Actividades de verán do Museo do Pobo Galego
Wednesday, 01 de July de 2009

Como tódolos veráns o Museo do Pobo organiza algúns obradoiros e outras actividades para o público xeral coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Santiago. As mesmas deron comezo co  Café da Memoria do día de S. Xoán  e continuarán durante os meses de xullo e agosto. 
 
Entre os obradoiros deste verán están Xogos Bailados, que dirixido por Carme Campo e Luís Prego vaise desenvolver o 9 de xullo pola mañá.  Os xogos bailados e cantados conforman unha parte importante do patrimonio inmaterial. Desta consideración xorde a iniciativa por parte do DEAC do Museo do Pobo, de ofrecer esta actividade na que nenos e nenas poderán achegarse a elementos básicos da nosa cultura como son os xogos, o baile e a música, de maneira amena e adaptada a idades comprendidas entre os 4 e os 6 anos.
 
 
Bitácora Bonaval,  de  María Meijide e Xaquín Penas Patiño,   convida a facer un caderno de artista no que reflectir a experiencia de cadaquén co parque de San Domingos de Bonaval, un lugar que une a memoria da cidade e o lecer. Para facer o caderno de artista contaremos coa artista María Meijide, quen entre as súas obras,  conta con numerosos cadernos de viaxe e co profesor de ciencias Xaquín Penas, quen nos axudará a coñecer moitos dos segredos do parque. Deste xeito, o caderno recollerá a experiencia do que se ve na natureza pero tamén do que se agocha. Este obradoiro que é froito da colaboración entre o  Museo do Pobo Galego e o CGAC, vaise desenvolver entre o 28 e o 31 de xullo.
 
Ademais e, desde esta semana e durante todo o verán, haberá a posibilidade de facer unha visita guiada sen solicitude previa, simplemente presentándose no Museo ás 12 ou ás 17 horas de martes a sábado.
 
Para máis información sobre tódalas actividades e exposicións do Museo do Pobo, pódense dirixir a páxina web www.museodopobo.com ou ao  departamento de Educación e Actividades no teléfono 981583620.