Antroido de Vilariño de Conso

 
<< Start < Prev Next > End >>

Description

Antroido de Vilariño de Conso
Os concellos ourensáns de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso teñen un xeito similar de celebrar o entroido, caracterizado pola presencia dunhas comitivas carnavalescas chamadas foliós. Cada parroquia ten o seu folión, no que participa todo o pobo sen distinción de idade ou sexo. A estructura do folión é similar nas tres zonas ás que nos referimos: está formado por dúas máscaras, chamadas boteiros en Viana e Vilariño e sen nome específico en Manzaneda, aos que segue o resto da aldea, levando os mozos máis fortes uns bombos de grandes dimensións feitos artesanalmente, mentres que o resto levan apeiros de labranza (gadañas, sachos, legóns,...) que fan soar con outra peza metálica. Estes instrumentistas visten uniformes máis ou menos homoxéneos e elegantes. Os foliós van tocando ininterrompidamente os tambores e os apeiros, producindo un ritmo monótono.
Os boteiros de Vilariño de Conso visten polainas de coiro, calzón cinguido á perna, de viva cor e con fitas de cores cosidas á xeito de bandas horizontais, e camisa branca cun debuxo nas costas. A máscara de forma cilíndrica e moi axustada cobre toda a cabeza; representa sempre unha cara de home con barba, patillas e bigote. Remata a máscara unha prancha de forma cuadrangular ou rectangular, totalmente decorada con bandas de cores, lisas ou colgantes. Na cintura levan unha serie de chocas, non menos de oito, prendidas dun cinto ancho de coiro e con panos da cabeza ao redor. Nas mans, cubertas con guantes brancos, levan a monca, pao pintado con dúas cores en espiral, cun cordón na punta do que pende unha bola de trapo tamén de cores.
Os boteiros son incansables que non paran de brincar, correr e moverse. Exercen ademais, a función de directores da comitiva, ordenando que deteña a marcha, que dea a volta, que pare o son ou que abra o paso, sempre sen falar, facendo unha serie de señas, como parar a brincar, facer soar as chocas ou amosar a monca en vertical ou en horizontal.
 
Fotografia de Fernando Garcia