Inicio arrow Galerías de Música arrow Paco de Escornabois
Paco de Escornabois Imprimir Correo-e
Friday, 25 de April de 2008

 

FRANCISCO VILLARINO OJEA, GAITEIRO DE ESCORNABOIS
 
Francisco Villarino Ojea, coñecido polos seus amigos como Paco, O Gaiteiro de Escornabois, é outro dos grandes mestres da gaita de fol galega que aínda fican entre nós. O Sr. Francisco naceu en Escornabois, concello de Trasmiras (provincia de Ourense), no ano 1924. De rapaz aprendeu o oficio de barbeiro que aínda hoxe desempeña e cando tiña 39 anos marchou emigrado para Alemania onde ficou 11 anos traballando.
Como tantos outros gaiteiros galegos, Paco iniciouse na música xa dende moi neno, tocando nas gaitas de alcacén que il mesmo fabricaba fornecéndoas con oito furadiños. Conta Paco que cando era neno devecía por tocar e que había moitos gaiteiros, o que o animaba aínda máis. Entre os máis famosos que lembra están: Inocencio e Modesto de Abavides, Marcial “O Rato” de Trasmiras, o “Foxe”, Eusebio e Carliños de Viladerrei, Ferrín da Xironda, etc.
A afición de Paco pola música non lle ven de familia, pois ninguén nela era músico, só súa nai era polo visto “moi antollada pola música”, de xeito que, cando Paco tivo 16 anos, e vendo a súa ansia, animouno a mercar unha gaita de fol. Nunha feira en Xinzo, Paco e ela falaron co artesán de Ganade (Celso González Dafonte, 1904-1988) que facía e reparaba unha grande parte das gaitas que se empregaban na Limia. Celso comprometeuse a facerlle unha gaita de fol a Paco, de xeito que ó día seguinte, un 15 de Marzo, Paco e súa nai presentáronse no taller de Celso e comezaron a facer a gaita. O torno de Celso era de volante (un neumático cheo de formigón) e Paco tivo que axudarlle dando pedal. En dous días de traballo a gaita ficou preparada, de xeito que o 19 de Marzo (San Xosé) ¡Paco xa tocou con ela na misa!.
Esta primeira gaita de fol de Paco parece ser que estaba afinada en Do, mais non lle durou moito; de seguida a vendeu e mercou outra en Vigo que, segundo Paco, estaba afinada en Sib. Tampouco esta a conservou moito tempo, pois un paisano de San Cibrao ó escoitar tocar a Paco e ver que ben soaba a súa gaita, antollouse dela e propúxolle que lla trocara pola súa ofrecéndolle ademáis 70 pesos. Unha vez feito o intercambio, este home pronto se decatou que o bon son non se debía a gaita senón á habilidade de Paco. Esta gaita de fol vendeuna Paco en Alemania por 70 marcos a un home de Allariz.
Nos últimos anos Paco tocou cun instrumento que lle mercara á nai do gaiteiro Antonio Teixeira Silva, o coxo de Guimarei, esta gaita de fol ten dado moito que falar. Trátase dunha gaita de catro voces fabricada en Sobrado dos Monxes e que polo tanto posúe, ademáis do punteiro e do roncón, un grilleiro e unha ronquilla que saen da mesma buxa en Y chamada “galleto”. Cando Paco a adquiriu, levouna a un artesán da zona e díxolle que quería que lle puxese dous roncóns máis, como unha gaita escocesa. O artesán así o fixo e engadiu dúas ronquetas a carón do ronco, ficando esí a gaita con nada menos que cinco bordóns . Esta gaita foi empregada por José Luis Fojo para xustificar o seu invento, a denominada gaita marcial, argumentando que na Limia se tocaran ese tipo de gaitas, sobran comentarios...o caso é que a gaita propia da Limia só ten ronco e punteiro como tubos sonoros, extremo no que coinciden tódolos gaiteiros entrevistados na comarca.
Despois de rematada a guerra e estando Paco na festa de Atás, viu tocar a un acordeonista (cun acordeón diatónico) xunto con un home que era gaiteiro, anque nese momento tocaba un frautín. Ficou moi impresionado polo ben que tocaba aquela parella. O gaiteiro chamábase Leopoldo Quiroga e era natural de Córgomo, a carón da Rúa no Barco de Valdeorras (Ourense). Viñera pola Limia escapado pois andaba perseguido polas súas ideas políticas e xa estivera na cadea. Un día Leopoldo apareceu por Escornabois, estivo a falar con Paco e proboulle a gaita, díxolle que non había outra mellor afinada pola redonda e ofreceuse a ensinarlle a tocala ben. Paco e súa nai aceptaron inmediatamente e Leopoldo ficou na súa casa durante 15 días recibindo, en pago pola súa sabedoría, comida, tabaco e un lugar para dormir. Paco convírtese así nun dos poucos exemplos de gaiteiros galegos con mestre, pois a maioría dos nosos vellos gaiteiros aprenderon observando e escoitando tocar a outros, pero non deste xeito tan directo. Comenta Paco que, si ben Leopoldo lle ensinou moitas cousas, “eu ía polo ritmo de miña nai” quen foi a súa verdadeira fonte de inspiración e coñecemento.
Paco aprendeu de Leopoldo multitude de pezas que aínda hoxe interpreta, pero tamén aprendeu a picar e a facer palletas. Leopoldo díxolle que un bon gaiteiro tiña que saber picar, repicar e repinicar, facendo referencia ó tipo de picados que un gaiteiro debía saber facer. O gaiteiro de Córgomo explicoulle a Paco que debía picar cos tres dedos da man esquerda, fixándose este recurso tanto en Paco coma noutros famosos gaiteiros da Limia. Esta mesma historia escoitámola en boca doutro dos grandes gaiteiros da Limia Juan Ferreiro Ferreiro, gaiteiro de Laroá, home finado hai uns anos e que, coma Paco, empregaba tamén profusamente os picados con tres dedos para ornamentar as pezas. Deste xeito, é posible que fose Leopoldo Quiroga quen introducise este xeito de tocar na Limia.
En canto á feitura das palletas, Leopoldo comentoulle a Paco que para ter unha gaita ben afinadiña, as palletas debían ser sempre pequeniñas, canto máis mellor, igual que os pallóns do ronco. Como tódolos nosos vellos gaiteiros, Paco fixo sempre as súas palletas que son pequenas e tirando a triangulares, como en toda a metade oriental de Galicia e tamén en Asturias. Para a súa confeción empregaba Paco cana de bambú, máis dura que a de escoba, pero de mellor resultado. Según nos conta Paco, unha boa palleta debe estar “arrouquiñada” referíndose ó son rouco que debe emitir para ser boa.
Para máis información sobre o entrono socio-cultural no que se desenvolveu estre grande gaiteiro pódese consultar o Catálogo de Músicos da Limia[1]
 
Os grupos de Paco
A formación musical característica da Limia é un gaiteiro acompañado por caixa e bombo, que ás veces pode ir fornecido cuns pratiños. Paco nunca tocou coa caixa soa, pois o bombo é fundamental para il, e comenta que outros gaiteiros tampouco o facían. Ó noso gaiteiro non lle gostan os pratiños, seica tapan o son da gaita, de xeito que toda a súa vida tocou cunha caixa e un bombo. Anque tivo outros acompañantes, sobre todo para o bombo, con quen máis tocou foi cos seus irmáns: José (caixa) e Ramón (bombo), cos que fai un conxunto marabilloso pola boa comunión musical que existe entre iles. Nunca vestiron nas súas actuacións o traxe tradicional galego do século XVIII e percorreron tódolos pobos da redonda chegando mesmo ata Rebordachao na serra de San Mamede. Parece ser que era moi frecuente que os domingos os contrataran as mozas para facer o baile e que tamén ía tocar a gaita na procesión e na misa ó longo da cal interviña varía veces. Polo Nadal saía Paco co seu bombeiro e caixeiro a tocar os reis que cantaban mozos e mozas ó mesmo tempo; caixa e bombo non tocaban nas melodías dos reis, só o final destas ou para anunciar a súa chegada ás casas.
 
O estilo de Paco
O estilo de Paco é moi semellante ó de outros gaiteiros da Limia pois estamos a falar dunha zona cunha personalidade moi marcada e bastante homoxénea. Tódolos vellos gaiteiros dixitan completamente aberto e non lembran que outros gaiteiros o fixeran de xeito diferente. Tampouco se apreza ningún resto de dixitación pechada coma ocorre noutras zonas de Galicia lindeiras coa Limia, así como tamén en Zamora e Portugal, polo que, se o tocar pechado existiu algunha vez na Limia foi suficintemente atrás no tempo como para que non fique ningún vestixio dil. Personalmente creemos que esta zona pertence a outra moito máis grande onde o pechado seguramente nunca existiu, pois na Península Ibérica, polas informacións que temos, só se tocou pechado, no século XIX e XX, en Asturias e nunha gran parte de Galicia.
A parte da dixitación aberta e un vibrato amplio, ó que nos teñen acostumados os nosos vellos mestres, os gaiteiros da Limia comparten un rasgo diferencial con outras zonas de Galicia do que xa temos falado: o uso dos picados como motivo ornamental constante ó longo das pezas. Como poderán escoitar neste traballo, Paco emprega estes picados tanto para repetir notas como para ornamentalas, picando con moita frecuencia e acadando así un ambiente ornamental totalmente diferente ó de outros gaiteiros galegos. Este tipo de picados execútanse con tódolos dedos que fiquen dispoñibles (apoiados no punteiro) da man superior (excepto o matapiollos), como xa deixamos dito este xeito de picar aprendeuno Paco de Leopoldo Quiroga, quen fose quizais o introductor deste estilo na Limia.
A maiores deste recurso propio da zona, Paco emprega e combina con mestría toda unha constelación de ornamentos que fan de seu tocar unha auténtica demostración de bo facer gaiteiro.
Por último dicir que o gaiteiro de Escornabois é, sen dúbida, un dos gaiteiros máis resistentes que coñecemos. Ós seus 82 anos de idade é quen de tocar horas e horas sen descanso e ¡sen repetir unha soa peza!, un mito que non tódolos gaiteiros acadan. Proba delo é que na actualidade segue a formar parte indispensable do Entroido de Castro de Laza sendo o principal músico desta celebración na que, durante os catro días que dura (de sábado a martes), interpreta as súas melodías durante todo o día batendo toda a parroquia rúa por rúa e casa por casa.
 
O repertorio de Paco
O primeiro intento de gravación que fixemos con este home realizouse nos estudos da Radio Galega. Paco ía ser acompañado por quen escrebe estas liñas e máis por un bon bombeiro, como xa tiñamos feito noutras ocasións, posto que, si xa é difícil achar percusionistas tradicionais, máis complicado é aínda poñelos de acordo e que se acolen a un gaiteiro de idade. As pezas que interpreta Paco son complicadas de seguir e o mesmo Paco é extremadamente esixente coa percusión que ten que ir ó seu gusto, así que moitas das pezas que estabamos a gravar saían mal acompañadas ó primeiro intento, mais Paco negábase a repetilas alegando algo moi curioso e que nos descolocou completamente: “para que imos repetir unha peza se podo tocar outra diferente...” despois de dúas horas de gravación Paco seguía sen se repetir...Isto danos unha idea do enorme repertorio que manexa este home, un dos maiores que temos achado. E non só iso, Paco é gaiteiro ata a médula de tal xeito que aínda hoxe, despois dunha vida enteira de gaiteiro, segue a integrar novas pezas no seu repertorio seguindo os mandatos da reelaboración comunal, dándolle a cada unha seu toque característico convertendo pezas comúns en auténticas xoias da transmisión oral.
O inmenso repertorio do gaiteiro de Escornabois inclúe muiñeiras, jotas, pasodobres, mazurcas, valses, viras, rumbas, medios pasos, lembrando incluso unha carballesa. Con todo, e como poderán apreciar nas gravacións que lles achegamos neste traballo, a especialidade de Paco é sen dúbida a muiñeira, achegamos varias da súa propia, e ás veces recente composición.
As fontes do repertorio de Paco foron fundamentalmente a súa nai, Leopoldo Quiroga e o acordeonista que o acompañaba, mais tamén todos aqueles vellos gaiteiros que antes pululaban pola Limia. Actualmente Paco grava a outros gaiteiros para aprender pezas deles e incluso obtén repertorio a través de fitas de casette onde escoita as pezas unha e outra vez ata conseguir aprendelas. A radio, as bandas de música e as orquestras, e en xeneral calquera fonte musical, son aproveitables para Paco como fonte onde saciar a súa sede de nova música. Sexa cal sexa a orixe da melodía este gaiteiro sábelle conferir un verdadeiro sabor galego, é un grandísimo reelaborador.
 
A gravación
Nas pezas que agora poden escoitar participan como caixeiro e bombeiro os irmáns de Paco, José e Ramón. Debemos salientar que é tremendamente complicado escoitar hoxe por hoxe un conxunto no que tódolos seus membros beberan directamente da tradición. José, o caixeiro, non ten desperdicio, demostra un fenomenal dominio da caixa e un gran virtuosismo no acompañamento, del podemos extraer boas leccións de como se debe tocar o tambor ó xeito tradicional. A este respecto Paco indícanos que “a caixa ten que arremedar á gaita”, con elo quer dicir que a caixa ten que cantar, ten que levar a mesma melodía que a gaita e para iso é preciso coñecer as pezas ó milímetro e ter os recursos técnicos para conseguir o mesmo nivel de expresión que a gaita de fol. José ten todo isto. Tamén conta Paco que o bombo é fundamental, gusta este gaiteiro, coma tantos outros dos nosos mestres tradicionais, dun pulso constante e obstinado no bombo que normalmente só se interrompe cando chegamos a unha cadencia, tal e como fai Ramón. O conxunto destes tres irmáns e fantástico, unha xoia das que xa non se escoitan.
Cando tempo despois da gravación Paco puido escoitar os temas de novo, queixouse de que algunhas das notas de arriba da súa gaita de fol estaban un pouco baixas, teñan esto en conta aqueles que ollen estas pezas como documento etnográfico. Pola nosa banda temos que engadir que os anos non pasan en balde para ninguén, Paco ten unha enfermidade nas súa mans que lle impide arrincar da gaita aquelo que quixera. Unha carencia de sensibilidade faille difícil achar os furados e un proceso artrósico limita a súa velocidade de execución, quen puidera ter feito esta gravación tan sequera 10 anos antes, cando nós o coñecemos, daquela seus dedos voaban polo punteiro facendo imposibles repeticións de picados...así e todo, o que tivo retivo...
 
Texto de Pablo Carpintero, cedido por Edicións do Cumio (Colección Os Nosos Gaiteiros).
Gravacións realizadas pola unidade móbil da Radio Galega en Escornabois, sendo técnico de son Pablo Barreiro.
 
 
Músicos:
Francisco Villarino Ojea: gaita de fol
José Villarino Ojea: caixa
Ramón Villarino Ojea: bombo
 


[1] Cástor Castro coordinador. VV.AA. Catálogo de músicos da Limia. Música Tradicional. Ed. Difusora de Letras. Artes e Ideas S.L. Ourense, 2005.


 

 
< Ant.