Ferramentas dos Afiadores

 
<< Start < Prev Next > End >>

Description

AFIADORES DE PROFESIÓN: ESTUDIO DO COLECTIVO DE AFIADORES AMBULANTES OURENSÁS
 
Ao lado do sector maioritario de poboación campesiña dedicada a tempo completo ao traballo agrícola e ao coidado dos gandos, na sociedade rural galega existiron outros aldeáns ocupados nunha actividade mixta de labrego-ferreiro, labrego-carpinteiro, labrego-comerciante, entre outros, movidos pola necesidade que ten a poboación rural destes servizos pero tamén porque o rendemento extraído das súas explotacións non lles eran suficientes para vivir. Comprobamos aínda unha maior complexidade por canto ao lado desta poboación sedentaria ocupada nunha actividade simple ou mixta, aparecen outros variados colectivos de campesiños galegos que optaron por desprazarse temporalmente fóra da súa residencia habitual para realizar os máis diversos traballos. Durante as saídas estacionais, uns seguen dedicándose a tarefas agrícolas, como os que saían a ségalas a Castela, ou ás vendimas; outros tratan de afastarse do traballo no campo aínda que conservando certa relación con el, como aqueles que se empregaban de traballadores da madeira nos montes forestais, ou se dedicaban á compra-venda de gando, carne e diferentes produtos do campo os días de feira e mercado locais. Están por último, aqueles campesiños que preferiron ocupar os períodos de ausencia da lareira no desenvolvemento itinerante dalgunha especialidade manual moi próxima ao artesán sedentario, ou a explotar certos talentos e habilidades que lles procuraban uns mínimos ingresos cos que regresan ao fogar despois de cada saída profesional.
Galicia foi sempre unha boa productora destes homes en camiño que partiron das súas aldeas rurais para realizar os máis humildes servizos. É sabido que do século XVII ao XIX era numerosa e inconfundible na cidade de Lisboa (Portugal), a colonia galega de "augadeiros", "moços de recados" e "moços de fretes" (Cfr. C.M.L., 1778-79: 3. Galegos), e creo que debeu selo igualmente, por ese mesmo período, aquel outro colectivo de mozos galegos que saían para Madrid e as terras castelás, que xa no século XVII fixo dicir a Quiñones de Venavente: "Non saen tantas flores en dous Maios / como de Galicia mozas e lacaios" (cita de HOYOS SAINZ, 1985:152). Pero a gama de actividades pasaxeiras elixidas polos nosos campesiños itinerantes é moito máis variada. Son populares os grupos de augadores, segadores, criádevos, barquilleiros, cordeiros, alquitareiros, feirantes, ‘pulpeiras’, pescantinas, leiteiras, igual que aqueloutros colectivos de ambulantes ocupados en transformar a pedra (canteiros e picapedreiros ambulantes), a arxila e outros minerais (telleiros, alfareiros ou oleiros, leñadores, caleiros), o manexo e transformación da madeira (serradores, cesteiros, peneireiros), os coiros ( zapateiros de portal e talabarteiros ambulantes) e tecidos (xastres e costureiras ambulantes), e aínda os metais (compradores de ouro e prata, quincalleiros, latoeiros, afiadores ambulantes). Todos eles souberon sacar utilidade ás súas especialidades diferenciadas, e por medio delas dar identidade á súa terra e localidades rurais de orixe.
De todo o conxunto de actividades enumeradas, quizais sexa a propia do colectivo de afiadores ambulantes a que mellor represente a este complexo sector da ambulancia tradicional galega, o que constitúe, en principio, un bo motivo para dedicarlle unha maior atención da que ata agora foi obxecto. Pero tamén deberei deixar constancia, desde agora, de que o meu obxectivo inicial de realizar un estudio detido sobre a modalidade de existencia e traballo do colectivo galego de afiadores ambulantes, viuse en parte devaluado pola escaseza de aproximacións metodolóxicas que posibiliten a análise deste tipo de temas, sobre os que a Etnoloxía española veu mostrando demasiada pouca sensibilidade; pero ademais, porque tanto o estudo destes personaxes da ambulancia galaica como o de calquera outro colectivo noso, dedicado ao comercio, o transporte, ou aos servizos tradicionais expón, como xa evidenciou J. Mira (Cfr. MIRA, 1985:7), outra serie de problemas derivados, dunha parte de que se trata dunhas actividades que na actualidade ou ben xa desapareceron ou perderon case totalmente o seu carácter tradicional, e doutra pola carencia de documentación escrita sobre estes personaxes populares que non foron obxecto de atención dos etnógrafos nin dos historiadores clásicos. En consecuencia, a revisión feita da documentación etnográfica e histórica estándar, así como da etnolóxica, resultou moi pouco eficaz á hora de conseguir documentación necesaria para a elaboración do estudo. Procurei superar esta carencia acudindo aos materiais provenientes do meu traballo de campo entre un colectivo de 100 protagonistas deste oficio, dos que 85 afiadores xa se retiraran e 15 aínda seguían en activo. A todos eles pasóuselles un cuestionario sobre os diferentes aspectos da súa modalidade de existencia e actividade na rúa e sobre a súa xiria de oficio, que foi complementado con series de entrevistas abertas sostidas con aqueles afiadores que se mostraron máis comunicativos e receptivos. Tamén se elaboraron as historias de vida dalgúns portadores clave, e puiden dispoñer dalgúns manuscritos con segmentos de autobiografías que outros me subministraron. Tendo como base dos meus comentarios estes vivas testemuñas dos representantes actuais da actividade, no que segue orientarei o meu estudo do afiador ambulante tradicional atendendo aos tres aspectos seguintes: A práctica do oficio; a identidade profesional; e o significado do afiador e a súa actividade na sociedade galega tradicional. Non se trata dun estudo concluído, senón do que me foi posible facer a partir da documentación de campo da que dispoño.
 
A práctica do oficio.
Na práctica cotiá do oficio, o afiador ambulante presentouse historicamente como un modesto artesán que percorre co seu instrumento de traballo as aldeas, pobos e cidades importantes afiando calquera utensilio de punta e fío que lle presentan os clientes. Entre o colectivo dos afiadores ambulantes galegos un bo número deles tamén se dedican a recompoñer recipientes de barro e, sobre todo, paraugas de aí o nome de afiador-paraugueiro que tamén se lles da. No desenvolvemento da especialidade destes profesionais aparecen implicados os tres elementos que lle confiren a súa especial peculiaridade: a) O instrumento de traballo típico, b) a técnica específica de traballo, e c) o personaxe ou profesional que fai efectiva a súa peculiar técnica sobre o instrumento de traballo nos espazos de acción profesional. No desenvolvemento efectivo do oficio estes tres elementos combínanse de tal xeito que chegan a formar unha verdadeira simbiose que imprime ao oficio ese tipismo que lle deu recoñecida popularidade.
a) O instrumento de traballo do afiador ambulante galego é a roda de afiar, tamén chamada "tarazana", carretón, afiadora, máquina de afiar, e vehículo de afiar. A diferencia dos afiadores austrohúngaros oriúndos da rexión do Burgenland estudiados por Mayerhofer (Cfr. MAYERHOFER, 1988: 18-20), que construían as súas propias rodas de afiar, os nosos fornecéronse do clásico instrumento -desde o momento en que se coñece na "Chaira" despois de ser introducido, no século XIX, desde un taller de carpintería da aldea de Liñares (Nogueira de Ramuín, Ourense) ao que chegou para ser reparado-, nalgúns talleres artesáns da zona que recibiron a técnica de construcción dos operarios do "Taller de Liñares" e dos seus descendentes. No momento actual, cóntase cun único artesán que continua construíndo rodas de afiar no seu pequeno taller artesán da aldea de Villouriz (Loña, Nogueira de Ramuín). Os vellos "naceiros" (mestres-afiadores) encargaban o instrumento directamente a estes artesáns que o construían á súa medida, e os afiadores mozos ou os "mutilos" (aprendices de afiador) con ánimo de independencia, adoitaban a mercar unha roda de afiar usada a algún vello "naceiro" decidido a abandonar o oficio, ou ben a prescindir do seu para facerse cun novo.
 
Un exame do conxunto de instrumentos de traballo aos que tiven acceso durante a fase de investigación de campo, permite distinguir os diferentes modelos que apareceron durante a xa dilatada historia do colectivo de afiadores galegos. Os primeiros citados polos informantes son as "tarazanas" (rodas de afiar portátiles) que consideran como os máis antigos instrumentos de traballo dos afiadores galegos, e que había que transportar dun lugar a outro sobre os ombreiros. Aparecen asociadas a un arcaico colectivo de "afiadores lendarios", que seguen conservando o honor de telas recibido de profesionais foráneos. Constátase que unha destas "tarazanas" portátiles -a primeira da que se ten novas certas- entrou na zona "para ser reparada no taller de Liñares", nel "confeccionan unha maqueta dela" que logo utilizarán os operarios para reproduciría. Máis tarde, estes operarios introdúcenlle as modificacións necesarias que posibilitarán o seu transporte arrastras empuñándoa. Nacía así a hoxe coñecida 'roda de afiar tradicional’, que moi pronto se xeneraliza entre os compoñentes doutro antigo colectivo de afiadores galegos que agrupamos baixo o nome dos "Vellos 'naceiros'". Aínda que segue sendo considerada como a roda de afiar máis clásica, se outorgamos credibilidade ás testemuñas dos nosos informantes máis versados, este modelo de instrumento non supera os 150 anos. A súa adecuación e as esixencias de quen traballa en áreas xeográficas diferentes, traducirase noutras tantas pequenas variacións do modelo patrón axustadas a estas necesidades. Transcorrido o primeiro cuarto do pasado século XX, todas estas versións de roda de afiar inician unha competencia desigual cos novos modelos de bicicleta que agora aparecen con pedras de esmeril e pulidores instalados no seu cadro. Trátase do "Vehículo de afiar" preferido polas afiadores máis innovadores integrados no colectivo dos chamados "novos naceiros". Tal como acontecía co instrumento precedente, pronto xurdirán diferentes variantes deste modelo básico de bicicleta profesional que se adaptan aos gustos e obxectivos profesionais de quen as solicita. Pola súa banda, a introdución deste modelo de instrumento de traballo pode considerarse importante na historia do oficio, por canto con el se inverte por primeira vez a relación que o afiador ambulante viña establecendo coa súa ferramenta principal de traballo, o afiador deixa de transportar sobre as súas costas, ou rodando, o seu instrumento de traballo, e será agora o "Vehículo de afiar" o que transporte ao profesional a maior parte do traxecto, ademais de empregalo no exercicio da súa especialidade. A partir do ecuador do século pasado, pero especialmente en toda a década do 1960, estes modelos de bicicletas profesionais soportarán a nova competencia das modernas motocicletas profesionais que agora se estenden, con esmeriles e pulidores instalados, ademais dun ou dous caixóns que se lle agregan para transportar materiais e ferramentas do oficio. Trátase dunha máis actualizada "Maquina de afiar" preferida por quen integra o grupo dos "últimos aprendices", nome que se lles aplica por ter recollido a técnica e 'segredos' do oficio do colectivo de "novos naceiros" que lles precedeu, sen que eles poidan xa transmitilos por carecer de aprendices dispostos a continuar esta tradición artesá. Moitos dos que aínda seguen traballando continuaron mellorando esta 'máquina' profesional con novas adaptacións ata introducir, na década de 1980, o último vehículo profesional que chaman "coche-taller" de afiador. Trátase dun confortable automóbil con furgón, no que algúns afiadores ambulantes transportan a súa "roda de afiar" tradicional ata os lugares de traballo, pero a maioría leva instalado un auténtico taller ambulante cos materiais e ferramentas apropiadas para un eficiente desenvolvemento da especialidade, sobre un amplo radio de acción profesional.
 
Técnica de traballo
A técnica de traballo recibírona os afiadores ambulantes galegos directamente doutros "naceiros" (afiadores-mestres) aos que acompañaron algún tempo. Ás veces eran os rapaces pobres da "Chaira" ou os seus familiares máis achegados, quen se achegaban a estes "naceiros" coñecidos, para que os aceptasen como compoñentes do seu microgrupo profesional. Outras veces son os mesmos "naceiros" os máis interesados en rodearse dalgúns aprendices aos que se encargarán de explotar durante o tempo que permanezan na súa compañía. Mentres permanecen fóra da "Chaira" os compoñentes destas células ambulantes traballan cóbado a cóbado, uns como 'mestres-afiadores' e outros como afiadores en potencia. Todos participan dunha cultura común provista duns regulamentos e unhas diferencias estatutarias con vigor só entre os membros destes microgrupos profesionais. Os vellos afiadores ocúpanse da transmisión das habilidades técnicas propias do oficio, dos códigos de conducta internos ao grupo, dos hábitos de apoio e solidariedade, da xiria especial do oficio etc., e aqueles aprendices cunha maior destreza e experiencia ambulante, de tal modo que o neófito vaia avanzando gradualmente nas habilidades do oficio e na asimilación das principais convencións, regras, e aspectos básicos do modo de vivir, pensar, e ser un afiador ambulante. "Evitar meterse en problemas" coa poboación residente, "dar a razón ao cliente", "non practicar o engano entre os compoñentes do grupo", "axudar a saír do problema en que un colega se acha metido", "obedecer ao 'naceiro' mentres se permaneza baixo a súa tutela", aparecen como outras tantas regras básicas de conducta que os aprendices de afiador deben interiorizar, aínda que non sempre a súa conduza se axuste a elas se fago caso de todos os informes de que dispoño. Tamén nas miñas notas de campo aparecen frecuentes alusións a "naceiros" con fama de irascibles e mesquiños para con seus "mutilos" aos que, unha vez fóra da "Chaira" natal, chegaban a tratar coma se fosen os seus escravos. A súa autoridade sobre eles era total. Facíanlles transportar a roda de afiar coas ferramentas de traballo ata os poboados, visitar as casas pedindo traballo e ata mendigar xantar que debían entregar aos amos. Tal como apuntan varios portadores: "algúns 'naceiros' ata nos forzaban a abrir a boca para comprobar se no camiño comeramos algo do que as 'belenas' (amas de casa) nos daban", e tamén, "revisábannos os petos mentres durmiamos para ver se nos quedaramos algo do que cobrabamos polos traballos entregados”. Nos tempos clásicos desta ambulancia galega, que polos nosos datos situamos no último cuarto do século XIX e a primeira metade do XX, estes aprendices vivían do que mendigaban polos lugares que visitaban. Polo seu traballo os amos nada lles pagaban, e a sucidade e as miserias de toda clase eran as súas fieis compañeiras do forzado viaxe. Inmersos en tan particular contexto, o proceso de aprendizaxe das técnicas e cultura do oficio de afiador ambulante galego ía transcorrendo sempre conforme a unhas fases progresivas durante as que estes "mutilos" conseguían asimilar as variadas habilidades técnicas e 'segredos' propios da especialidade. Así as cousas, para acadar un dominio completo da técnica artesá e permanecer moito tempo no oficio, o neófito debía gustar deste xeito de vida, amar a profesión e sentirse realizado practicándoa. Cando se daban estas actitudes podemos dicir que nos achamos diante dun potencial artesán con reberetes de artista, que empeza moi cedo a lucir o seu estilo propio na forza e ritmo que imprime ao seu pé sobre o pedal da "trázana", no coñecemento das calidades físicas dos utensilios que lle son depositados para reparar, na colocación e o tempero dos seus dedos, na concentración e os xestos expresivos de desagrado, satisfacción e doutra clase que imprime mentres desenvolve o seu traballo, nos movementos que fai, nas conversacións que sostén etc. Quen cría ter acadado este máximo nivel de destreza non dubidaba en presentarse como depositario dun auténtico arte máis que dun vello oficio artesán. Tal como algún deixou expresado ao respecto: "O afiador non desenvolve un oficio; iso fano vos carpinteiros, albaneis ou os bos mecánicos. O que fai o afiador é unha arte; unha arte de verdade. Unha arte que non foi estudiado senón perfeccionado pola experiencia que vai acadando o home á par dous instrumentos que arranxa..., porque aquí nada vai en cadea, nada sae por un carril. Todo vai polo pulso equilibrado e polo cerebro que nos está facendo pensar" (Julio Rodríguez, afiador ambulante de 69 anos). Non estamos, pois, diante dun artesán calquera, nin diante dun robot que traballa coa enerxía que xera. O afiador ambulante é un auténtico especialista a preparación de certos obxectos esixe del un tempero, unha habilidade propia de experto e ata un ritmo respiratorio adecuado. Trátase un profesional cun estilo, ritmo, xestos e habilidades centenarios, transmisor dunha memoria colectiva, dun saber e dunha identidade de oficio que transcende os anos escuros do pasado e do presente.
Os afiadores ambulantes galegos puxeron en práctica as súas técnicas de traballo e a súa destreza no manexo do oficio sobre todo como profesionais independentes. Nos tempos tradicionais chegaban regularmente aos diferentes enclaves de traballo transportando a súa roda de afiar portátil, e coa técnica artesá na punta dos dedos. Non faltan vellos afiadores que lles agrada amosarse como verdadeiros heroes do camiño, que ocuparon a maior parte da súa vida activa percorrendo as comarcas máis diversas da nosa xeografía antes de decidirse por traballar nos países de Hispanoamérica. Un 25% dos afiadores entrevistados revelaron ter traballado de afiador nalgunha cidade de Iberoamérica despois de telo feito algún tempo por Galicia e outros territorio de España e Portugal. Pero a onde fóra que chegasen practicando o oficio, o seu ritmo de vida e traballo era semellante. Unha vez fora da "Chaira", a súa xornada de traballo transcorría empurrando a súa "tarazana" polas estradas que desembocan nas cidades e vilas, por camiños carreteiros que levan aos máis afastados poboados de montaña.
Non todos os afiadores galegos mostraron as mesmas preferencias na orientación das súas saídas profesionais. Aqueles oriúndos do municipio de Nogueira de Ramuín (Ourense) e outros lindeiros, sentiron unha maior inclinación polas cidades e comarcas rurais de Galicia e do norte de España e Portugal. Pola súa banda, os afiadores de Castro Caldelas (Ourense), e localidades da súa contorna, tiveron unha maior predilección por pobos e cidades do centro e sur peninsular. Estes diferentes ámbitos de traballo van ter moito que ver cos servizos que uns e outros ofrecen aos seus clientes ocasionais. Así, quen percorrían a Iberia húmida salpicada de asentamentos rurais dispersos e tradicionalmente illados, xonguen, moi miúdo, o seu oficio de afiador aos de paraugueiro e leñador, como un modo de facer máis rendibles as súas saídas profesionais; e quen se percorren a Iberia seca empregaron o tempo case en exclusiva reparando os máis variados obxectos de punta e fío, castrando gatos e outros animais domésticos caídos en desgraza, e ofrecendo aos seus clientes un limitado mostrario de productos de toucador, utensilios de corte e artigos de quincalla. Con todo, aínda deixando constancia desta diferente ocupación de ambos colectivos, debo engadir que ningún rexeitará nada do que un cliente lle presenta para reparar. Nos espazos de traballo, especifican, "non se dicía nunca que non se sabía" e "a todo se atrevía un", co obxecto de maximizar ata o posible as súas ausencias transitorias da "Chaira" natal.
 
Como é lóxico pensar, tamén a maneira de elixir e de introducirse nos enclaves de traballo, a extensión dos mesmos, a frecuencia das visitas ao fogar familiar na "Chaira", a repetición das saídas de traballo etc. varían segundo as circunstancias persoais de cada profesional, sendo pouco o que se pode dar por válido para todos os afiadores ambulantes oriúndos de Galicia. Con todo, sobresaen certos trazos que considero de interese consignar, a saber:
1º) Unha vez determinada unha zona de traballo, o principal empeño do afiador ambulante oriéntase a facerse coñecido dos seus habitantes ata conseguir que estes lle consideren "como un máis" deles. Lograr este obxectivo é difícil, pero quen o conseguen ven incrementada a rendibilidade da saída estacional. Os clientes ata agora ocasionais, consolídanse, converténdose en persoas coñecidas que valoran o seu bo facer artesán, respectan a súa persoa e esperan a súa chegada reservándolle traballo. Sempre que se dan estas circunstancias, a estancia polos diferentes asentamentos que percorre traballando chega a converterse en algo agradable.
2º) Con respecto á extensión do área xeográfica que un afiador ambulante chega a cubrir nas saídas profesionais, temos que dicir que esta non é fixa, tampouco achei un criterio capaz de delimitala con claridade. Se tomamos en consideración as referencias que fan os meus informantes, diriamos con eles que un área de traballo "é pequena ou é grande segundo lla considere". Un dos informantes concibía así a que el percorreu traballando durante a súa vida de afiador: "Pódese dicir (que é) moi grande porque en cuestión duns meses movíame dunha beira a outra de España. Podemos dicir (que é) moi pequena porque eu afiaba a traballar nos portos, e un porto é unha zona moi pequena" (Ex-afiador de 69 anos, Loña, Nogueira de Ramuín). Con todo, con base nos datos proporcionados polos portadores deste oficio, pódense reconstruír os tres prototipos seguintes de áreas de traballo que percorreron os afiadores ambulantes oriúndos de Galicia, e que denominarei:
a) As Areas de acción de longo alcance, propias daqueles afiadores que nunca se preocuparon por poñer un rumbo definido ás súas saídas profesionais, nin de concretar a data de retorno ao fogar familiar. Nestes casos, os seus percorridos profesionais consistían nunha itinerancia de tipo pendular de gran alcance, cunha primeira fase de progresivo afastamento da "Chaira" ata chegar traballando ao punto máis distante, desde o que se inicia outra de aproximación á "Chaira" ata chegar a un asentamento en que decide viaxar directamente ao fogar. O tempo investido por quen fan esta modalidade de percorridos pode ser duns meses, uns anos, e, aínda, de toda unha vida. En cada asentamento urbano ou rural do camiño, o profesional facía notar a súa presencia co característico pregón de oficio, e o florido soar do seu apito profesional, un chifre de buxo. Mesóns de acollida de transeúntes, pensións e fondas humildes, casas de confianza, palleiras e alboios rurais convértense para eles nuns estimados refuxios onde pasar a noite, difundir as novidades e intercambiar os 'segredos' de oficio na súa xiria especial, ou "Barallete", con outros afiadores e demais ambulantes coñecidos oriúndos da "Chaira". Verdadeiros heroes anónimos de historias aínda non escritas, algúns destes afiadores conseguiron visitar medio mundo levando como seguro a inseparable roda de afiar, e os recordos de seu "Chaira" como leais compañeiros do camiño.
b) As Areas de acción de alcance medio, resultado xeralmente da división dunha previa 'área de acción de gran alcance'. Decididos por un sector xeográfico máis ou menos amplo que lle ofrece posibilidades de traballo, o afiador dedica a tempada a percorrelo desde algunha localidade onde habitualmente conservan habitación, lávanlle a roupa e lle proporcionan xantar.
c) Por último, están as áreas de acción de reducida extensión, propias do conxunto de afiadores que optan por traballar soamente os núcleos urbanos e os seus arredores, ou nalgunha barriada dunha gran cidade a onde chegaron un día e botaron raíces. Para estes afiadores que decidiron facerse sedentarios e trasladar alí a súa familia, o que antes era a súa área de acción convértese desde agora en área de clientela que lle trae a recompoñer os utensilios domésticos. No seu taller permanente instalado en calquera barrio de capital de provincia, o afiador repara os utensilios de corte ao tempo que subministra uns variados artigos de coitelería e de agasallo. Noutros casos, estes profesionais inverten unha parte da xornada atendendo a súa clientela nas carnicerías, peixerías, restaurantes, hoteis, residencias, colexios e domicilios particulares, diante dos que instalan o seu típico instrumento despois de ter identificado a súa presencia por medio do seu “toque”, un típica e persoal sucesión de tons que identificaba a cada afiador e que xorde do seu apito, e o seu exclusivo pregón deste tipo: "Afiador!. Afiar coitelos, tesoiras, navallas!. O afiador!", que emite de viva voz.
 
3º) Tocante á frecuencia das visitas ao fogar desde as áreas de traballo, é tamén pouco o que se pode considerar xeneralizable para todos os afiadores ambulantes oriúndos de Galicia. Pódese tomar como norma que canto máis lonxe traballan menos visitas fan, e máis tempo permanecen na casa cando volven. Quen traballaron en cidades e localidades moi afastadas radicadas no territorio peninsular, adoitaban visitar a familia unhas dúas veces ao ano: unha realizábana polo verán, durante os meses de xullo e agosto, unha vez que concluía a tempada de reparación das ferramentas de corte que usan os campesiños nas segas de cereais e de herba. Esta vista aproveitábana para contribuír á realización dos traballos estivais do campo e para asistir ás festas patronais e ás romarías que se celebran nos santuarios da "Chaira". A outra visita faise a partir de mediados de novembro, mes no que os días curtos, fríos e chuviosos fan moi duro e pouco rendible o traballo na rúa. Os afiadores aproveitan esta volta ao fogar para realizar a "matanza" anual do porco, celebrar o Nadal en familia e deixar que transcorran os meses centrais do inverno antes de continuar coa súa actividade profesional.
 
Significado do afiador e a súa actividade na sociedade galega tradicional
Nos enclaves de traballo onde os afiadores invisten unhas xornadas laborais que frecuentemente abarcan de "sol a sol" é onde mellor se percibe a súa identidade de oficio específica. Pola miña parte estimo que son tres os piares fundamentais sustentadores da identidade deste oficio: a figura física que presenta o afiador polas áreas de traballo; a imaxe social que proxecta de si nas mesmas, e a xiria especial de oficio que utiliza con outros afiadores ambulantes oriúndos da "Chaira", O Barallete.
Por canto a figura física da afiador ambulante é suficientemente coñecida e típica. Aínda hoxe se pode observar na rúa cando aparece moi ocasionalmente como unha postal vivente do que xacando era habitual. Trátase en todas partes dun personaxe popular, que se presenta evocando unha historia e modalidade de existencia difícil e dura aos ollos do observador foráneo. Desde que o pintor ourensán Antonio Puga o recolleu, en pleno século XVII, faenando na rúa ataviado cunha vestimenta de época e a piques de concluír o afiado dun puñal, e que, no século XVIII, o valenciano Antonio Casanova fixouse nel, para reproducilo traballando ao lado dunha dama que aparenta querer entregarlle un novo utensilio para reparar, ata as imaxes máis actuais legadas, xa sexa polos escultores, Failde, Xosé Cid, García Buciños, ou ben por gravadores e debuxantes que o reproducen traballando na rúa, a imaxe física do noso afiador ambulante foi presentada sempre cuns trazos peculiares inconfundibles con aqueles que mostran os demais profesionais da ambulancia.
Esta figura física distintiva, que o afiador ambulante galego veu presentando historicamente, convértese nun auténtico mecanismo proxector da imaxe social que a sociedade circundante se veu formando del. Pola súa figura física tradicional, case sempre de home desleixado e sucio, a poboación se foi formando unha imaxe social de labrego pobre, próxima á indixencia, cun status social moi próximo ao dos esmoleiros. Fóra da "Chaira" de orixe, a súa persoa pasará a formar parte dese vasto colectivo de "homes de mundo" nos que non se debe confiar, de "xente de paso" que nada teñen que perder. Foi sobre todo a súa procedencia foránea, a súa modalidade de traballo e de vida na rúa, o seu tipo de vestimenta cotiá e o modo de usala nos tempos tradicionais, o que máis influíu na creación dos xuízos pexorativos que se difunden sobre a súa persoa, e os estereotipos culturais que se lle asocian, cunhas calidades intelectuais baixas, e cuns valores morais debilitados que os converten en persoas de pouca confianza. Algúns fragmentos da literatura popular de tradición oral recollen o que dicimos, como o desta copla que lle canta:
 
Afiador andadeiro
que corres a terra toda
non pares non meu portelo
que non quero home de roda
(Cabanillas, 1976:142).
 
Pódese considerar ata certo punto razoable que os antigos representantes do oficio susciten este tipo xuízos. Dun lado porque a poboación que visitan traballando sempre tende a descalificar aquilo que, como eles, lles é alleo; e doutro, porque considerando o seu xeito de vida e traballo na rúa, a súa forma habitual de aloxamento, o seu moi frecuente analfabetismo, e varios outros trazos propios do oficio, calquera se sentiría inducido a colocalos económica, social e, con probabilidade, culturalmente, nese grupo dos máis desherdados da fortuna que constitúe o colectivo social dos "desclasados". Pola súa banda, alleos sempre á sociedade de acollida, e indiferentes ao mundo que os rodea, os afiadores ambulantes oriúndos de Galicia só excepcionalmente lograrán integrarse completamente nas zonas de traballo que frecuentan, pois estas só lles interesan como ámbitos de acción profesional.
Foron moitos os afiadores consultados que manifestaron ter visitado diferentes países de Iberoamérica (Arxentina, Brasil, Cuba, México, Venezuela...) e de África (Arxelia, Marrocos, Mozambique...) despois de ter traballado por España ou Portugal. Pero todos eles parecen ter sido portadores dunha imaxe social semellante á sinalada. Tampouco as dificultades inherentes ao desenvolvemento do oficio variaron en exceso mentres o exerceron por eses países, onde deberon enfrontarse a parecidos problemas que os propios daqueles que ficaron no interior peninsular. As seguintes expresións van referidas ao seu período de actividade por dentro e fóra do noso territorio, revelando que, naquel tempo, "non se gañaba para comer", "non se facía para vivir", levábase unha "vida de errante", “pasábase moito frío no inverno" e "demasiado calor en verán" traballando na rúa, "durmíase malamente sobre uns sacos recheos de palla", " en casas", "en cuadras", "en cobertizos", e, en verán, "se non se daba atopado casa cuberta (durmíase) ao aire libre", constitúen a mellor confirmación desa loita sostida polos membros deste colectivo contra o sacrificio e a miseria que caracterizaron a súa carreira. Transplantados temporalmente nalgunha vila, ou cidade dos países mencionados máis arriba, víctimas da sociedade de acollida na que se atopan "sempre sós" e "sen apoio da familia", que os agardaba na "Chaira", o seu sistema lóxico de vida, a interiorización da súa situación e desa imaxe social que se ten deles, axudarán a producir un sentimento de pertenza a un grupo profesional particular, e a facer deles un colectivo cunha especial identidade profesional e social.
O elemento que máis contribuíu a proporcionar e soster esta identidade socioprofesional diferenciada que presenta o colectivo, foi, sen dúbida, a especial xerigonza de oficio que utiliza, denominada "O Barallete". Se ben os afiadores consultados xa se referiron a ela definíndoa como "unha curiosa fala que agora xa non se leva", na época en que o colectivo de afiadores ambulantes galegos foi máis abundante, estes ambulantes empregábana "a diario nas súas andanzas polo mundo" (Ramón e Fernández-Oxea, 1982: 260). O verdadeiro marco de utilización do Barallete é o espazo de acción profesional por onde estes profesionais coincidían traballando, e naquelas fondas e hospedaxes que comparten con outros ambulantes coñecidos da "Chaira". É tamén aquí onde "O Barallete" aparécenos convertido nun auténtico referente identitario, entrementres 'signum' propio de diferenciación e afirmación da idiosincrasia deste colectivo, e vehículo de exhibición pública da súa identidade diferenciada que se proxecta á sociedade exterior. Xurdida tanto de motivos profesionais, no sentido de que "ocuparse diferentemente é falar diferentemente" (Nicéforo, 1912: 22), como por razóns de propia conservación biolóxica, isto é, para constituír un medio polo que manter a súa existencia física e resistir ás presións dese mundo agresivo e externo no que se moven, esta xiria "O Barallete", ademais de constituír un auténtico referente identitario do colectivo ambulante, convértese na súa mellor arma na loita pola vida sobre os marcos de acción profesional. Trátase dun auténtico mecanismo de defensa e, ao tempo, de cohesión interna de todas as compoñentes deste colectivo xirial. Os que o crearon, perfeccionaron, conservaron e utilizaron ata as últimas décadas para transmitir a súa problemática propia, non só trataron por este medio de ocultala aos demais, senón que serviu para sentirse integrantes dun colectivo socioprofesional diferenciado da sociedade xeral circundante. Análogo a calquera dos outros vellos argots antigos e modernos, “O Barallete" ten a capacidade de diferenciar aos afiadores dos demais profesionais da ambulancia que non o falaban, e isto para mellor integralos nunha categoría socioprofesional particular e distinta. Sempre que se comunican en Barallete, quen o falan séntense nun espazo vital novo, separado tanto da sociedade de acollida como da súa comunidade natal diante da que non precisan empregalo. Trátase, pois, dunha linguaxe argótica especial, reservada só a estes ambulantes galegos que integran o que Ben-Cho-Shey chamou "Gloriosa orde caneante da parafusa" (Cfr. Ramón e Fernández-Oxea, 1982: 223), que viñeron utilizando como lexítimo código secreto de comunicación interna, como verdadeiro mecanismo de illamento exterior, e como a súa principal barreira de seguridade fronte a todo o alleo, cumprinco así o papel de medio protector na súa loita pola vida fóra da "Chaira", e de principal "signum" de casta, de gremio e de grupo socioprofesional particular e distinto. Creada para servir a estes profesionais en situación, "O Barallete" é capaz de revelar, ademais, os principais trazos do sistema de vida e cultura destes profesionais, ao facer posible deducir, a partir do exame do seu vocabulario, aquelas circunstancias, situacións, vivencias e, aínda, aspiracións mantidas polos compoñentes do colectivo xirial. Razóns obvias de espazo impiden a constatación e estudo semántico deste interesante vocabulario, que revelarían como este falar diferente do colectivo correspondería, tamén, cun pensar, sentir e xulgar diferente dos membros que o integran. O afondamento neste tipo de análise, sumada ao estudo do estilo peculiar que imprimían os afiadores ao seu oficio artesán, á sagacidade e astucia derivadas do seu prolongado trato con xentes diferentes, á lexitimidade histórica para o exercicio deste oficio, fundada na súa pertenza á "Chaira", e á malicia aguda que recollen as coplas populares sobre a súa persoa, daríannos, xunto ao xa expresado, as claves para comprender a natureza desta identidade de oficio, que levará ao afiador ambulante galego a unha maneira especial de ver as cousas e o mundo que lle rodea, a unha avaliación dos problemas, e a unha orientación das súas habilidades e conductas que sitúan este colectivo nun lugar privilexiado dentro do campo da ambulancia en xeral.
 
Poñerei termo á miña viaxe por este tema da ambulancia galaica cunha breve reflexión sobre o significado do afiador e a súa actividade artesá, que lle foi atribuído dentro do ámbito da comunidade galega tradicional.
A pouco que un se fixe nos textos da nosa tradición oral e escrita sobre este tipo popular e no seu oficio artesán, detéctase o contraste existente entre a imaxe que do afiador reflicten e a súa condición obxectiva de artesán humilde e traballador que na práctica caracterizou ao afiador. Se consideramos o limitado segmento de tradición oral de que dispoñemos, descóbrese nel un afán da sociedade sedentaria de servirse do personaxe para manifestar o seu desexo de liberdade e de independencia, sempre ligada a unha explotación, oficios e empregos estables que non pode desatender, e a unha estructura familiar que lle coarta boa parte de súas iniciativas individuais. Os nosos observadores anónimos do oficio, aqueles que nel se inspiraron para elaborar as coplas populares que se transmiten sobre a súa persoa, viron neste artesán a un auténtico ser libre e sen ataduras. Verdadeiro protagonista de camiños afastados e de historias verídicas aínda non escritas, a vila chan que canta ao afiador veu presentándoo, non só como o símbolo das restantes categorías de profesionais da ambulancia galaica e dos seus diferentes códigos de comunicación, modos de sociabilidade etc., senón tamén como o expoñente máximo do espírito de aventura e liberdade e, igualmente, como un traballador infatigable que chega desenvolvendo o seu oficio aos poboados máis apartados de dentro e de fóra do territorio peninsular.
Por canto á tradición escrita, pódese apreciar, igualmente, que aqueles poetas e escritores que se achegaron ao afiador para inspirarse, describírono nas súas obras literarias cun notorio afán de destacar a súa figura e o seu espírito de aventura e liberdade ao que xa nos referimos, e que dita moito da apreciación persoal que os afiadores tiñan de si mesmos e do seu oficio, ao que consideran como un de tantos "modos de gañarse o pan" dunha forma humilde e demasiado sacrificada e dura, propia de "uns tempos -os seus- máis difíciles cós actuais". Moitos dos que mellor o observaron e inspiraron nel para elaborar as súas composicións poéticas e literarias, entre outros, R. Cabanillas, A. R. Castelao, A. das Casas, X. Fernández Ferreiro etc., deixaron ben plasmada a súa visión ensalzadora do personaxe, non exenta, tampouco, dunha forte doses de sentimento e lirismo intimista. Cando o poeta R. Cabanillas se refire ao afiador faino ollando como chega de "terra a dentro" ao asentamento mariñeiro de Cambados (Pontevedra), disposto a facer realidade o seu esperado sono de embarcar para o "Bos Aires" querido onde seguirá coa súa habilidade artesá ata o falecemento na afastada "Pampa silandeira" (Cfr. Cabanillas, 1979, II: 111). O propio fai A. Rodríguez Castelao na súa obra "Os dous de sempre" onde se recrea presentándoo, en compañía de Rañolas -o personaxe central da obra-, como un auténtico catador de ilusións decidido a cruzar a fronteira patria polo porto navarro de Canfranc para seguir probando fortuna en territorio francés (Cfr.Rodríguez Castelao, 1979, I: 218). Tamén Álvaro das Casas achégase ao seu afiador protagonista, Pancho de Rábade na obra: Pancho de Rábade: Viacrucis en VI estacións-, describindo como regresa ao fogar unha vez que percorreu "tódolos camiños do mundo", escoitado "tódalas falas" e experimentado todas as cousas (Cfr. Casas, 1930: 15-16). Por último, Xandón -o personaxe central de “A saga dun afiador” é considerado polo autor desta novela como un afiador ambulante, libertario e aventureiro, que só ocasionalmente se lembra de visitar á súa familia na "Chaira" natal (Cfr. Fernández Ferreiro, 1980). De xeito semellante a como acontece no segmento de tradición oral, nestes textos da nosa tradición literaria, difúndese igualmente unha visión idealizada e positiva deste personaxe popular e do seu oficio, cuxos motivos e sentido profundos, se é que existen, atópanse aínda por delimitar.
Unha das claves para chegar a comprender o significado cultural específico que poidan presentar estas consideracións, sempre positivas, que se fan sobre os afiadores ambulantes tanto na nosa tradición oral como na escrita consistiría, ao meu xuízo, en centrar a análise das mesmas a partir daquela antiga imaxe negativa de Galicia, rural e empobrecida, que todos estes traballadores temporeiros contribuíron a difundir durante séculos. O drama histórico ao que apuntan durante séculos estes humildes embaixadores culturais, que se ausentaban da "Chaira" sen rumbo definido, dispostos a realizar os traballos máis humildes, fará meditar aos nosos principais pensadores, artistas, escritores e poetas, acreditados e anónimos, ata dar cunha interpretación capaz de converter estes esforzados campesiños nun trazo de cultura étnica positivo e exportable ao mundo exterior. Nesta nova lectura, feita e proxectada desde dentro Galicia, farase un gran esforzo en descubrir o que estes pequenos oficios conteñen de bo e definidor do noso común fondo étnico. En tal proceso interpretativo, o afiador ambulante será convertido, máis que ningún outro profesional da ambulancia galaica, no principal nutriente da nova interpretación e no banco de proba da nova lectura. Acudirase a el para difundir o espírito de traballo e sacrificio que sempre caracterizou á poboación galega, e ese orgullo manifesto familiar e local, que impide mendigar aos seus membros no interior da "Chaira" excesivamente poboada e carente de recursos. Ausentándose temporalmente do fogar familiar e reintegrándose de novo cada vez que conseguían uns indispensables aforros, verase, nestes campesiños ambulantes e nos oficios que exercen, unha moi honrosa forma de gañarse o pan; sendo o representante máis típico deste tipo de traballos o afiador, pasando así a converterse no símbolo máis apreciado para significar estas formas de actividade e este trazo verdadeiro da nosa común identidade étnica. Unha vez que se lle ve como o expoñente máximo da ambulancia galaica, tratarase de elevalo, en principio, a símbolo daquelas comunidades rurais que máis teñen contribuído a manter viva, durante o transcorrer do tempo, esta especialidade artesá como foron, sobre calquera outras, as que compoñen o municipio rural de Nogueira de Ramuín (Ourense); despois como símbolo dese necesario espírito de abnegación e aventura que todo traballador ambulante ten que dispoñer para ir a desenvolver calquera humilde traballo, e tamén da actitude de apertura que unha sociedade de emigrantes como a galega precisa atopar en todas aquelas que visitan as súas xentes solicitando residencia e traballo. Por último, tamén se tratou de erixir ao afiador coma símbolo da galeguidade, e especialmente de ourensanismo, baseándose na inclinación que sempre mantivo a poboación desta provincia galega a considerarse a verdadeira depositaria deste oficio, en virtude do elevado número de afiadores ambulantes que proporcionou. O certo é que, aínda hoxe, é posible afirmar que alí onde sexa dado contemplar esa figura expresiva dun afiador ambulante, que se difunde por centenares desde algunhas fábricas, talleres artesáns e locais comerciais radicados en Ourense, calquera persoa oriúnda de Galicia se aprestará a recoñecer nela un expoñente máximo desta terra que o viu nacer e a considerala como un símbolo lexítimo das súas xentes e do espírito galaico, amante e defensor a toda costa da liberdade e portador, ademais, de todo un cúmulo de trazos identitarios que a minúscula imaxe de afiador ambulante contribúe con eficacia a definir: ruralidade, capacidade de aforro, espírito de sacrificio e afán de superación, entre outros.
 
Texto: Xosé Antonio Fidalgo Santamariña
 
BIBLIOGRAFIA
CABANILLAS, R.: Cancioneiro popular galego. Galaxia, Vigo, 1976.
CABANILLAS, R.: "Da miña Zanfona". Obras completas, II. Akal editor, Madrid, 1979.
C.M. L. (CAMARA MUNICIPAL DE LISBOA: DIREÇAO DOS SERVIÇIOS CENTRAIS E CULTURAIS): O Pobo de Lisboa: Tipos ambulantes, modos de vida, mercados e feiras, divertimento, mentalidade. Exposi­çao Iconográ­fica. Junho/­Julho 1977-1978. Serviçios dos Museus Municipais. Lisboa. (sin paginar).
CASAS, A. de las:Pancho de Rábade. Viacrucis en VI estacións. Alaula. S.l., 1930
FERNANDEZ FERREIRO, X.: A Saga dun afiador. Edicións do Castro, Sada (A Coruña), 1980.
HOYOS SAINZ, L.de/ HOYOS SANCHO, N.de: Manual de Folklore. La vida popular tradicional en España. Ediciones Istmo, Madrid, 1985.
MAYERHORER, C.: "Dorfizgeinner". Etudes Tsiganes , (1988) Núm.1.
MIRA, J.F. (Dir) Temes d'Etnografía Valeciana ,III. Institució Alfons el Magnánim / Institució Valenciana d'Estudis i Investigació. Alzira (Valenciana), 1985.
NICEFORO, A.: Le Génie de l'Argot. Essai sur les langages espé­ ciaux. Mercure de France, París, 1912N.
RAMON E FERNANDEZ-OXEA, J.: Santa Marta de Moreiras. Edicións do Castro, Sada (A Coruña), 1982.
RODRIGUEZ CASTELAO, A.: "Os dous de sempre". Obra Completa, I: Narrativa y teatro. Akal editor, Madrid, 1987.
 
 
Fotografía: Pablo Carpintero e Gustavo Couto, realizada no Museo Liste de Oseira. http://www.museoliste.org/
 
 
 
 
 

Voting

Rating: 0 / 0 votes
Vote:

Comments

No comments yet!

Add comment

Name:
Title:
Comment text:
[b]  [i]  [u]  [url]  [quote]  [code]  [img] 
 
  SecurityImages selected in backend, but component not installed! Notify the webmaster
 

EXIF

Section Name Value
FILE FileName Afiador.jpg
FILE FileDateTime 1239724327
FILE FileSize 437507
FILE FileType 2
FILE MimeType image/jpeg
FILE SectionsFound ANY_TAG, IFD0, THUMBNAIL, EXIF, INTEROP
COMPUTED html width="3872" height="2592"
COMPUTED Height 2592
COMPUTED Width 3872
COMPUTED IsColor 1
COMPUTED ByteOrderMotorola 1
COMPUTED ApertureFNumber f/11.0
COMPUTED UserComment
COMPUTED UserCommentEncoding ASCII
COMPUTED Thumbnail.FileType 2
COMPUTED Thumbnail.MimeType image/jpeg
IFD0 Make NIKON CORPORATION
IFD0 Model NIKON D80
IFD0 Orientation 1
IFD0 XResolution 3000000/10000
IFD0 YResolution 3000000/10000
IFD0 ResolutionUnit 2
IFD0 Software Adobe Photoshop CS3 Windows
IFD0 DateTime 2008:08:28 11:54:38
IFD0 YCbCrPositioning 2
IFD0 Exif_IFD_Pointer 228
THUMBNAIL Compression 6
THUMBNAIL XResolution 72/1
THUMBNAIL YResolution 72/1
THUMBNAIL ResolutionUnit 2
THUMBNAIL JPEGInterchangeFormat 978
THUMBNAIL JPEGInterchangeFormatLength 4472
EXIF ExposureTime 30/10
EXIF FNumber 110/10
EXIF ExposureProgram 1
EXIF ISOSpeedRatings 200
EXIF ExifVersion 0221
EXIF DateTimeOriginal 2008:05:28 16:42:37
EXIF DateTimeDigitized 2008:05:28 16:42:37
EXIF ComponentsConfiguration 
EXIF CompressedBitsPerPixel 4/1
EXIF ExposureBiasValue 0/6
EXIF MaxApertureValue 37/10
EXIF MeteringMode 5
EXIF LightSource 0
EXIF Flash 0
EXIF FocalLength 200/10
EXIF UserComment ASCII
EXIF SubSecTime 40
EXIF SubSecTimeOriginal 40
EXIF SubSecTimeDigitized 40
EXIF FlashPixVersion 0100
EXIF ColorSpace 1
EXIF ExifImageWidth 3872
EXIF ExifImageLength 2592
EXIF InteroperabilityOffset 852
EXIF SensingMethod 2
EXIF FileSource 
EXIF SceneType 
EXIF CFAPattern 
EXIF CustomRendered 0
EXIF ExposureMode 1
EXIF WhiteBalance 0
EXIF DigitalZoomRatio 1/1
EXIF FocalLengthIn35mmFilm 30
EXIF SceneCaptureType 0
EXIF GainControl 0
EXIF Contrast 1
EXIF Saturation 0
EXIF Sharpness 1
EXIF SubjectDistanceRange 0
INTEROP InterOperabilityIndex R98
INTEROP InterOperabilityVersion 0100