
José Marentes é considerado polos seus veciños como un dos mellores gaiteiros da zona, e non sen razón pois trátase, sen dúbida, dun dos mellores gaiteiros que Galicia ten coñecido: a súa técnica é excepcional, o seu gusto para interpretar, exquisito, o seu sentido da afinación, absoluto, e o ritmo deste home é incomparable. É un gaiteiro absolutamente completo dende todos os puntos de vista e, por se fose pouco, humanamente é unha persoa afable e entrañable.
Recapitulemos a súa vida como músico. Malia ter nacido no ano 1931 nunha pequena aldea da parroquia de San Martiño de Suarna (A Fonsagrada, Lugo), é coñecido polos seus veciños como o Gaiteiro de Santa Xuliana, outra pintoresca aldea do concello da Fonsagrada, a onde o Sr. José se trasladou xa hai moitos anos.
Na súa infancia viviu unha das épocas máis duras da historia recente de Galicia, a da posguerra. Dura polas condicións de vida, porque a outros niveis, sen embargo, é sempre botada de menos por toda a xente da súa idade. Todos coinciden nun aspecto: antes a xente divertíase máis que agora e sabían ben como facelo. Pese ás interminables penalidades económicas, aos durísimos traballos que había que facer para comer algo todos os días e á fortísima represión política en contra dalgúns dos seus costumes tradicionais, a xente das aldeas gozaba dun bo humor e dunhas gañas de leria envexables. José Marentes foi un dos elementos que a xente reclamaba para ás súas horas de lecer, para animar as festas e para facer os bailes.
Comezou a tocar cando ía coas ovellas, sendo un “chavaluco” de 7 anos, mais non comezou xa cunha gaita de fol, non; antes as cousas non funcionaban así. A maior parte dos gaiteiros tradicionais aprenderon a tocar empregando instrumentos que eles mesmos fabricaban e que en pouco se asemellan a unha gaita de fol, agás porque para facelos tocar había que mover os dedos e soprar. No caso do Sr. Marentes estes instrumentos foron as pipas de castañeiro e as pipas de alcacén.
As pipas de castañeiro fabrícanse coa cortiza enteiriza que é posible extraer na primavera dunha poliña de castañeiro que non teña nós. Así obtense un tubiño duns 30 cm de longo. Nel José practicaba, axudándose dunha navalliña, oito furados. Para facer soar o instrumento engádeselle, nun dos dous extremos abertos, unha pequena palleta, denominada tamén "pipa", que se fai co tubiño obtido a partir da cortiza dunha poliña máis fina. Este tubiño é esmagado entre os dedos resultando así unha lingüeta dobre. Coa navalla adelgázanse convenientemente as súas follas ata que rinche como é debido. Este sinxelo e ancestral óboe permite a execución de complexas melodías, podendo incluso requintar se o constructor-tocador é o suficientemente mañoso.
Nas pipas de alcacén (ou pipas de centeo) o tubiño sonoro obtense da palla do alcacén inmediatamente antes de que este comece a espigar. Cunha palla gorda e forte fabrícase un tubo aberto polo extremo inferior e pechado polo superior co nó natural da palla. Perto deste nó é onde se talla unha lingüeta semellante á dun pallón en miniatura (unha lingüeta sinxela). Na palla lábranse tamén de seis a oito furados. Este clarinete extremadamente primitivo permite a execución de calquera peza propia da gaita de fol, malia que neste caso, o requinteo é imposible.
Pois ben, estes foron os dous instrumentos cos que este home tocou durante varios anos, e cos que se decatou de que aquilo da gaita de fol lle ía ben e lle gustaba. Como xa era quen de ir tocando algunhas pezas nas pipas, cando tiña 10 anos decidiuse a mercar un punteiro cos seus aforros. Vendeullo un veciño seu, José da Chanta, de Rozabragada (San Martín de Suarna). Con el foi aprendendo pouco a pouco e, como lle pareceu que se lle daba ben, cando tiña 12 anos acordou mercar xa unha gaita de fol. Adquiriuna tamén en Rozabragada, a Pepe de Rancaño, e gastou nela nada menos que 8 pesos, corenta pesetas que aforrou no seu peto pouco e pouco (malia que un peso tívollo que prestar un veciño seu, Serafín, porque os seus aforros non consistían máis que en sete pesos). Contade que daquela o xornal diario dun traballador era dunha peseta máis ou menos!
Era unha gaita de fol das que na zona se denominan redondas (por contraposición ás grilleiras, máis agudas, e ás tumbais, máis graves) e tívoa ata os 15 anos. Estando un día coa súa facenda no monte, atopouse cun amigo seu de Villagocende e acordaron trocar as gaitas. O Sr. Marentes ficou coa de seu amigo. Esta era xa unha gaita de fol tumbal, unha gaita que xa lle facía os picados que tanto caracterizan seu estilo e dos que logo falaremos. Esta foi a súa gaita de fol durante moito tempo.
Con 16 anos xa comezou José a facer festas e a gañar cartos tocando xunto co caixeiro Avelino Álvarez de Sta. Xuliana, e dicimos caixeiro e non tamboriteiro porque na Fonsagrada non se coñecen os tambores de madeira dende polo menos finais do século XIX.
Conta José que unha vez tocando na festa de Vieiro achegóuselle un rapaz que devecía por tocar coma il, e, pensando que o segredo estaba na gaita, ofreceuse a mercarlla. O Sr. José díxolle que si, que lla vendía, pero que custaba moitos cartos; o rapaz contestoulle que pedira, e José pediu... polo alto. Cal non sería a súa sorpresa cando o rapaz aceptou o prezo proposto e José tivo que ficar de novo sen a súa gaita de fol.
A súa terceira gaita de fol conseguiuna en Vilarón, xunto dun home que tiña dúas. Mercou unha gaita de fol redonda feita por un tal Moia. Desta gaita de fol di o Sr. José que facía os picados estupendamente. Con ela tocou ata que se casou, ós 24 anos, con Emérita Fernández Tejedo, a súa actual muller. Despois de se casar e ao morrer os seus pais, parou José de tocar uns cantos anos.
Foi Emilio Fernández (O Pando da Fonsagrada) quen o animou a volver a facer as festas, e foi este mesmo home quen o instou a trocar a súa gaita de fol por unha nova feita por José Seivane na Riveira de Piquín. Seguindo este consello José vendeu a súa vella gaita de fol, malia que agora arrepíntese de telo feito, non só por cuestións sentimentais, senón porque di que nunca máis volveu achar unha gaita de fol que lle fixera tan ben os picados. "Tocar naquela gaita era gloria..." lembra este gaiteiro.
A primeira gaita de Seivane que tivo levou o mesmo camiño que as outras, foi vendida a algún incauto deses que pensan que as gaitas fan ós gaiteiros, mais inmediatamente mercou outra do mesmo artesán, que, segundo conta o Sr. José ¡foi fabricada en 8 días!. Esa é a gaita de fol que poden escoitar nestas gravacións. A ronquina (como il lle chama ao bordón de pallón que sae polo lateral do fol, por outra banda totalmente descoñecido nesta zona ata os anos 70 aproximadamente cando foi introducido por José Seivane) incorporoulla hai moi pouquiño tempo, e il mesmo confesa que antes non se estilaba.
José aprendeu a tocar escoitando as pezas doutros gaiteiros, malia que recentemente tamén a radio e as orquestras foron fonte de inspiración para o seu repertorio. Conta tamén que ao principio tocaba "todo seguido" como os demais gaiteiros, pero cando xa foi máis mozo, de 16 ou 17 anos, viu que había gaiteiros que tocaban facendo os mesmos picados que hoxe fai il. En concreto fixábase moito nun home de Vilar da Cuíña, Manuel da casa Pepín, que despois marchou para Bos Aires. Este home aprendera á súa vez dun gaiteiro da parte de Asturias coñecido por Andeu. Máis adiante explicaremos en qué consiste esta asombrosa técnica de picar.
Alá polos anos 50-54, cando José máis tocaba, cobraban unhas 100 pesetas por facer unha festa. Di José que daquela non se daba feito, botaba ata cinco días fora da casa tocando. Tiñan que ir a pé, saían das festas ás 5 da mañá e chegaban con día á casa. Entre os seus acompañantes máis frecuentes figuran Avelino Álvarez e tamén o tamboriteiro de Coea, ambos tocadores de caixa.
Comenta José que alá polos anos 60 as gaitas de fol comezaron a perder forza; seica foron os acordeonistas os culpables de que os veciños deixaran de chamar ós gaiteiros. Deste xeito, entre que se casara facía pouco e que seus pais morreran, parou varios anos de tocar ata que o Pando o convenceu para volver a tocar, como xa deixamos dito; así chegou este estupendo gaiteiro en forma ata os nosos días.
O ESTILO
O estilo deste gaiteiro ten en común con outros gaiteiros da Fonsagrada varios aspectos: o primeiro deles é unha dixitación pechada que produce o tan característico resoar da tónica entre nota e nota. No caso do Sr. Marentes este efecto está un pouco suavizado posto que o punteiro que emprega non emite o cuarto grao coa postura pechada e isto impídelle unha execución completa da súa dixitación. O segundo aspecto estilístico que José Marentes comparte con outros gaiteiros da Fonsagrada é o seu repertorio. Este fundaméntase en dous tipos de pezas ben diferentes: unhas herdadas doutros vellos gaiteiros e que compoñen un corpus musical propio e característico da Fonsagrada, con xotas e muiñeiras ben diferentes daquelas doutras zonas de Galicia como ben poderán comprobar. É moi característico deste repertorio o tocar requinteado e as pezas con numerosas partes nas que sempre participa a improvisación dun xeito considerable, tanto na alternancia case aleatoria das partes como na interpretación da melodía, suxeita sempre, en cada repetición, a múltiples variacións.
O segundo tipo de pezas do seu repertorio está composto por aquelas músicas que este home escoitaba ás orquestras, ás bandas de música e na radio, e que forman a parte moderna do seu repertorio.
Non entanto, o máis característico do estilo deste home son, con moito, os "picados" dos que xa algo temos falado. Todos sabemos que un picado é a interposición entre dúas notas (iguais ou diferentes) dun minúsculo silencio. Como a gaita de fol é un instrumento de son en principio continuo, en moitos textos sobre o noso instrumento achamos de cote a idea de que na interpretación con gaita de fol os verdadeiros picados son imposibles, substituíndose estes por mordentes, é dicir por outras notas musicais. Este gaiteiro é a proba vivinte de que esta concepción está absolutamente equivocada. O Sr. Marentes consegue introducir entre dúas notas, e a vontade, auténticos silencios. Para acadar este efecto realiza os picados empregando o matapiollos da man superior, destapando o pequeno furado posterior do punteiro. Deste xeito consegue que o punteiro cese completamente de emitir o seu son, sen que por iso o ronco deixe de soar. É dicir, para acadar estes picados non deixa de apertar o fol, conségueos sinxelamente mediante este xeito especial de dixitación.
Malia que outros gaiteiros da zona intentan acadar este efecto, soamente José Marentes o consegue con nitidez e a pracer, polo que é o único e derradeiro representante digno da escola a que pertencían Andeu e Manuel de Pepín, escola que outrora gozou de forza na zona da Fonsagrada e partes lindeiras de Asturias, e que agora corre serio risco de desaparición posto que practicamente non existen gaiteiros capaces de interpretar seguindo este estilo.
Moitos de vostedes observarán que a execución destes picados non é sempre todo o nítida que o gaiteiro quixera; na súa defensa alegaremos, unha vez máis, que a consecución dos mesmos é algo extremadamente difícil, posto que supón un control absoluto sobre o tempero do fol. A presión do ar dentro do fol, malia que constante, debe ser tan baixa que permita ao punteiro deixar de soar ao destapar o furado posterior e, ao mesmo tempo, suficiente para que as notas entre as que se introducen os picados segan a soar unha vez volto a tapar o furado posterior. Por se fora pouco, a presión do brazo debe manter a afinación de tódalas notas do punteiro sen excepción, permitir o requinteo, e ser suficiente para que os bordóns continúen a soar en todo momento. A consecución de todos estes requisitos simultaneamente converten ao Sr. Marentes nun gaiteiro absolutamente excepcional. Por se fose pouco, na técnica interpretativa deste gaiteiro aparecen con frecuencia uns característicos pequenos glisandos que é quen de facer sobre case calquera nota do punteiro, e as medias notas coas que ornamenta multitude de pezas. A combinación de picados, glisandos e medias notas fai que o seu estilo se converta no máis complexo e difícil que conservamos en Galicia.
O ACOMPAÑAMENTO
En canto ao acompañamento percutivo na zona da Fonsagrada, xa dixemos que dende principios do século XX, consiste sempre nun "tamboriteiro" ou "caixeiro", invariablemente armado cunha caixa de parafusos das que se empregaban nas bandas de música. Máis tarde introduciuse o bombo e, ocasionalmente, as baterías ou "jazz" ou os bombos con pratiños.
Texto de Pablo Carpintero para a edición discográfica “José Marentes” da colección “Os Nosos Gaiteiros”, cedido por Edicións do Cumio.
|