|
DescripciónTORNEIROS Son unha variante de carpinteiros que desenvolven o traballo, sobre todo, co "torno", que é o instrumento principal destes artesáns. Pero no equipamento do torneiro entran outras ferramentas igualmente necesarias, como " trenchas" e "gubias" de distintas formas e tamaños, "aixós" ou aixolas, "machadas", etcétera. Despois de devasta-la peza que se quere tornear coa "machada" e "aixó" métena ó "torno" posto en movemento, e co auxilio de "gubias" e "trenchas" estes artesáns van facendo a obra e dándolle a forma que se quere.
Algúns torneiros tradicionais dedicáronse maiormente a construción de fusos, de aí o nome de "fuseiros" para os dedicados en exclusiva a esta tarefa. Pero os "torneiros" facían tamén "cuncas" de madeira -polo que a algúns nomeábaselles "cunqueiros"-, e "fontes" e "bandexas" da masa para face-lo pan, "pratos" do polbo, "culleres", "garfos", "vasos" de madeira e "mangos" para as ferramentas de oficios artesáns e apeiros de traballo, ademais doutra variada serie de obras de máis arte para igrexas, santuarios, altares, etcétera.
Hoxe en Galicia quedan moi poucos deste tipo de torneiros. Tiven ocasión de visitar un no seu obradoiro de Arcos (Carballiño). Admirei a súa habilidade na construción dos "pratos do polbo" para quen llos vai encargar. Pero xa non traballaba con torno de man, nin de pedal. Empregaba un "torno eléctrico" que lle permitía reduci-lo esforzo e multiplica-lo rendemento do traballo. Alí entendín por qué a maioría destes artesáns desfixeran os seus tornos tradicionais. Hoxe resulta moi difícil de atopa-los entre o instrumental dos torneiros modernizados, dedicados a maioría ó torneado de todo tipo de obxectos e pezas do mobiliario doméstico, que fan para os obradoiros e fábricas industriais.
Nesta fotografía e nas posteriores, o que aparece é un torneiro especializado en tornear gaitas e frautas.
Texto de Xosé Antón Fidalgo Santanmariña.
VotaciónEXIF
|