Como continuación do proxecto iniciado no ano 2005 presentouse o sábado 13 de xuño no Museo da Limia o libro-disco: Os sons da Limia, Música tradicional na que baixo a coordinación do Concello de Vilar de Santos e o Museo da Limia colaboraron distintas institucións de ámbito galego.
No acto estiveron presentes máis dun cento de persoas entre as que estaban numerosos músicos referenciados na obra así como familiares e autoridades.
Na primeira parte do acto tiveron lugar intervencións por parte do Alcalde de Vilar de Santos e Presidente do Padroado do Museo da Limia, os investigadores e autores da obra, os editores da obra e o Vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo. Posteriormente os músicos convidados agasallaron aos presentes cunha demostración ao vivo do seu bo facer.
O Alcalde de Vilar de Santos fixo referencia a que esta publicación contribúe a poñer en valor a cultura tradicional de moitos veciños e veciñas da Limia que son transmisores do noso patrimonio cultural inmaterial. Esta nova publicación significa un paso máis e unha aposta clara pola recuperación, conservación e potenciación da nosa identidade cultural e o noso patrimonio e as tradicións da comarca da Limia. Tamén resaltou a importancia de recoller a información para crear un corpus escrito e documental.
Pola súa banda, o representante da editorial Difusora de Letras Artes e Ideas fixo especial fincapé ao importante número de traballos derivados dun primeiro catálogo do ano 2005. Por sinalar algúns, catro especiais de “Alalá” (TVG), dous programas de “Lume na Palleira” (Radio Galega) así como o premio “Recuncho da Palleta” do ano 2005 ao Museo da Limia.
Ademais, un dos autores do traballo, Cástor Castro, destacou a dificultade da escolla dos materiais que aparecen na publicación entre os que se achan distintos ritmos musicais, romances ou cantos de cego, polo abundante número de gravacións dispoñibles na actualidade.
O Vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area, sinalou a importancia da relación entre universidade e sociedade, que se materializa a través de numerosos convenios con empresas e institucións e traballos como o que hoxe se presentou. Tamén fixo referencia á necesidade de dispor de traballos que valoricen a lingua e cultura galega, como a presente obra, pois a lingua é necesaria para a transmisión da cultura e reciprocamente, a cultura necesita dunha lingua viva para a súa transmisión.
Finalmente o Alcalde anunciou a continuidade da aposta do Concello de Vilar de Santos por este tipo de iniciativas relacionadas co fomento e promoción da nosa cultura, o noso patrimonio e a nosa lingua.
Contidos da publicación:
Consta dun CD de 70 minutos cunha selección de 38 gravacións de campo de música tradicional limiá (coplas de fiadeiro e de ronda, cantos de reis, romances de cego, temas instrumentais de gaita, acordeón, frauta) e interpretados polos portadores: Juan Ferreiro de Laroá, Hermelinda do Muíño, Laura Lorenzo Seguín, música de Vilar, orquesta Sinola, Delfín García de Trasmiras, Paco de Escornabois, Francisco de Cualedro, Dámaso de Carpazás, Delfín de Nocedo…
Ademáis, inclúe un libro de 50 páxs. cunha parte introductoria sobre a música limiá a cargo de Pablo Carpintero e comentarios aos temas de Cástor Castro.
Promovido polo Concello de Vilar de Santos, Museo da Limia, Consellerías de Innovación e Industria e Cultura e Deporte, Xacobeo, Universidade de Vigo e o Proxecto Ronsel.
|