Os Silvas de Monforte
Wednesday, 14 de May de 2008

 

Este é un dos últimos cuartetos tradicionais (gaita de fol, clarinete, tambor e bombo) que ficaban en activo en Galicia no ano 2002 data na que puidemos entrevistarnos cos seus compoñentes. Os Silvas estaban compostos naquela altura por Jesús e Arturo Rodríguez Sampaio, clarinete e tambor respectivamente, naturais de Vilaúxe, no concello de Chantada (Lugo), Claudio Pombo Pérez, gaiteiro da Pobra de Brollón (Lugo) e Ovidio, bombeiro de Monforte (Lugo).

Jesús naceu no 1920, fillo de Avelino Rodríguez Fernández, gaiteiro de Vilaúxe. Este home tocaba cunha gaita de fol que fora feita polo Loureiro de Soutariz (Vilaúxe, Chantada) e facíase acompañar polo seu veciño Manuel, tamborileiro que aínda usaba un tambor de cordas. Conta Jesús que a gaita de fol de seu pai só tiña roncón e punteiro, que as ronquillas viñeron moito máis tarde.

Jesús comezou a tocar cando era neno empregando unhas gaitiñas feitas de avea nas que poñía seis furados. Metía dúas na boca, con unha facía a melodía e coa outra facía o bordón. Tamén construía frautas rectas de bisel, de fondo aberto e oito furados, empregando codia de castiñeiros, ás veces eran tan grosas coma o rabo dunha vasoira. Con este mesmo material construía gaitas de castiñeiro ás que lles poñía unha palletiña tamén feita da codia dunha poliña de castiñeiro, e aínda facía punteiros de sabugueiro de oito furados que facía soar cunha destas palletiñas feitas de codia verde de castiñeiro. Jesús lembra aínda máis instrumentos que se tocaban cando el era neno. Por exemplo, os cornos das vacas que se empregaban para chamar ao concello ou para xuntar as cabras para levalas ao monte ou os bufagatos, que consisten en rodeliñas de metal dentadas nas veiras, que se traspasan no centro en dous sitios por un cordel e que, manexándoas adecuadamente, dan voltas con moita rapidez ao estirar os cordeis (noutras zonas estes instrumentos reciben o nome de fungos ou zumbadoiras).

Con estes instrumentos Jesús foi tirando uns aniños ata que un día decidiu collerlle a gaita de fol a seu pai; marchou cun amigo para un souto a tocar nela agachados no trobo dun castiñeiro. De alí a un anaco fixáronse que seu pai os estaba observando e marcharon coma foguetes correndo para a casa, seu pai pillounos na metade do camiño e díxolle a Jesús: “vente tocando que non che vou pegar”. Despois daquel episodio Avelino encomendoulle unha gaita de fol para Jesús ao Loureiro de Soutariz. Co tempo Jesús trocou esta gaita de fol por outra feita no obradoiro da Deputación de Lugo por Paulino Pérez. Seu irmán Arturo, nacido no 1927, sempre tocou a caixa con Jesús, malia que ultimamente trocou esta por un tambor de cordas. Xuntos, aló polo 1932, formaron en Vilaúxe o grupo “Os Silvas”, composto por: Jesús (gaita de fol), Arturo (caixa), José González (gaita de fol) e Basilio González, o irmán de José (bombo) todos eles de Vilaúxe. Co paso do tempo Jesús trocou a gaita de fol polo clarinete de xeito que unhas veces tocaban dúas gaitas de fol facendo voces entre elas, e outras gaita de fol e clarinete, que sempre levaban a mesma voz. Con este grupo percorreron todo o concello de Chantada e o veciño de Carballedo, ían ao antroido da Ribeira Sacra, ás festas de San Pedro de Líncora, as festas de Castro de Carballedo e a moitos outros lugares.

Jesús, como todos os gaiteiros tradicionais, facía todo o que a súa gaita precisaba: os pallóns das canas dos foguetes ou de sabugueiro (seica son os mellores), as palletas das canas das vasoiras (co xugo de cana e o ferrete dunha lata enrolada) e os foles de pelica de cabrito ou dun gato grande. Estas pelicas curtíanse remollándoas nun caldeiro de auga con fariña sen peneirar ata que lles caía o pelo, despois lavábanse ben e, antes de que secara, atábanse nas buxas da gaita de fol. Para atar e pechar o cu da pelica, poñíanlle unha rodiña de cortiza.

No ano 1951 Jesús e Arturo viñéronse para Monforte e Pepe marchou para Bos Aires, co que o grupo ficou desfeito. Así pasaron varios anos sen tocar ata que, no 1958, volveron a organizar o grupo, esta vez composto por Jesús e Arturo, no clarinete e a caixa, Alberto Sánchez de San Pedro de Lor (Quiroga) na gaita de fol, e seu irmán Antonio Sánchez que tocaba o bombo con pratiños.

O actual gaiteiro dos Silvas, Claudio Pombo, incorporouse aos Silvas máis tarde. Entre as súas primeiras lembranzas musicais Claudio recorda ao cego de Eixón (Pobra de Brollón), un home que tocaba o violín e o acordeón para acompañar os seus cantos, que ás veces eran coreados pola voz dunha querida que levaba con el. Tamén lembra Claudio que había un home en Salcedo, alcumado “O Alemán de Salcedo” que tocaba o birimbao, malia que non lembra a ninguén máis que tocara este instrumento, si que recorda que cando andaba no monte co gando e chovía, O Alemán metíase debaixo dun gran paraugas e tocaba alí.

Claudio comezou a tocar a gaita de fol moi tarde para o que é normal nos gaiteiros tradicionais, aos 20 anos. Empezou só, pero despois aprendeu algunhas cousas do seu compañeiro Emilio Estévez (Quiroga, Lugo). Antes de militar nos Silvas de Monforte, formou parte dun grupo que se chamaba “Nova Xuntanza” no que o tambor e o bombo os tocaban os seus fillos. Coma Jesús, este gaiteiro tamén facía todos os compoñentes da súa gaita de fol dun xeito moi semellante ao de Jesús. Claudio comezou a tocar cunha gaita de fol de roncón e punteiro, seica así eran, desde sempre, todas as gaitas de fol da súa zona (O Caurel). Hai uns anos Xosé Lois Foxo “arranxoulle” esta gaita de fol e meteulle dous bordóns máis no ombreiro ao máis puro estilo escocés...

 
Os Silvas teñen un bonito repertorio e debemos destacar que conservan pezas moi antigas, entre elas inclúen algunhas composicións que temos documentadas na comarca de Ordes ao gaiteiro e clarinetista Andrés Rodríguez de Vilamaior (Ordes). Tocan muiñeiras, carballesas, xotas, pasodobres, valses etc. aquí achegamos algunhas destas pezas.
 
Texto de Pablo Carpintero.
 
 

Powered by MPJax Plugin
Quoc-Huy