|
DescriciónOS CARBOEIROS Son os encargados de face-lo carbón para os ferreiros que son os seus mellores clientes, pero tamén para as amas de casa das vilas e cidades, que llo van ofrecer para queimar nas cociñas domésticas.
O carboeiro empezaba por pórlle lume ó monte para queimala parte aérea do vexetal e poder arrincar mellor as raíces. Logo ponse a arrinca-las raíces ou torgos, que deixan espallados sobre o terreo ata que un día, ó remate do verán, reúneas para face-lo carbón. Moitos carboeiros tradicionais facían este traballo mentres coidaban o gando. O carbón facíano empregando dous procedementos: Botándoo nun burato; ou ben, facendo un montón sobre o chan.
No primeiro caso, cunhas petas e aixados, faise un burato no chan cun diámetro de un ou dous metros cadrados e unha altura de medio metro. Vótase alí as raíces e préndeselle lume con fentos. Cando arderon arredor dunhas oito horas, o carboeiro as tapa ben con terra para que se apaguen as brasas e quede feito o carbón.
O día seguinte recolle o carbón e xa o pode levar a vender ós ferreiros da aldea e vilas de preto, en sacos carrexados ó lombo de burros e machos aparellados con albardas. Alí, onde chega con intención de vende-lo carbón fai nota-la súa presenza cun típico pregón de carboeiro.
O segundo procedemento era o que empregaba un carboeiro da parroquia de Grisalba (Sobrado dos Monxes) que arrincaba os torgos mentres coidaba o gando e logo amontoábaos todos nun montón en forma de cono, e queimábaos póndolle lume e cubrindo todo cunha capa de fentos, musgos, toxos secos e terróns. Deixábao arder ata que se apagaba por si, momento no que o recollía e llo ía vender a quen o quixera mercar que, polo xeral, eran os ferreiros que había naquelas datas polas parroquias da redonda.
Texto de Xosé Antón Fidalgo Santamariña. Fotografía de Pablo Carpintero e Gustavo Couto, feita no Museo Liste de Oseira: http://www.museoliste.org/
VotarEXIF
|