Manuel Viqueira
Tuesday, 13 de May de 2008

 

 
 
 
Manuel Viqueira é, sen dúbida, un dos gaiteiros máis destacados da comarca de Ordes. Representante dunha longa tradición de gaiteiros, Manuel conserva como moi poucos o tocar e o repertorio propios da súa zona. Vexamos como chegou a ser un dos grandes gaiteiros galegos do século XX.

 

 

Manuel Viqueira, O Gaiteiro de Vilaverde, tamén alcumado Manuel da Farruca, naceu en Vilaverde (Ordes, A Coruña) o 7 de setembro de 1929. Manuel é o terceiro de catro irmáns e o único gaiteiro desta familia. Como a maior parte dos nosos gaiteiros tradicionais, Manuel sentiu a chamada da música moi cedo; aos oito anos comeza a súa andaina coa fabricación de gaitas de alcacén e de canaveira, pequenos aerófonos de lingüeta sinxela quizais de ascendencia fenicia que moran entre nós por máis de 25 séculos. Este xeito de iniciación é común a maior parte dos nosos vellos gaiteiros, e Manuel non foi unha excepción. Valéndose dunha navalla fabricaba as gaitas de alcacén, semellantes a un pallón con furadiños feito dunha palla de centeo ou avea, mentres que na factura das gaitas de canaveira (normalmente idioglotas, é dicir coa lingüeta labrada no mesmo corpo do instrumento) interviña tamén un ferro quente para a factura dos furados. Destes dispoñía, en ambos tipos de instrumentos, un total de seis ou sete. Con estes sinxelos, anque non por elo ineficaces, instrumentos musicais deu os seus primeiros pasos musicais Manuel.
Lembrando aqueles tempiños conta que cando ía ao monte a coidar as vacas, acompañábase da gaita de canaveira e tentaba interpretar nela as melodías que, xa de neno, bulían na súa cabeza. Tal historia musical, hora tras hora, semella que non era demasiado agradable a unha veciña que daba pasto ás vacas perto de Manuel, e tanto lle incomodaba o son da gaita de canaveira que logo foi xunto á nai de Manuel a pedirlle que non lle deixara ao neno levar o tal aparato cando fora coas vacas...
Ós dez anos Manuel mercoulle a Ricardo de García do Alto unha gaita de fol tumbal que se converteu na súa primeira gaita de fol. As súas primeiras saídas foron polo Nadal. Xunto con dous cantadores ían tocar as panxoliñas, un deles encargábase do cesto para recoller os aguinaldos e Manuel tocaba a gaita de fol. O costume de cantar as panxoliñas ten un especial arraigo nesta zona. Os veciños apreciaban aos panxoleiros e gustaban particularmente dos cantos ben interpretados, xa que a xente sabía moi ben como eran os tons e como había que cantalos, amén das propias letras dos pés. Os bos panxoleiros eran recoñecidos e loubados pola xente e ían normalmente por parellas; para cantar repártense cada pé á metade, posto que as melodías da zona son moi melismáticas e de difícil entoación, debido a que as gaitas de fol máis frecuentes nesta zona eran as grilleiras e as melodías dos reis moitas veces abarcan unha oitava completa de extensión.
Con Manuel cantaron os reises os mellores cantadores da zona, entre outros Che de Lucas, Che de Gorecho, José García ou García de Loureda. Sendo Manuel neno foron tocar a panxoliña a unha panadaría da Rúa dos Lagartos en Ordes. O panadeiro estaba de loito e denegoulles o permiso para tocar, sen embargo, cando reparou naquel rapaciño cun fol tan grande, díxolles: "bon, se ese mocoso é quen de inchar ese fol, douvos un peso, senón nada". Por suposto o panadeiro perdeu a súa aposta.
A primeira gaita de fol que tivo Manuel vendeuna, por mediación doutro gaiteiro, a un dos gaiteiros do grupo os "Gaiteiros de Lamajal". ¡Cantos gaiteiros había antes! Lembra Manuel... o intermediario entregoulle a Manuel, en pago pola súa gaita de fol, a cantidade de catro pesos e así ficou o trato pechado. Anos despois, nunha festa en Ardemil, coincidiron cinco grupos de gaiteiros, entre eles os de Lamajal. Manuel recoñeceu a súa gaita e achegouse ao gaiteiro a falar do caso, comentaron sobre o instrumento e, sachando..., sachando..., saíu o tema do prezo; ¡descubriu que o intermediario vendéralle a gaita por 24 pesos! Como a vinganza é un prato que se sirve en prato frío, e aproveitando que o tal fulano era ferreiro a parte de gaiteiro, Manuel díxolle a súa nai que ía encomendar dous rozóns para os toxos. Dito e feito, cando ao cabo dun tempo recolleu as ferramentas, marchou sen pagalas... Un día atopouse co ferreiro e este reclamou o seu:
 
-Manuel, levaches os rozóns e non me dixeches máis nada...
-Quedan pagos polo que ti me debes da gaita... contestou Manuel.
 
AS AGRUPACIÓNS
Na zona que nos ocupa foi moi característica a presencia de cuartetos, conxuntos formados por un gaiteiro, un clarinetista e un caixeiro ademais dun bombeiro. É curioso resaltar que os clarinetistas da zona adaptaban os clarinetes que mercaban nas tendas aos agudos tons das gaitas de fol grilleiras tan frecuentes na comarca de Ordes, e para elo acurtaban os barriletes, ben mercando un máis pequeno, ben recortándoos cunha navalla. Nos seus comezos Manuel fixo parella musical con Cheíño de Gorecho, clarinetista que tocou con Flor Da Maquia (gaita), Pedro de Boquete (tambor) e Cesario (bombo). Xuntos tocaron nos entroidos, nas cacharelas de San Xoán e tamén polo San Xosé.
Corría o ano 1943 cando Manuel foi chamado para incorporarse a un grupo coñecido como "Os gaiteiros do Xulio", pois o gaiteiro do grupo, Andrés de Pardiñas, tivera que marchar a cumprir o servicio militar. Cos Gaiteiros do Xulio tocou Manuel durante dous anos e foi neste período de tempo cando tivo que adquirir a súa segunda gaita de fol, esta vez grilleira; unha gaita que lle encomendara a Basilio Carril (recoñecido artesán de Santiago de Compostela) e pola que pagará 24 pesos. Lembrando esta etapa da súa vida relata Manuel que para voltar do ensaio cos do Xulio debía camiñar de Buscás a Vilaverde, uns sete kilómetros máis ou menos. Era costume que o seu irmán o fose buscar para acompañalo no camiño, mais unha vez retrasárase e Manuel botou a camiñar só polas corredoiras. Era unha noite de luar. Chegando á Gorita, preto de Ordes, pareceulle observar unhas sombras no camiño. Manuel comezou a axitarse, por así dicilo, e ollaba máis cara atrás que cara adiante mentres apuraba o paso. De súpeto topou con algo que o atrapaba por diante, de tacto moi estraño, que o envolvía..., o susto foi milagroso, ficara atrapado na rede que uns cazadores puxeran no camiño para cazar lebres. E claro, os cazadores acudiron a cobrar a súa peza... a toparon ao cativo e liberárono dicindo: ¡que pedazo de lebre temos aquí!
Coméntanos Manuel que os comezos como gaiteiro foron moi duros. Alá polos anos corenta chegaron a camiñar ata 30 e 40 kilómetros para chegar á festa onde os contrataban. Despois da camiñata tiñan que tocar todo o día e, moitas veces, ata ben entrada a noite. Unha vez rematado o baile, debían volver camiñando. Posto que os membros do grupo moraban en aldeas diferentes, parte do camiño debíano de facer soios. Manuel di que camiñando de noite o medo facía presa nel; para escorrentalo tocaba na súa gaita de fol todo o camiño ata a mesma porta da súa casa. Atrás deixaba un nocturno rastro de música que os veciños das aldeas que ía atravesando normalmente agradecían. Tanto era así que era coñecido na redonda por este costume. Mais nada permanece impertubabel. Alá polos anos cincuenta as bicicletas chegaron a Ordes e un tal chocolateiro alugábaas, o que lles viña moi ben a Manuel e os seus compañeiros que contrataban este servicio aforrando as longas horas de camiñata. Lembra Manuel que nin os camiños nin as bicicletas eran coma os de agora e continuamente había que arranxar pinchazos. Coa chegada das bicicletas os veciños protestaron... Manuel xa non te sentimos tocar!... “-home, tocar e manexar a bici é imposible!”, díxolles Manuel.
Outras lembranzas de Manuel van dirixidas ás palletas. Hoxe -di Manuel- hai bos palleteiros, antes un tiña que facerse as súas propias palletas. A cana obtíñaa dos rabos das vasoiras e, despois de cocela, para que collera lei, e valéndose dunha navalla, conseguía fabricar as palletas. Os pallóns facíaos empregando cana brava, a mesma que empregaba para fabricar as gaitas de canaveira.
Dous anos despois, alá polo 1945, cando Manuel contaba dezaseis anos, foi reclamado por Domingo Calviño, clarinetista de Buscás. Xuntos formaron o grupo "Os de Buscás" onde Manuel e Calviño eran acompañados por Andrés do creto (caixeiro) e un rapaz de Pardiñas que tocaba o bombo. No 1950 Manuel casou con Carme Noya Villaverde, a súa actual muller, e tivo que marchar para facer o servicio militar, deixando o grupo de funcionar. Só coa volta de Manuel, en outubro de 1952, volveron a actuar "Os gaiteiros de Buscás", manténdose en activo durante uns anos. Nesta época Manuel marcha vivir para Gosende.
No 1949, alá polo San Isidro, Vicente da Sindical organizou un concurso de gaiteiros. Participaban “Os Couto”, “Andrés de Pardiñas”, “Os gaiteiros do Xulio” e un tal “Pedro de Cabanas”. Cal non sería a sorpresa de Manuel cando este último lle pide que toque no seu lugar pois, polo visto, dáballe medo tocar. Manuel atopouse entón nun dilema: devecía por tocar, mais non lle parecía correcto pois gardaba loito pola súa avoa. Daquela os homes indicaban o loito con un botón negro na camisa e un lazo na solapa da chaqueta. Nun principio negouse Manuel á solicitude de Pedro de Cabanas, mais o instinto é o instinto, e Manuel acabou por tocar, do cal súa avoa se aledaría moito, pois o rapaz subiu ao escenario e, tapando o lazo da solapa para que a xente non o vira, tocou e gañou o segundo premio.
En 1955, cando Manuel contaba 26 anos, xuntouse con Lourenzo Louro Raposo, clarinetista dun famoso cuarteto denominado "Os da Fraga" composto por catro irmáns; Manuel (gaita), Jesus (bombo e canto), Ricardo (tambor) e Lourenzo (clarinete). Xuntos Lourenzo e Manuel, Ramón "O Pelado", que tocaba a caixa, e Cesáreo que os acompañaba co bombo, fixeron actuacións por toda a redonda sendo un grupo de moita sona. Nos anos sesenta Manuel marchou para Ordes onde tivo que gañarse a vida fundando a súa propia empresa de construcción o que lle obrigou a deixar de tocar.
Con estes grupos Manuel e os seus compañeiros percorreron todo o concello de Ordes de festa en festa; levaron a súa música ata Ardemil, Lesta, Cestaños, Buscás, Mercurín, Parada, Vidueiro, Lereira, Poulo, Guindibóo e moitos outros lugares. Fora de Ordes visitaron todos os concellos lindeiros, tocaron na Silva, Queixas, Rodís, Xesteda e na Tablilla no concello de Cerceda. En Arabexo no concello de Bembibre; en Marzoa, Galegos, Abellá e Mesos no Concello de Frades. Tamén en Trasmonte e A Barciela no de Oroso. En Abegondo tocaron en Folgoso e, en Carral, nas aldeas de Herves e Lamagal; chegaron ata Castelo no concello de Culleredo, e no de Tordoia tocaron en Bardans, Cabaleiros, Castenda da Torre, Gorgullos, Pontraga, Vila de Abade... Isto danos unha idea aproximada da grande sona que acadou este home e os grupos nos que tocou, pois debemos ter en conta que os gaiteiros tradicionais rara vez actuaban fora do seu concello e como moito visitaban os concellos lindeiros.
Conta Manuel que voltando dunha actuación na zona de Tordoia e pasando por Santaia, estaba a tocar unha banda na aldea de abaixo e como ian a pé, ao pasar pola aldea de arriba os veciños decianlle se querian tocar e ofrecéndolles cartos en troques. Eles aceptaron e botáronse a tocar. Toda a xente acudiu a bailar, incluso os que escoitaban a banda na aldea de abaixo, o cal parece que non lle gustou moito á mocidade da aldea de abaixo. Ao pouco, presentouse en Santaia de arriba un grupo de mozos increpándoos para que pararan de tocar. Por suposto non o fixeron, pois estaban contratados para iso. De súpeto un tal Valente sacou a chaqueta e amosou un gran coitelo, formouse unha regueifa terrible e comezaron a asomar as navallas. A Manuel cortáronlle os freques da gaita coma quen lle corta unha orella a un touro, e tiveron que saír por pés. Claro está que aínda hoxe esperan cobrar a actuación.
Debemos destacar que en ningún dos grupos dos que formou parte Manuel os compoñentes vestían o traxe tradicional galego do século XVIII, e que Manuel só emprega este traxe ultimamente.
Manuel e Carmen tiveron catro fillos. A todos eles Manuel procurou inculcarlles o amor pola nosa música de tradición e todos foron compoñentes, entre os anos 1970 e 1980, da agrupación folclórica Sementes do Arte de Ordes. Manolo tocou a gaita, Fernando o tambor e Paco e Elvira formaron parte do grupo de baile. Comenta Manolo (seu fillo) que cando esta agrupación se formou requiriron os servicios de Manuel Viqueira, un dos poucos gaiteiros que ficaban na zona, para acompañar ao grupo de baile. Manuel non aceptou o ofrecemento pois xa non tiña gaita, rompéralle o punteiro. Manolo, seu fillo, convenceuno para que fose tocar empregando algunha das gaitas do grupo, mais nunca chegou a formar parte da agrupación pois, polo visto, o tocar de Manuel, que tantas festas tiña feito na comarca e co que tanta xente tiña bailado, non se adaptaba a aquelas danzas que dicían foran recollidas nas parroquias do concello de Ordes... en fin.
Os fillos de Manuel encargaron unha gaita en Sib ao artesán José López Bao e agasallaron con ela ao seu pai no día do seu santo. Con ela tocou ata os anos oitenta canto a trocou por una gaita grilleira do mesmo artesán, gaita de fol coa que aínda toca.
No 1995 formou co seu fillo maior, Manolo, tamén gaiteiro, o grupo "Os Viqueiras de Ordes" co que aínda hoxe seguen a tocar polas festas do concello. A Manolo corresponde o mérito de ter animado a Manuel nos últimos anos a seguir a tocar a gaita de fol.
 
O ESTILO
Manuel é un gaiteiro cunha forza interpretativa enorme como poderedes comprobar na súas gravacións; é ademais un gaiteiro incansable, damos fe diso, pode tocar horas sen parar. Conta que unha vez na cociña da casa dun funcionista fixo unha aposta cos bailadores a ver quen se cansaba antes. Manuel tocou unha hora e cuarto sen parar, un tras outro os bailadores foron abandonando e “ata ao caixeiro lle caeron os paos varias veces!”.
Manuel conserva a dixitación antiga propia da súa zona: un pechado perfecto no que o terceiro grao se executa aberto. Esta dixitación aparece máis ou menos conservada noutros catro gaiteiros que coñecemos neste área, que achamos é unha extensión cara ao oeste da zona de Arzúa e Terra de Melide onde se conserva este mesmo tipo de dixitación pechada. Nestas últimas comarcas aparecen tamén gran cantidade de gaitas grilleiras e cuartetos con clarinete como na comarca de Ordes.
A parte da dixitación pechada, hai outra característica diferencial facilmente apreciable no tocar de Manuel: os continuos trinos sobre as notas, incluso, e con moita frecuencia, sobre as notas que fan cadencia. Se a isto lle xuntamos un vibrato ao xeito antigo, é dicir, moi marcado, ás veces tan marcado que é difícil diferenciar se é un vibrato e un trino, obtemos un tocar extremadamente complexo en ornamentacións de todo tipo. O xeito de ornamentar de Manuel é inimitable e espectacular. Se observarades os dedos de Manuel con atención, poderiades apreciar que para a execución dalgunhas notas, moitos dedos traballan simultaneamente, é sinxelamente impresionante velo tocar. E non só o é polo xeito de interpretar, a postura e a expresión corporais son fantásticas. Cando Manuel se quenta, comeza a erguer a gaita de fol, e quen de tocala sen apertar o fol, so mantendo a presión necesaria cos seus pulmóns, facendo así unha auténtica demostración de arte e orgullo gaiteiro, elevando o punteiro cara ao ceo ata chegar á altura dos ollos.
Sobra dicir que a un excelente sentido da afinación, xungue Manuel un ritmo inquebrantable o que é moi apreciado polos bailadores. A este respecto, é costume dil botar as pezas coma antes, longas, para que a xente teña tempo de bailar, pezas nas que poderedes apreciar a tremenda variación e improvisación ornamental deste home.
Por último só destacar que todos os finais de peza de Manuel son iguais, unha escala ascendente rematada nun silencio e un pase da quinta á tónica superior. Excelente final para tan boa música.
 
Texto de Pablo Carpintero para a edición discográfica “Manuel Viqueira” da colección “Os Nosos Gaiteiros”, cedido por Edicións do Cumio.
 
 

 

 

Powered by MPJax Plugin
Quoc-Huy