Gaita de Cana
Monday, 01 de March de 2010
Para aprender a construír unha gaita de cana, preme a continuación: Gaita de Cana
Os instrumentos musicais clasifícanse segundo o sistema que produce o son. Nos idiófonos é o corpo do propio instrumento o que emite o son ao seren axitado, batido, rañado etc; nos membranófonos é unha membrana tensa a que soa ao seren golpeada ou refregada, nos cordófonos é unha corda tensa a que emite o son cando é pulsada ou refregada e nos aerófonos e o aire contido nun tubo o que é posto en vibración mediante lingüetas ou polos beizos do propio tocador.  
 
As gaitas de cana son aerófonos que pertencen ao tipo dos clarinetes, de feito son os devanceiros dos actuais clarinetes. Son bastante doadas de fabricar e foron empregadas en toda Galicia por nenos e adultos. 
 
Material: navalla, serra de marquetería, cana, ferriño e soprete.
Tempo de fabricación: 10 min aprox.
Para fabricar unha gaita de cana escolleremos un anaco de cana duns 25 cm de lonxitude e 1 cm de groso aproximadamente. Cortaremos a cana de xeito que nun dos extremos quede un nó e o outro fique aberto. Se a cana así cortada ten un nó no medio, eliminarémolo cun ferro quente e unha lima redonda ata que o interior quede perfectamente liso.
 
Unha vez conseguido o tubo, debemos labrar unha lingüeta no extremo máis próximo ao nó. Para elo faremos unha amosega a uns 4 cm do nó, e nela introduciremos a navalla inclinándoa e cravándoa na cana aproximadamente 1 mm, de xeito que, xirando a navalla, poidamos levantar a lingüeta que non debe ser moi grosa. Agora probaremos se a lingüeta soa, se non o fai deberemos adelgazala empregando a navalla. Se se para, deberemos tirar dela cara arriba ou introducir a navalla debaixo dela e alongala un pouco.
 
Unha vez conseguida a lingüeta hai que facer seis ou sete furados para os dedos. A norma tradicional di que se debe meter o instrumento na boca como se se fose a tocar con el, e alí onde caen os dedos de xeito natural deben facerse os furados. Isto resulta nunha distancia entre furados duns 2.5 cm, a distancia entre o furado superior e a lingüeta non é demasiado importante.       
 
Unha vez marcado o lugar onde irán os furados, empregando un ferriño duns 5 mm de diámetro quentado no lume ou cun soprete, furaremos a cana cons seis ou sete furadiños duns 5 mm de diámetro. Se poñemos sete furados o máis inferior non debe ir en liña cos outros, pois taparémolo co meniño e por iso debe ir lixeiramente descentrado respecto aos outros. Unha vez listos os furados sopraremos na gaita e veremos se a afinación está correcta, se non o está, podemos ir abrindo máis os furados empregando o ferro quente, ata conseguir o ton desexado. Hai que ter en conta que canto máis abramos un furado, máis alto será o ton.
 
As gaitas de cana aparecen por toda Galicia agás nas montañas do Oriente de Lugo e Ourense. O son do instrumento acádase mercé a unha lingüeta sinxela (pallón) que pode ser labrada directamente no corpo do instrumento (como acabamos de explicar) ou ben ser fabricada por separado e acolada ao extremo superior do tubo, producindo un instrumento moi semellante aos cantores de moitas gaitas de fol do Oriente europeo. Neste segundo caso, as lingüetas adoitan a ser elaboradas do mesmo material que o tubo cantor, mais por veces poden ser feitas doutro diferente; así, é frecuente acolar lingüetas labradas en pallas de centeo ou trigo a finos tubos de cana ou fornecer con lingüetas de sabugueiro instrumentos feitos de cana e viceversa.
 
Se estes instrumentos non chegaron á península ibérica e a Galicia en mans dalgúns dos seus primeiros poboadores, hipótese pola que desde logo nos inclinamos e que polo de agora non se pode descartar pero tampouco probar, é posible que o fixesen máis tarde como resultado das influencias culturais mediterráneas que a península ibérica e Galicia, seguramente nun grao moito menor, sufriron entre os séculos VIII e III a.C. Estas gaitas de cana valeron como instrumentos de aprendizaxe para futuros gaiteiros, constituíndo un dos seus pasos esenciais. Ademais, proporcionaron lecer a moitos nenos, por canto son consideradas máis ben como xoguetes que como instrumentos musicais dentro do noso sistema de cultura tradicional. Así e todo, unha gaita de cana ben construída pode ofrecer un partido musical extraordinario se é ben manexada e construída, xa que logo, dependendo de quen a toque e con que habilidade o faga, pode ser considerada como un verdadeiro instrumento musical.