Redondela aspira á declaración de interese nacional para a Festa da Coca
Thursday, 15 de May de 2008

 

Redondela aspira á declaración de interese nacional para a Festa da Coca.
A Concellaría de Cultura de Redondela impulsará este ano a Festa da
Coca cunha recreación medieval,semellante á que se realiza noutras localidades
da provincia dePontevedra, como a Arribada de Baiona ou a Feira Franca de Pontevedra.
 
 

O obxectivo desta iniciativa é atraer á vila a un maior número de
visitantes e conseguir que esta festa sexa declarada de interese
nacional, despois de que varios anos atrás recibise a declaración de
interese turístico galego.
O responsable do departamento de Cultura, Eduardo Reguera, destaca
esta iniciativa como a principal novidade do programa das festas do
Corpus Redondelano, que comenzan o próximo mércores, malia que no será
a única. Como en edicións anteriores, Reguera resalta o interese en
recuperar a historia e os elementos etnográficos máis característicos
da festa, polo que, nesta ocasión centráronse no traxe do "choqueiro",
personaxe que tira do dragón da Coca. Este personaxe, que
tradicionalmente ía acompañado polo "centulo", lucirá o traxe orixinal
dos séculos XIX e XX. Esta recuperación etnográfica iniciouse hai tres
anos cos vestidos das "penlas", seguida das
"burras" e a restauración dos xigantes -coñecidos como os "abuelitos"-
e a propia figura da "Coca".
Reguera apunta que a recuperación dos traxes e outros elementos "se
realizan segundo as descricións do historiador redondelano Casto
Sampedro [1848-1937], que a principios do pasado século realizou un
importante traballo de investigación sobre o Corpus e a Coca, a
documentación relativa a este estudo gárdase no Museo de Pontevedra",
indicou.
A recreación medieval desenvolverase na contorna dun mercado nas rúas
da zona vella, tendo o núcleo principal na praza da Casa da Torre, á
que se accederá pola Porta da Vila, a reprodución dunha das tres
antigas portas medievais que tiña Redondela. Neste lugar realizarase
unha representación teatral da lenda da Coca, que estará acompañada
dun espectacular montaxe de luz, son e pirotecnia que se repetirá
durante as dúas xornadas do fin de semana. Ademais, os postos de
artesanía e alimentación estarán amenizados por talleres, xogos
medievais, música e pasarrúas e unha exhibición de cetrería, entre
outros actos.

Para obter máis información, visite a galería de fotos ou prema no seguinte enlace:
http://ronsel.uvigo.es/index.php?option=com_rsgallery2&Itemid=30