César Fernández
Monday, 01 de September de 2008

César Fernández é outro dos gaiteiros máis representativos da comarca da Fonsagrada. Este home naceu hai 77 anos na aldea de Queixoiro, parroquia de Padrón, no Concello da Fonsagrada. Como poderán comprobar nas gravacións que achegamos, César é un digno gaiteiro, máis tamén é un dos derradeiros tocadores de trompa que nos quedan en Galicia, de aí que o seu interese como portador da nosa cultura tradicional sexa dobre.

 

 

As trompas da Fonsagrada compóñense dun marco de ferro forxado ao que se acola unha palleta de aceiro temperado. É no tempero desta parte do instrumento onde reside o segredo do seu son, que nestas trompas é doce e relativamente potente.

A trompa sostense coa man esquerda apoiando o marco contra os dentes e deixando o espazo suficiente para que a palleta discorra entre eles.

Malia que as trompas foron clasificadas inicialmente como idiófonos, os expertos en guimbardas (nome técnico deste tipo de instrumentos) concordan hoxe en consideralas como instrumentos aerófonos, posto que na emisión do son é indispensable que a columna de aire contida na cavidade torácica, bucal e nasal do tocador vibre. O tocador válese da manipulación da lonxitude desta columna de ar para seleccionar diversos harmónicos cos que é posible executar unha melodía sobre unha nota pedal ou fundamental. Para elo a columna de aire é empuxada e retraída de xeito que atravese suave e ritmicamente a palleta posta en vibración. Esta vibración conséguese batendo na palleta co indicador da man dereita realizando en cada toque un movemento que introduce a lingüeta na boca do tocador.

A trompa, que noutros lugares de Galicia é denominada birimbao, estivo moi arraigada na comarca da Fonsagrada existindo outrora numerosos tocadores deste instrumento. César conta que a trompa comezou a ser tocada na Fonsagrada despois de acontecer a unha curiosa historia.

Seica hai moitos anos uns labradores da aldea de Invernal, tamén na Fonsagrada, andaban a arar nunha leira cando atoparon unha vella trompa moi oxidada. Picados pola curiosidade, levaron este instrumento a Queixoiro, unha aldea veciña, onde había un ferreiro de bastante sona, o señor Manuel. Parece ser que este home tentou reproducir o instrumento e conseguiu finalmente un que soaba como era debido. Este home tiña catro ou cinco fillos, tamén dedicados ao oficio de ferreiro. Otilio era o irmán máis novo e foi o que se dedicou a seguir facendo estes instrumentos cando seu pai xa non puido continuar mazando no ferro.

Conta César que antes da guerra a trompa foi un instrumento moi popular na Fonsagrada, que se fixeron miles delas e que había moi bos tocadores; un deles seu irmán Ovido. Parece ser que unha vez que o Sr. Manuel deixou de facer as trompas seguiu co oficio seu fillo máis novo, Otilio. Mais este non sabía facer ben as palletas das trompas, de xeito que era o irmán de César quen llas facía. Así, mentres Otilio facía os ferros (marcos) das trompas, Ovidio construía e acolaba as palletas a estes marcos. As trompas así feitas vendíanas a tres pesetas, unha para Ovidio e dúas para Otilio. Corría o ano 1937 aproximadamente. Co tempo Otilio converteuse nun verdadeiro especialista na construción destes instrumentos, deixando o oficio hai pouquiños anos por mor da falta de vista.

Todos os irmáns de César (José, Modesto e Ovidio), eran tamén trompeiros, e todos tamén moi afeccionados á música, de xeito que algúns tocaban a filharmónica e a gaita. Outros grandes tocadores de trompa foron Herminio de Fonfría e seus irmáns, así como O Pando da Fonsagrada, quen conserva aínda unha trompa moi antiga.

A trompa estivo a piques de ser esquecida, non entanto, hoxe parece que os músicos novos volven a interesarse por este instrumento, sobre o que a Asociación de Gaiteiros Galegos organiza un encontro anual na Fonsagrada.

En canto á gaita de fol, César comezou a tocala cando tiña uns 16 anos, por suposto despois de exercitarse convenientemente coas pipas de castiñeiro e as gaitas de alcacén. A primeira gaita de fol que tivo mercoulla a un home chamado Severino, da aldea de Lidín, era unha gaita redonda, tirando a grilleira. César aprendeu a tocar a gaita de fol ollando para outros vellos gaiteiros, o que máis lle gustaba e do que máis aprendeu era Aquilino, alcumado O Páxaro de Silvachá, un dos gaiteiros de máis renome nesta zona a principios do século XX.

Como case tódolos gaiteiros desta zona, César pasou unha grande temporada sen tocar o seu instrumento, case 30 anos, volvendo a tocar hai uns 15 anos, cando a gaita de fol cobrou de novo renovadas forzas.

En canto ao seu xeito de tocar, pouco hai que dicir, salvo que este home ten practicamente esquecida a dixitación propia desta zona, tocando aberto salvo en determinados fraseos, que non soarían igual se se executaran en aberto. Sen embargo, César conta cun fermoso repertorio, rico en pezas características da zona e cun tocar sinxelo pero moi airoso que o converte nun destacado gaiteiro da zona. Ultimamente César xa non toca moito a gaita pois unha doenza nos seus dedos dificúltalle o seu movemento, de xeito que agora toca a caixa acompañando a outros gaiteiros e amigos da zona como José Marentes.

César casou no ano 1953 con Genoveba Fernández Rodríguez, de Pacios de Mourisco, na Fonsagrada. Esta muller que conta actualmente con 71 anos, aínda canta moitas veces acompañando ao seu home ao pé da gaita de fol, mantendo así un antigo costume.

Texto de Pablo Carpintero
 
 

Powered by MPJax Plugin
Quoc-Huy