Na muiñeira vella, o home ten unha actitude marcadamente solista, con total indiferenza e pasividade dos movementos da muller. Aquí vese unha afirmación do poder social do home sobre a muller. Por outra parte, ten un carácter tribal, máxico e de fecundidade pois o home desenvolve un ritual no que intenta cercar e asoballar á femia utilizando saltos e desplantes, acentuando o ritmo con fortes zapateados. Mentres os homes empregan o seu maior lucimento, as mulleres bailan en actitude recolleita, pasiva, demostrando sometemento co seu bailar de movemento moderado, con pasos curtos, e mirada no chan.
Esta variante da muiñeira ten unha estrutura fixa, sen grandes movementos no espazo, e identifícanse nela tres partes ben definidas: descanso ou paseo, punto e volta. En Galicia, atendendo á súa forma e segundo o número de participantes na súa realización, distínguense tres tipos de muiñeira vella:
-A bailada por un home e sete mulleres.
-A bailada por un home e dúas mulleres.
-A bailada por dous homes e dúas mulleres.
Grazas aos veciños de Limiñoa, que teimaron na conservación deste baile herdado dos seus avós, puidemos documentar a bailada por dous homes e dúas mulleres na súa forma completa. O baile que veredes é de estrutura fixa, dividíndose sempre nas tres partes arriba citadas. No descanso, as parellas sitúanse enfrontadas, formando un cadrado. Ao toque dunha palmada que realiza un dos homes, xiran todos os bailaríns cara o interior do cadro, este xiro realízano en tres pasos, e comezan o paseo en desprazamentos verticais cos brazos caídos, realizando movementos cara diante e cara atrás. Este paso repíteno un número indeterminado de veces, ata comezar o punto. Neste, manteñen a mesma posición, coa diferenza de que os homes bailan enfrontados entre si, e as mulleres enfrontadas co lateral dos homes. Durante a execución do punto, os brazos dos homes están erguidos e ríxidos, coas palmas das mans pechadas e os dedos apertados. Polo contrario a muller mantén os brazos caídos, mentres realiza desprazamentos laterais con pequenos pasiños debuxando no chan a figura dun oito. Despois de repetir o punto un número indeterminado de veces, este remata polo xeral cun zapateado dun dos homes que indica o comezo da volta. Na volta homes e mulleres forman unha roda, de xeito que cada muller vaia detrás da súa parella. Distínguense aquí dous movementos: no primeiro tanto homes como mulleres, levan os brazos ao longo do corpo, e simplemente van camiñando ao ritmo da música. Ao aviso dun dos bailadores, cambiase a figura da roda. Os bailadores erguen os brazos, coma no punto, e trocan o sentido da marcha, as mulleres manteñen os brazos ao longo do corpo e tamén trocan o sentido da marcha. Nese momento, homes e mulleres desfán a roda formando un pequeno tablón (unha fila que xira sobre o seu centro), de xeito que os homes vaian por dentro e as mulleres por fora. Os homes van enfrontados lateralmente entre si, e as mulleres pegan a cabeza no ombro da súa parella. A volta remata volvendo todos á posición do paseo.
En Limiñoa acompañan esta muiñeira sempre coa pandeireta, executando o denominado toque empuñado. O ritmo de muiñeira consiste na execución obstinada de tresillos que se executan mediante tres contactos sucesivos da man coa pandeireta: dous na parte dianteira do puño, e un no pulso. Na muiñeira vella acentúase o segundo contacto da man coa pandeireta, mentres que na muiñeira nova acentúase o primeiro de cada serie de tres golpes, de xeito que o efecto producido traca substancialmente dunha a outra. Par entendernos digamos, como os nosos portadores, que a muiñeira vella soa: ta-tá-ra, ta-tá-ra, ta-tá-ra; mentres que a nova tá-ta-ra, tá-ta-ra, tá-ta-ra.
Durante o baile, as pandeiretas marcan con golpes secos o cambio do paseo ao punto. As coplas son moitas veces tríadas octosilábicas en lugar de cuartetas. Unhas tríadas poderían ser:
Cara de cucurrucue
fuches durmir ao palleiro
levas as pallas no cue
O baile sale da panza
o que non come nin bebe
ten ganas de pouca danza
Estas coplas aluden normalmente aos bailadores ou a partes do baile. Por exemplo, unha das que escoitaredes a continuación comeza dicindo: dade volta d’arredor; o que indica que o punto remata e comeza a volta.
Texto de Gustavo Couto, baseado en: Anxo Martínez San Martín. Historia e Evolución da Danza en Galicia. En: Galicia fai dous mil anos. O feito diferencial galego, II: Música e Danza. Ed. Museo do Pobo Galego. Santiago, 1997; pp. 110-113.