Os Canteiros
Tuesday, 20 de May de 2008

 

 

 
As pedras que confeccionan e pulen os picapedreiros para os elementos principais da arquitectura interior e exterior dos edificios que levantan os mestres canteiros, esixen destes profesionais un profundo coñecemento dos materiais e, sobre todo, moita habilidade manual.

 

 

O colectivo de canteiros profesionais manexan un verdadeiro universo de técnicas artesanais e de vellos coñecementos, moitas veces unha vida enteira de traballo non é abondo para acadar un dominio total deste oficio. Galicia enteira é abondosa en obras de arquitectura relixiosa e civil, e en construccións populares que continúan amosándonos hoxe o xenio común e especificamente galego destes "expertos" do desbastado, labrado e colocación das variedades dos nosos granitos, mármores, serpentinas e basaltos, tipos de pedras que seguen a empregarse nas obras artísticas e construtivas que continúan levando a cabo os equipos de picapedreiros e canteiros actuais.
 
A APRENDIZAXE
Nos tempos clásicos do desenvolvemento do oficio de canteiro, quen quixera chegar a selo debería empezar por facerse criado dun mestre canteiro e traballar ao seu lado durante varios anos. Tradicionalmente, este pinche seguía ao seu amo, con outros canteiros, durante unha longa viaxe de varios días, ata que chegaban ao lugar de traballo no que o aprendiz de canteiro encargábase de dar servicio de auga á obra, levar os picos ó ferreiro, colaborar no traballo de servir cal ou barro e outras tarefas que tamén se lle encomendaban.
Superada esta primeira fase, o aprendiz de canteiro inauguraba a outra na que xa colle o pico e comeza a picar na pedra. A medida en que vai dominando o manexo do pico pasa a outra fase na que comeza a "desempenar", é dicir, a preparar a cara labrada da pedra e a "escuadrar", esto é, facer que a pedra saia lisa e dereita. Cando o aprendiz acade certa destreza nestes labores, o mestre xa o porá a "desbastar", é dicir, a darlle forma á pedra, sempre guiado polo mestre, aínda que "se o criado ten chispa" empezará xa a traballar só.
Este proceso de aprendizaxe ocupa normalmente uns tres anos desde, ao cabo do cal o rapaz xa pode acadar o grao de "canteiro" que lle dará dereito a recibir un soldo estipulado oficialmente, mentres continúa coa aprendizaxe doutras técnicas máis perfecionadas.
 
O OFICIO
Os canteiros galegos tradicionais levaban unha vida escrava durante as tempadas de traballo anuais que comprendían desde a primavera ata o comezo do inverno, en que os días curtos e chuviosos non favorecían o desenvolvemento do oficio. Restauraban construcións e facían obras novas. As cuadrillas de canteiros ambulantes transportaban as ferramentas do seu oficio ao lombo, metidas nunha "esporta" ou caixón pequeno. Estas ferramentas están destinadas a partir as pedras (escuadras e regras para marcar e cuñas de ferro e marras para partir), a labralas (ciceis e macetas), a pulilas (picos e buxardas) e a movelas e colocalas no seu sitio (pauferros, palanquetas, roldanas, plomadas etc.)
Os ciceis e punteiros son instrumentos máis ou menos cilíndricos, rematados en forma de pico ou gume. A maceta é semellante un martelo, pero cunha gran cabeza de ferro, cilíndrica pero lixeiramente cónica, manéxase cunha man e úsase para bater no cicel que suxeita a outra. As buxardas son moi semellantes a martelos relativamente pequenos, pero teñen as caras cheas de dentiños e empréganse para dar acabados lisos e suaves ás pedras. Antigamente estes acabados dábanse cun pico, de xeito que se poden atopar pedras apiconadas e máis modernamente pedras abuxardadas.
A escoda, a acodadeira, a falsa, a escuadra, o nivel ou plomada, a lima e o compás son ferramentas complementarias dos canteiros que se empregan para os traballos máis finos, como na realización de tallas, molduras, canzorros etc.
Durante as saídas de traballo, as cuadrillas de canteiros acostumaban a durmir nos pendellos, palleiras e lareiras dos fogares sobre un pouco de palla que facía de colchón e envoltos nunha manta. Como reza unha copla popular:
 
Andas polo mundo adiante,
andas todo arruinado,
dicindo que eres bo canteiro
aínda non sabes dar barro.
En canto ás comidas, o almorzo consistía nuns grolos de augardente ou uns anacos de pan de millo; o xantar era normalmente a base de pan de millo, caldo e algunhas veces un anaco de touciño con patacas; e a cea estaba composta do mesmo menú que o xantar. Afortunadamente para eles, está dieta foise superando co tempo ata admitir novos ingredientes como os "freixós", carne de porco variada, bacallao, arroz, leite, caldo, pan de trigo etc. que xa eran ingredientes habituais dos menús que lles servían seus clientes a partir da metade do século pasado.
 
Hoxe aínda sobreviven algúns obradoiros artesáns de pedra nas localidades ourensáns de Pazos (Verín), Bóveda e Amoeiro (Amoeiro), Barrio do Pazo (Maside), e noutros lugares das demais provincias galegas, nos que se traballaba a pedra para pazos, hórreos, fontes, esculturas e outros, empregándose aínda a roldana para subilas, a escuadra para preparalas, e a plomada para deixalas ben colocadas na parede. As ferramentas fundamentais deste artesán para labrar as pedras son os punteiros, as macetas, as cuñas, os guillos e ciceis, as buxardas, as palanquetas e os ferros.
O transporte das pedras facíano os canteiros en carros desde as canteiras. Unha vez na obra as pedras movíanse con roletes, pauferros, palancas e roldanas de diferentes tamaños dependendo do peso das pedras. O traballo de erguer e colocar as pedras na construción que se está a realizar esixía unha coordinación e simultaneidade perfectas dos canteiros da cuadrilla que manexaban a mesma pedra, posto que estas eran por veces extremadamente pesadas. O sistema elixido por estes home para obter un bo grao de coordinación é moi orixinal, e cadra á perfección coa musicalidade do pobo galego: as cantigas de canteiros. Interpretando melodías, normalmente guiadas polo capataz e respondidas polos outros membros da cuadrilla, estes homes conseguían imprimir un ritmo preciso e coordinar os lugares de esforzo conxunto. Escoitade as cantigas de canteiros que vos achegamos, recollidas polo Ernesto Veiga de Oliveira aos canteiros do Minho Portugués e apreciaredes claramente a utilidade destes cantos que de xeito moi común inclúen ordes a través de palabras como “arriba!” ou indicadores para realizar un esforzo como “ouh” ou “ai”.
http://ronsel.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=blogsection&id=10&Itemid=52
Como traballadores ambulantes, os canteiros tiveron certos problemas de integración na sociedade e por veces eran recibidos nos lugares onde traballaban con certa desconfianza. Varias coplas tradicionais moi coñecidas deixan constancia da súa sona de mullereiros:
 
Pica canteiriño pica,
pica na pedra miúda
pica na muller allea
outros picarán na túa
 
Canteiros de Pontevedra,
onde estades ben vos vedes,
por unha nena bonita
furades catro paredes.
 
Rapazas do meu lugar,
dos canteiros non fiarse:
que desde que fan a súa
collen os picos e vanse.
 
Nas palabras dos canteiros
non vos fiedes:
collen os picos e vanse,
qué lles faredes?
 
Se queres máis información sobre as coplas relacionadas cos oficios tradicionais podes visitar: http://www.funjdiaz.net/folklore/07ficha.cfm?id=198
 
A FALA
Para defenderse desta sociedade hostil e protexer os segredos do seu oficio, sobre todo cando se trataba de axustar prezos diante dos seus contratantes, empregaban unha xiria de carácter gremial denominada O Verbo dos Arxinas. Esta fala, tamén denominada Latín dos Canteiros, ten abondosas importacións doutras linguas como o euskera, o francés ou o latín, e moitos puntos en común con outras falas gremiais como a fala de Bron, a Mansolea, o Barallete, a Pantoja, a Jarla etc.
Se queres outra visión sobre os canteiros podes consultar o artigo de Isabel Méndez Lojo premendo nesta ligazón:
http://www.museodopobo.es/uploads/file/edac-canteiros.pdf
 
BIBLIOGRAFÍA
Sobre os canteiros peninsulares:
-MARTÍNEZ ROSSY et cols. (1987) Caleros y canteiros. Diputación de Salamanca Ed.
- OLANO SILVA (1951) Os canteiros. Boletín de la Comisión Provincial de
Monumentos de Lugo, Tomo IV, nº 35, 233-236.
- PEINADO, N. (1950) Os canteiros. Boletín de la Comisión Provincial de
Monumentos de Lugo, Tomo IV, 120-124.
- TRIGO DÍAZ, F (1993) O verbo dos Arginas de Avedra. Xerga gremial dos
canteiros de Pontevedra. Pontevedra: Excma. Deputación de Pontevedra. (Escola
de canteiros de Pontevedra).
- SOTO Y LOMBA (1935) Los maestros canteros de Trasmiera. Madrid.
- SOTO Y LOMBA (1947) La Pantoja. Jerga de los maetros canteros de Trasmiera.
Segovia.
 
Sobre o verbo dos arginas e as falas gremiais:
- ACIBEIRO (1991) Verbo das arginas de Outeiro Grande.
- ÁLVAREZ ÁLVAREZ, D. (1965) Jergas de Galicia. La de los tejeros, canteros,
albañiles y paragüeros. Tomiño, Pontevedra.
- ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, J. M. (1961) Vocabulario dos Arginas (Separata aparte del
Museo de Pontevedra, T. XV).
- AREAS TEJERO Y CORREA, J. (1961) Vocabulario dos Arginas, en J. A. ÁLVAREZ
- BLÁZQUEZ: El Museo de Pontevedra. XV, Pontevedra.
- BALLESTEROS CURIEL, J. (1930) Verbo dos arginas. Jerga, Latín dos canteiros.
Pontevedra: Hnos. Antúnez Imprenta.
- BEZARES, N. (1843) Latín dos canteiros. Manuscrito, Ms. Bib. Nac. 7209.
- DA SILVA, O. (1951) Os Canteiros. Boletín de la Comisión de monumentos de
Lugo.
- FERNÁNDEZ POUSA, R. (1946) Diccionario del latín de los canteiros de Galicia.
Finisterre. Revista de Galicia. Año IV. Nº 29.
- FILGUEIRA VALVERDE, J. (1976) Los canteros gallegos. Vigo: Asociación Amigos
de los Pazos.
- GARCÍA ALÉN et cols. (1955) Vocabulario de los canteros de Pontevedra. Museo
de Pontevedra, Tomo X. Separata aparte. Pontevedra: Litoral.
- GARCÍA ALÉN et cols. (1977) Un nuevo vocabulario de la jerga de los canteros
pontevedreses. Revista de Dialectología y Tradiciones populares, Tomo XXXIII, 61-
69.
- GONZÁLEZ PÉREZ, C. (1983) O verbo dos arxinas (la jerga de los canteros de
Galicia), en Actes du Colloque international de Glyptographie de Saragosse. 207-
218.
- LIS QUIBEN, V. (1963) La jerga de los canteros de Galicia. En Actas do I
Congreso de Etnología e Folclore, vol III, Biblioteca Social Corporativa de Lisboa.
Lisboa, 113-141.
- LOPES CARDOS (1951) O falar dos pedreiros. Douro Litoral, B. Da C. P. De
Etnología e Historia, 4 serie. V-VI, 154.
- LORENZO FRAIZ, A. ( ) Verbo de los arginas de Terra de Montes. Museo do Pobo
Galego.
 
Texto de Xosé Antonio Fidalgo Santamariña e Pablo Carpintero.