois os pedreiros extraían as pedras con palancas.
Unha variante do pedreiro tradicional é o chanteiro que se dedicaba a arricar os chantos ou lousas que tradicionalmente se empregaban para espetar de xeito vertical na terra e facer os peches das fincas, este tipo de balados aínda se poden ollar por moitas comarcas rurais de Galicia, especialmente na Terra Cha da provincia de Lugo.
Os pedreiros tradicionais empregaban unha serie de ferramentas de traballo que teñen sido inventariadas polo ilustre etnógrafo ourensán D. Xaquín Lorenzo Fernández: pauferro, martillón, ferro, maceta, acodadeira, punteiro, pistolo, varilla, grillo, pico, atacador e rebolo.
Actualmente, o oficio de pedreiro transformouse radicalmente pois nas canteiras galegas de granito, lousa e mármore introducíronse maquinarias e técnicas especializadas para as tarefas de extracción e preparación destes materiais.
 
Texto de Xosé Antón Fidalgo Santamariña.

Fotografía: Pablo Carpintero e Gustavo Couto, feita no Museo Liste de Oseira.

 

 
Visite a páxina do Museo Liste: http://www.museoliste.org/