Frauta de cana
Monday, 01 de March de 2010
Se queres saber como construíla, preme a continuación: Frauta de Cana
Os instrumentos musicais clasifícanse segundo o sistema que produce o son. Nos idiófonos é o corpo do propio instrumento o que emite o son ao seren axitado, batido, rañado etc; nos membranófonos é unha membrana tensa a que soa ao seren golpeada ou refregada, nos cordófonos é unha corda tensa a que emite o son cando é pulsada ou refregada e nos aerófonos e o aire contido nun tubo o que é posto en vibración mediante lingüetas ou polos beizos do propio tocador.  
 
As frautas de cana son aerófonos que pertencen ao tipo das frautas traveseiras. Son bastante doadas de fabricar e foron empregados en toda Galicia por nenos e adultos. 
 
Material: navalla, serra de marquetería, cana, ferriño e soprete.
Tempo de fabricación: 5 min aprox.
 
Para construír unha frauta de cana debemos escolle unha cana duns 15 mm de groso e uns 25-30 cm de longo, se ten un nó no medio non importa. O primeiro paso será cortala á lonxitude precisa empregando a serra de marquetería. Deixaremos un dos nós nun dos extremos, o outro debe quedar aberto. Se a cana así cortada ten un nó no medio, eliminarémolo cun ferro quente e unha lima redonda ata que o interior quede perfectamente liso. Cun lapis marcaremos agora o lugar onde imos facer os furados. Debemos facer sete: un para soprar, duns 9-10 mm de diámetro, e outros seis para os dedos, duns 6-7 mm de diámetro. Para marcar o lugar onde irán situados existe unha norma tradicional: o furado para soprar faise a uns 17 mm do nó, e a distancia que separa a este do primeiro dos furados para os dedos, debe ser igual á que separar o primeiro furado para os dedos do último. O espazado dos furados para os dedos debe ser duns 2.5 cm.
 
Unha vez marcados os lugares onde irán os furados, debemos perforar a cana empregando un ferro, non moi groso, duns 5 mm, que quentaremos no lume ou cun soprete. Faise con moita facilidade e non é nada perigoso mentres un adulto axude ao neno ou nena.
 
Cando teñamos os furados listos, só haberá que soprar na frauta e corrixir a afinación, se é preciso, abrindo un pouquiño máis os furados que o precisen, tendo en conta que canto máis abramos os furados, máis subirá o ton.
  
Este tipo de frauta denomínase en Galicia simplementecomo frauta,  ou tamén frauta de cana ou frauta de sabugueiro se se fai con este pau. Fabricábanas os propios tocadores ou algún veciño mañoso. Teñen unha lonxitude moi variable de entre 25 e 40 cm aproximadamente. Cando eran de pequeno tamaño tamén se denominaban pífanos, pínfanos ou chínfanos.
 
As frautas traveseiras de cana e sabugueiro foron moi empregadas como xoguetes, iso si, algo avanzados, pois a técnica de soprar non é doada. Tamén se empregaron moito polos pastores nenos, mozos e adultos que, tendo que pasar longas horas coidando do gando, gustaban distraerse tocando nestes instrumentos. Debemos destacar que este tipo tan sinxelo de frautas foron instrumentos de aprendizaxe para aqueles rapaces interesados na música e que acababan moitas veces sendo gaiteiros. Con esta función aparecen por toda Galicia, pero sobre todo na provincia de Pontevedra e en Portugal.