Fabricación dun Carrizo
Tuesday, 13 de October de 2009
 

Segunda entrega sobre a fabricación de instrumentos musicais galegos, nesta ocasión, o carrizo.
Os instrumentos musicais clasifícanse segundo o sistema que produce o son. Nos idiófonos é o corpo do propio instrumento o que emite o son ao seren axitado, batido, rañado etc; nos membranófonos é unha membrana tensa a que soa ao seren golpeada ou refregada, nos cordófonos é unha corda tensa a que emite o son cando é pulsada ou refregada e nos aerófonos e o aire contido nun tubo o que é posto en vibración mediante lingüetas ou polos beizos do propio tocador.
O carrizo é un sinxelo idiófono de entrebater, que en Galicia é un xoguete, un enredo de nenos e nenas, no que unha lingüeta de madeira baixo presión bate nunha cavidade de resonancia.
 
Material: unha noz, un anaco de cana, un cordeliño ou unha goma, unha navalla e unha serra de pelo.
Tempo de fabricación: uns 15 minutos.
 
 Se queredes aprender a construilo, premede a continuación: Fabricación dun Carrizo.
Para fabricar un carrizo cómpre seguir os seguintes pasos:
  1. Axudándonos da serra de pelo cortaremos un anaco de cana grosa, duns 5-10 cm de lonxitude, segundo se queira o son máis agudo ou grave.
  2. Coa axuda da navalla fenderemos á metade este anaco de cana introducindo a navalla de xeito diametral nun dos seus extremos e imprimíndolle un movemento de vaivén.
  3. Nunha das metades así obtidas faremos un par de amósegas e enrolaremos un cordel ou unha goma que dea dúas voltas ao instrumento. Fica así preparado o tubo.
  4. Unha vez preparado o tubo, co outro anaco de cana faremos unha lingüeta duns 5-6 cm de longo, 2-3 mm de groso. Para elo fenderemos o outro anaco de cana sobrante de xeito lonxitudinal cravando a navalla na cana e imprimíndolle un movemento de vaivén, a tira de cana así obtida adelgázase tamén empregando a navalla ata acadar un groso duns tres milímetros.
  5. Pasaremos esta lingüeta por entre os dous cordeliños ou gomas e, axudándose con ela, iremos retorcendo os cordeliños, dándolles voltas, enrolándoos un no outro, ata que adquiran unha torsión que aperta con forza a lingüeta contra o tubo de cana.
 
Entón o instrumento está listo. Tirando da lingüeta cara arriba cun dedo, esta volve con forza ao seu sitio dando un golpe seco contra a cana que, como está oca, amplifica o seu son. Se empregamos varios dedos para tirar da lingüeta de cana podemos facer ritmos co carrizo. En troques dunha lingüeta de cana tamén se pode poñer un guizo de calquera madeira seca.
 
Outro xeito de fabricar carrizos consiste en empregar como caixa de resonancia a metade baleira dunha noz, dispoñendo os cordeliños perpendiculares ao seu eixo maior e facendo a fenda para a lingüeta nun dos extremos, sendo o mellor alí onde a noz ficaba prendida á árbore.
 
O nome destes enredos podería provir de que fan un son moi semellante ao dun pequeno paxariño, a carriza (Troglodytes troglodytes), que canta emitindo un característico “krrrrrrr, krrrrrr!”.